'Afouteza', palabra galega do ano 2017

A boa tempada realizada polo Celta de Vigo popularizou o termo 'afouteza' dentro e fóra de Galicia © Charlie Cunningham

Afouteza impúxose por goleada na votación da "palabra galega do ano" realizada entre o 18 e o 25 de decembro polo Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo recibiu ao redor da metade dos apoios (3.004 votos) entre as 6.228 persoas que en total participaron na elección, superando a independencia (939) e sapoconcho (830). Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completaron, por esta orde, a lista. Nas anteriores edicións desta iniciativa as escollidas foron corrupción (2014), refuxiado/a (2015) e irmandade (2016).

A súa popularización débese en boa medida á súa utilización polo Celta de Vigo, que a converteu nun dos seus símbolos a partir da súa presenza no seu himno

Durante varios meses deste ano 2017 afouteza foi, ademais, a palabra máis buscada no Dicionario. Isto debeuse en boa medida á súa habitual utilización polo Celta de Vigo nas súas comunicacións públicas, en cartelería e como un símbolo dos seus seareiros e seareiras: "Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza", era o título da campaña, baseado nun verso do propio himno do club ("Ala Celta a demostrar, por historia e tradición, que o teu lema é nobre xogo, afouteza e corazón"). A boa tempada realizada polos celestes, que acadaron as semifinais da Europa League (caendo ante o Manchester United nunha eliminatoria moi igualada) popularizou o termo mesmo fóra de Galicia e do propio Estado Español. De feito, nos días previos á visita a Vigo dos red devils a cidade apareceu inzada de carteis que sinalaban "This is afouteza".

"Afouteza conquistou neste ano unha vida nova nun partido en que gaña a lingua. Saltou do campo de fútbol á rúa e da rúa aos medios", destaca a Academia

"A motivación dos e das seareiras pesou sen dúbida para que gañase a Palabra do Ano, pero entre os miles de votos que recibiu, non poucos se deberon ao poder semántico e á forma suxestiva desta palabra, cun contido e unhas implicacións que van máis alá do futbolístico", destaca a Academia, que conclúe que "Afouteza conquistou neste ano que remata unha vida nova nun partido en que gaña a lingua: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal".

O termo vén definido no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á "disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos" ou á "seguridade en si mesma que demostra unha persoa". Os dous significados están moi vinculados pero conservan un valor semántico específico, explica a Real Academia Galega, e esta é a razón pola que se propoñen para cada un deles voces diferentes como sinónimos; para a "disposición do ánimo", poden ser equivalentes animosidade, audacia, denodo, ousadía e valor. Para a segunda acepción, a do "carácter firme e seguro", os que se propoñen como termos relacionados, non estritamente sinónimos, son decisión e enerxía.

 

Orixe da palabra

A RAG debulla tamén a orixe etimolóxica do termo e a súa utilización na lingua galega dende antigo. A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado "favorecer ou "protexer", e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais. De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que "ten ou amosa afouteza". Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.

Pode referirse á "disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos" ou á "seguridade en si mesma que demostra unha persoa". A palabra aparece xa en texto do século XIV

A palabra está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. A primeira recollida lexicográfica fíxoa Juan Sobreira a fins do XVIII, na súa colección de termos. Di o padre Sobreira que "afouta" é a "persoa dilixente e activa nun traballo, manifestándose confiada no logro" e insiste "o que non desmaia, ou non manifesta desconfianza no que emprende". Desde esa primeira notación, a palabra afouteza (ou o adxectivo afouto/a) estivo presente sen interrupción nos dicionarios e glosarios históricos, incluída a primeira entrega do Dicionario da Academia (1913-1928). O termo apareceu con certa regularidade en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras.

 

A boa tempada realizada polo Celta de Vigo popularizou o termo 'afouteza' dentro e fóra de Galicia © Charlie Cunningham
Nos días previos ao Celta-Manchester United de semifinais da Europa League puideron verse en Vigo estes carteis © Yuri Carrazoni

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.