"A cultura do lecer inmediato non debera impoñerse a outras formas de relacionarse co medio"

Manuel Pedrosa, autor de 'Entre pastores e lobos' © Cedida

Cinco anos de rodaxe no Macizo Central, gravando lobos salvaxes, deron para artellar o documental Entre pastores e lobos, de Manuel Pedrosa. Un traballo que analiza a convivencia entre este animal e o que queda do pastoreo tradicional a través das voces dos pastores e de biólogos expertos para propoñer, tamén, unha reflexión sobre o futuro do monte partindo do seu presente e do seu pasado. Entre pastores e lobos poderá verse o mércores 7 de abril ás 20:00 horas no Teatro Principal de Santiago, no marco da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Falamos con Pedrosa. 

Entre pastores e lobos seguiu a vida das mandas de lobos no noroeste da Península: entre Zamora, León, sureste de Galicia e norte de Portugal. Como xurdiu o proxecto? 

En realidade esa é actualmente a zona da Península Ibérica con maior densidade da poboación de lobo, pero nós decidimos restrinxir a localización do documental ás montañas do Macizo Central Ourensán. O proxecto xurdiu a finais de 2014, despois de rematar unha produción sobre os ríos do norte ibérico con David Suárez. 

Nese momento, o noso amigo o biólogo Pedro Alonso, xunto ós axentes forestais Juan e Tomás, realizaban un estudo das mandas de lobos do Parque Natural do Invernadeiro e serras contiguas utilizando cámaras de fototrampeo. Despois de moito falar, e vencer as reticencias iniciais de asumir un proxecto longo sen financiamento, pouco a pouco o proxecto foi tomando forma. Quixemos aproveitar a oportunidade de mostrar o traballo científico en torno ao lobo, a evolución dun ecosistema humanizado e a relación cos pastores como verdadeiros arquitectos da paisaxe a escala humana.

Como foron tomadas as imaxes dos lobos salvaxes? Canto tempo estivestes rodando? 

Os lobos son animais moi esquivos e discretos, vailles a vida niso. Conseguir imaxes de lobos salvaxes sen influír no seu comportamento foi un dos maiores retos. Detrás desas imaxes hai moito traballo previo de localización e moita paciencia agardando ter a oportunidade de filmar comportamentos da vida dos lobos. Un traballo en equipo entre eu, Pedro Alonso, Mariam Mariño e Pablo Marín. 

“Conseguir imaxes de lobos salvaxes sen influír no seu comportamento foi un dos maiores retos”

No relato é moi importante a idea de proceso, de ciclo. Cóntase así, por exemplo, como a parella reprodutora dun grupo muda tres veces en catro anos. Era un dos obxectivos do documental explicar como evolucionan as familias de lobos?

Si, en relación á bioloxía dos lobos, interesábanos especialmente reflectir a evolución destes grupos familiares para achegar a idea de que a dinámica poboacional dos lobos está influenciada por factores ambientais e sociais que chegan a orixinar grandes cambios en moi pouco tempo.

Nuns 500-700 quilómetros cadrados, explícase, hai entre 22-23 e 45-50 lobos. Parecen poucos. Pode que un dos obxectivos sexa tamén loitar contra o estereotipo do “exceso” de lobos. É así? 

Como depredadores sociais, os lobos organízanse en grupos familiares xerarquizados e a súa vida transcorre en territorios delimitados, de maior ou menor extensión segundo o tipo de hábitat e a dispoñibilidade de alimento. As cifras que comenta Pedro Alonso no documental, correspóndense ás 5-6 mandas que habitan estas montañas e nas que se puido comprobar a reprodución durante estes anos. No inverno, os grupos están máis cohesionados, chegando a 8-10 exemplares, e a partir da primavera os xuvenís do ano ou anos anteriores comezan a dispersarse buscando novos territorios onde establecerse. 

Por iso esa oscilación no número de lobos que compoñen cada manda. Digamos que, a grandes trazos, ese é o funcionamento natural dos lobos. Se son moitos ou poucos lobos xa é unha percepción na que estatisticamente ten moito peso o sector social que conteste á pregunta, a resposta está moi condicionada pola actividade laboral desenvolvida. O mesmo número de lobos pode parecerlle un exceso a quen ten danos na súa gandería, e moi poucos lobos a quen quere observalos cando sae a gozar por ocio ao campo.

O documental retrata, tamén, o pastoreo tradicional, que reivindica como un oficio en perigo de desaparecer, moi integrado coa natureza. Os pastores defenden o lobo, aínda que algunha vez lles coma unha ovella -parte do seu traballo é, precisamente, evitar iso-. Por que decides centrar o documental na relación entre o lobo e este tipo de pastoreo?

