Alianza da RAG coa Academia Brasileira: "A nosa lingua non é local, é internacional"

Víctor Freixanes e Marco Lucchesi, na sinatura do acordo da RAG coa Academia Brasileira © RAG

"O galego non é unha lingua local, é unha lingua que forma parte dun proxecto internacional". O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, resume deste xeito o "acordo de amizade e colaboración" que a institución académica galega vén de asinar coa Academia Brasileira de Letras, a entidade fundada en 1897 co obxectivo para impulsar "o cultivo da língua e da literatura nacionais".

Freixanes:  "A lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, do Brasil, de Angola, Cabo Verde, Mozambique... Un territorio cheo de posibilidades para o galego"

Menos dun mes despois da súa chegada ao cargo o novo director da ABL, Marco Lucchesi, viaxou a Galicia para asinar un protocolo con "vocación de iniciar un camiño de colaboración", subliña Freixanes. Ten como horizonte "estreitar a relación entre a área cultural lingüística brasileira e a galega". 

Porque na RAG, asegura, existe a "conciencia" de que "a lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, do Brasil, de Angola, Cabo Verde, Mozambique... Un territorio cheo de posibilidades tamén para o galego". Os primeiros chanzos, avanza, pasan por "potenciar o intercambio de investigacións" entre as dúas academias e desenvolver "proxectos de colaboración en distintos eidos".

"Gustaríanos -di Freixanes- que este fose o principio dunha colaboración estreita" coa Academia Brasileira quen, lembra, tivo como máxima responsable "a unha das nosas académicas de honra, Nélida Piñón". A procura de "proxectos compartidos" tamén é aplaudida por Lucchesi, cuxa orixe familiar é Italia. "Toda a minha família é italiana, mas eu conheci a Galiza dende a infância" a través "dos trabalhadores que construíram esta república de étnias" que, mantén, segue a ser o Brasil.

Marco Lucchesi: "A cultura é o último bastião da República do Brasil e da democracia"

A Academia Brasileira, explica Lucchesi, aposta por acordos como o asinado coa RAG porque "não podemos perder a raiz". "Se a perdemos, perderemos a tentativa" de ser parte dunha "comunidade de destino" que "não é uma comunidade imperial", senón asentada "nas línguas que nos pronunciaram". "Nós -ilustrou- só existimos porque somos pronunciados para as línguas que falamos".

O presidente da ABL realizou estas reflexións na Coruña sen obviar a situación política brasileira, marcada pola chegada ao poder do ultradereitista Bolsonaro. Neste sentido, Lucchesi coida que a cultura é "o último bastião da República do Brasil e da democracia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.