'Mírame cuando te hablo', a webserie da Estrada que derruba barreiras

Gravación da segunda tempada da serie © Mírame cuando te hablo

Mírame cuando te hablo é unha webserie da Estrada que nos últimos meses acadou un extraordinario éxito. De público, dende logo, superando por exemplo o seu primeiro capítulo as 24 mil visualizacións en youtube. Tamén en canto a recoñecemento crítico e profesional, pois a produción foi premiada no Toronto International Film Festival (Canadá) e no Festival de Lengua de Signos de Andújar (Jaén), ademais de participar noutros importantes certames en Hong Kong, Birmingham, Madrid, Donostia, Miami e Roma. E é que a particularidade da serie é que emprega a lingua de signos, sendo pioneira en España. Nestes momentos o equipo de Mírame cuando te hablo está gravando a segunda tempada da serie.

Está dirixida por Veru Rodríguez, presidente ademais de Idendeaf, unha asociación para a producción e formación audiovisual en lingua de signos. O premio recibido o pasado mes de xuño no Festival Internacional de Cine en Lingua de Signos de Toronto foi a confirmación definitiva para unha produción que rompe barreiras e que neste momento busca patrocinadores e outros apoios para consolidar a súa aposta, mellorar a calidade da produción e, se é posible, ser distribuída tamén a través da televisión. O propio Veru Rodríguez demanda que as televisións, sobre todo as canles públicas fagan unha aposta por emitir contido propio adaptado para este sector da poboación.

Rodríguez, fillo de pais xordos, destaca que a súa afección polo audiovisual lle vén dende pequeno "cando o meu pai gravaba e montaba as súas cintas en súper 8" e, posteriormente, "facendo dobraxes e montaxes cos amigos". "Consciente da grande ausencia de contidos dirixidos ás persoas xordas" lanzouse "á aventura" de crear a asociación "onde investigamos, innovamos e desenvolvemos un novo audiovisual". 

Esta semana comezou a gravación da segunda tempada da serie, con algúns cambios, como a participación na elaboración dos guións de persoas xordas, a incorporación dunha profesional de maquillaxe e o paso de rodar nun piso a facelo nun plató. Algunhas das singularidades da produción afectan á propia gravación e encadre das escenas, pois en todo momento deben verse nos planos as mans dos e das protagonistas mentres falan. E, ademais, necesítase unha dobraxe posterior, para as persoas non xordas, o que encarece unha produción que como moitas deste tipo conta con poucos recursos e sae adiante en boa medida grazas ao esforzo voluntario de moitas persoas.

Gravación da segunda tempada da serie © Mírame cuando te hablo
Parte do equipo da serie © Mírame cuando te hablo
Presentación da serie © Mírame cuando te hablo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.