As Letras 2016: Xela Arias, Carvalho Calero ou Manuel María

Fachada da Real Academia Galega © CCG

Cousa de tres. O autor ou autora homenaxeada na celebración das Letras Galegas 2016 sairá da terna formada por Xela Arias, Ricardo Carvalho Calero e Manuel María. O plenario da Real Academia Galega reunirase o vindeiro 4 de xullo para escoller o homenaxeado ou homenaxeada. Os tres candidatos xa o foron o pasado ano, nunha votación na que finalmente resultou escollido Xosé Filgueira Valverde.

Xela Arias (Lugo 1962-Vigo 2003) é, ao igual que o pasado ano, a única muller da relación de propostas. Tradutora e poeta, Arias estivo vinculada á editorial Xerais dende os seus comezos. A súa andaina literaria principiou en 1986, ano no que lanzou Denuncia do equilibrio, un poemario innovador co que foi finalista do Losada Diéguez. En 1990 publicou Tigres coma cabalos, obra en colaboración co fotógrafo Xulio Gil. En 1996, publicou Darío a diario. O seu derradeiro libro, Intempériome, viu a luz en 2003. Como tradutora, trouxo ao galego obras de Fenimore Cooper, Fernández Flórez ou James Joyce.

Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña 2004) estreouse na escrita en 1950 con Muiñeiro de brétemas, título co que se abriu a corrente poética Escola da tebra, caracterizado pola angustia da época logo da guerra e por unha vertente social. Pouco despois virían outros títulos seus como Morrendo a cada intre, Advento ou Mar maior. Ademais da poesía, Manuel María cultivou o teatro, o ensaio e a narrativa e, ademais, trátase, a día de hoxe, dun dos autores máis musicados en Galicia

E que máis se pode dicir de Ricardo Carvalho Calero? O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio, sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido recoñecido ata agora nas Letras.

Fachada da Real Academia Galega © CCG
Xela Arias, Carvalho Calero e Manuel María Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.