“Interesounos contar como evolucionou a gandería tradicional nestas serras nos últimos 30 anos como exemplo de transformacións similares acontecidas noutros espazos de Galiza, incluso a nivel estatal ou europeo”

Interesounos contar como evolucionou a gandería tradicional nestas serras nos últimos 30 anos como exemplo de transformacións similares acontecidas noutros espazos de Galiza, incluso a nivel estatal ou europeo. A intensificación da agricultura e a gandería, a emigración da poboación rural cara ás cidades, provocou en amplas zonas un abandono das actividades tradicionais agrícolas e gandeiras. Como consecuencia, a sucesión natural da vexetación favoreceu a formación de matogueiras e bosques novos. En termos xerais, isto axuda a especies forestais coma os herbívoros salvaxes, que atopan refuxio e alimento, e tamén ós depredadores coma os lobos. Ao ter máis dispoñibilidade de presas silvestres, teñen máis alternativas para non ter que depender exclusivamente do gando e a súa presenza é máis discreta. 

Paralelamente, comentábannos os pastores, aumentou o número de cans de garda nos poucos rabaños que quedan. Con 7-8 mastíns, os lobos xa non son a principal preocupación, aínda que estean presentes a diario no pensamento de quen pastorea a res. Sen embargo, esta situación, á que se chegou despois de varias décadas, pode mudar rapidamente. As poboacións de ungulados silvestres pasan por ciclos nos que a caza, as enfermidades ou a predación fan diminuír as súas poboacións e os predadores optan entón por aproveitar calquera recurso, e a gandería extensiva é a alternativa.

O documental está estruturado a través dunha voz en off -un narrador- moi presente, ademais das entrevistas con pastores e con expertos: biólogos. Quen son esas fontes? Como deches con eles e como foi traballar con eles?

A opción de empregar un narrador, a pesar de ser conscientes de que non é tendencia no documental moderno, pareceunos axeitada para complementar as intervencións dos biólogos e achegar unha temática complexa, en especial na evolución destas montañas e na dinámica dos grupos de lobos. A Pedro Alonso coñecémolo hai moito tempo. Biólogo especializado no estudo da poboación de lobo en Galiza dende hai máis de 30 anos, estivo inmerso no proxecto e no equipo de realización do documental dende a idea inicial. 

Imaxe de 'Entre pastores e lobos' © Manuel Pedrosa

“Como din os pastores, ten que che gustar estar no monte, se non non aguantas. Aínda que o noso traballo non poida compararse á dureza da rutina diaria gardando da res”

A súa vez, polo seguimento do lobo no Parque Natural do Invernadeiro e Serra de Queixa, Pedro tiña contacto con Isabel Barja, bióloga e investigadora na Universidade Autónoma de Madrid, que tamén leva anos con proxectos de investigación sobre os lobos da zona. Isabel ademais naceu na aldea de Campobecerros que está ás portas do Parque Natural do Invernadeiro. Traballar con eles foi intenso, interesante e natural porque, tanto Mariam Mariño coma min tamén somos biólogos afeitos a traballar e durmir habitualmente no campo seguindo e filmando lobos. Como din os pastores, ten que che gustar estar no monte, se non non aguantas. Aínda que o noso traballo non poida compararse á dureza da rutina diaria gardando da res. 

Hai unha testemuña especial, que é a de Nieves, a pastora poeta. Dálle ao documental unha perspectiva feminina -tamén representada pola da bióloga- e ademais parece especialmente sensibilizada co lobo. Que representa, para ti, Nieves? Como foi traballar con ela?

Nieves é un encanto de persoa e ten unha sensibilidade que mostra sen dubidalo. De feito escribe e fai fotografías da súa realidade a diario e compárteas a través de Facebook, que foi como a coñeceu Mariam. E recentemente acaba de publicar un libro cunha recompilación das súa poesía. Pero a súa relación co lobo non sempre é cordial. 

Ás veces tócalle padecer algunha que outra “lobada”, a pesar dos cans e dos peches e naturalmente son situacións que complican a convivencia cos lobos. Nieves ten a capacidade de apreciar os valores naturais e culturais da contorna na que naceu, que nestas serras ourensás son únicos, e foi quen de percorrer o camiño inverso da emigración para vivir como e onde quixo. Como di ela, “eiquí vívese mellor que en ningunha capital”.

O documental olla tamén ao hábitat en si: o monte e a súa evolución. Denuncia, por exemplo, o dano causado polos lumes. E percorre os cambios no monte, entre outros recursos, a través de fotos aéreas. Como tomaches as imaxes aéreas?

Son imaxes tomadas con drons e queren amosar o escenario natural e o cambio continuo pero case imperceptible dos ecosistemas. Non é posible comprender o detalle sen afastarse para apreciar o conxunto. É unha maneira de contextualizar a historia e mostrar unhas paisaxes luminosas, coridas e abertas que contrastan coa visión estereotipada da Galiza chuviosa, brumosa e misteriosa. 

Hai tamén un recurso poético, relacionado co anterior, que é presentar a pedra como testemuña de todos eses cambios dun monte vivo. Como foi o proceso de escrita do guión? (Que compartistes tres persoas).

Na escrita do guión participei eu, Pedro Alonso e Mariam Mariño e foi un proceso de construción e investigación durante grande parte da produción. Un traballo artesanal en revisión continua. Cando se traballa con animais salvaxes, a maior parte das veces non é posible pechar un guión dende o comezo da rodaxe. Non se trata de actores e actrices profesionais cas que poder cumprir uns horarios. 

Ademais case nunca fan o que se espera que fagan. Hai por suposto unhas liñas argumentais, tratamento e ideas guionizadas, pero ata que vas avanzando na historia tampouco é posible coñecer ata onde se pode chegar. En relación ás entrevistas cos pastores tampouco quixemos guionizar nada, máis ben tratar de que a cámara desaparecese e deixar fluír as conversas e as situacións.

Tamén en relación co anterior, o documental detense un pouco en tradicións culturais como o Entroido do sur de Ourense e olla á súa interrelación co pastoreo tradicional. No caso dos lobos tamén se fala de cultura: de como ensinan aos cachorros a cazar certas especies, por exemplo. De que xeito quixeches que estivese presente ese aspecto cultural, tanto dos humanos como do lobo?

“Como comentan Isabel e Pedro, a transmisión cultural dentro das mandas de lobos parece diferenciar o comportamento dos diferentes grupos en función do seu alimento”

Os aspectos culturais enriquecen a nosa percepción da natureza. O valor da etnografía no seu contexto natural axuda a entender unha identidade, unha forma de vivir e pensar. Son cuestións fundamentais para situar o presente e xogar a adiviñar o futuro. No caso destas serras, é difícil comprender a actualidade sen ter en conta os séculos de cultura pastoril. Tradicións e aspectos culturais como o Entroido que aínda seguen vivos a pesar das circunstancias e nos que aínda se aprecia a súa orixe pastoril, e con conexións directas con outros Entroidos tradicionais europeos en sociedades similares.

Como comentan Isabel e Pedro, a transmisión cultural dentro das mandas de lobos parece diferenciar o comportamento dos diferentes grupos en función do seu alimento. É interesante transmitir que non todos os lobos se comportan da mesma forma, pode axudar a evitar xeralizacións simplistas dunha especie intelixente. 

Unha das paisaxes de montaña que son claves no relato de 'Entre pastores e lobos' © Manuel Pedrosa

Tamén se fai algo de historia, contando como no franquismo se promoveu o abandono do rural a través da construción de presas que acabaron con terras de pastoreo. Coa industrialización, ademais, atráese máis poboación rural á cidade. O rural queda abandonado e unha das consecuencias é a súa renaturalización, e coa vexetación veñen especies como o corzo. En que consiste ese proceso de renaturalización e como pode ser compatible coa presenza dos humanos, alén das visitas ocasionais ao monte?

“Imos esperar a que se extinga a gandería extensiva de cabalos para reintroducilos dentro duns anos e compartir as fotos co móbil do fin de semana?” 

É unha mostra de como as decisións políticas e económicas inflúen no curto e no longo prazo, con consecuencias moitas veces imprevistas. O abandono do rural a nivel europeo posibilitou a recuperación natural de moitas zonas, unha oportunidade para a conservación da natureza. Sen embargo, non vivimos en rexións illadas con grandes espazos naturais e o valor cultural de xeitos de vida historicamente moi próximos non debera rexeitarse para conservar unha natureza idealizada. 

É un equilibrio difícil, no que a cultura do ocio inmediato non debera impoñerse a outras formas de relacionarse co medio. Tampouco a lóxica da natureza creada para o servizo do ser humano. Penso que hai espazo para a conservación de zonas naturais e tamén para zonas agrícolas e gandeiras de alto valor natural. 

Dá mágoa ver que hai zonas de Europa nas que se reintroducen cabalos salvaxes para renaturalizar os ecosistemas mentres aquí esmorecen as bestas do monte por non saber apreciar un patrimonio cultural e natural único. Imos esperar a que se extinga a gandería extensiva de cabalos para reintroducilos dentro duns anos e compartir as fotos co móbil do fin de semana? 

En relación con iso e, aínda que os pastores se amosan felices co seu traballo, tampouco se agocha a dureza da súa vida: a soidade, a ausencia de descanso… Cóntase, ademais, como reparten o traballo entre irmáns, veciños… para subir o gando á alta montaña. Que conclusións tiraches ti sobre como podería mellorar a vida destes pastores?

Principalmente valorando os servizos ambientais do pastoreo tradicional e axudando a crear unha rede de comercialización dos produtos de calidade derivados do traballo como gandeiros.

No documental está moi subliñada tamén a idea da memoria da paisaxe. Por que? Algo máis que queiras comentar?

Porque non podemos abstraernos da historia e esquecer que moitas das paisaxes que nos rodean son culturais ademais de naturais. Os estantes ou amanzóns destas serras son unha mostra visible dese vínculo. Foron construídos pedra a pedra por moitas mans que durante séculos quixeron guiar os camiños para non perderse. Se por un momento puideramos poñernos no lugar destas estruturas inmóbiles de pedra, comprenderíamos moito mellor as complexas relacións entre vexetación, herbívoros, predadores e humanos. Pero a memoria da pedra e da paisaxe é difícil de apreciar dende a velocidade do presente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.