A banda Berri Txarrak (Malas Noticias) naceu hai vinte anos en Lekunberri (Nafarroa). Cantando en éuscaro e cun estilo que a moita xente lle custa clasificar, foron abríndose camiño mesmo no panorama internacional. A proba disto está na produción do último disco, Denbora da poligrafo bakarra (O tempo é o único polígrafo), unha biblioteca de tres minidiscos cada un co seu estilo e produtor propios: Ross Robinson, Ricky Falkner e Bill Stevenson. Berri Txarrak tocarán en Santiago de Compostela este sábado 11 de abril na Sala Capitol, acompañados de Superoito. Neste concerto presentarán o último disco e traballos anteriores. Para falarmos disto, contactamos co cantante da banda, Gorka Urbizu.
Despois de vinte anos tocando e con oito discos detrás, seguides desfrutando da mesma maneira o perdestes a parte lúdica de tocar?
Non perdemos a parte lúdica, aínda que agora é diferente porque controlas máis o instrumento e temos mellorado coma músicos. Iso dáche unha confianza no escenario que che permite vivilo máis. Desde logo que perdes un punto de inocencia que tamén lle viña ben ao rock. Nos comezos, cando aínda non tes nada consolidado, nacen cousas moi interesantes, mais iso non se pode perpetuar no tempo. Pero nós seguimos gozando moito. Esta é unha das mellores profesións que podes ter.
"Un trío ten algo máxico, algo que para min é atractivo. Como músico economizas cos amaños, mesmo penso que te fai mellor músico. Con máis guitarras tés máis capas, pero nun trío traballas máis e sae todo moi compacto"
Berri Txarrak comezou como cuarteto e agora é un trío. Isto foi unha formación buscada ou foi cousa de ir probando ata chegar ao que queriades?
O trío formouse porque non quedaba outra. Cando aínda eramos cuarteto, decidimos botar para adiante, deixar os nosos traballos e abrirnos cara a escena internacional e foi cando o guitarrista daquela decide deixalo por motivos persoais. Logo fixemos probas para meter a alguén e ao final vimos que en trío estabamos cómodos e así levamos dez anos de banda. É unha desas casualidades que fan que agora mesmo non cambiaría por nada. Un trío ten algo máxico, algo que para min é atractivo. Como músico economizas cos amaños, mesmo penso que te fai mellor músico. Con máis guitarras tés máis capas, pero nun trío traballas máis e sae todo moi compacto.
"Non me gusta ser clasista co noso público. Vemos xente que nos seguía desde o comezo e agora están nas filas de atrás e diante temos mozos e mozas de entre quince e vinte anos que ao mellor viven o seu primeiro concerto contigo"
Sentides cambios desde o público tanto sobre os vosos discos como nas actuacións en directo?
O que si aconteceu é unha ampliación da audiencia de Berri Txarrak. Se fago unha descrición máis gráfica diríache que tamén ten a ver con onde tocabamos. Ao comezo non saiamos de Euskal Herria, mais cando fomos saíndo cara fóra e aumentando a táboa de sons, o público tamén foi aumentando. Iso séntese porque ves xente que seguiu punk, hardcore, metal e outros estilos. Non me gusta ser clasista co noso público. Vemos xente que nos seguía desde o comezo e agora están nas filas de atrás e diante temos mozos e mozas de entre quince e vinte anos que ao mellor viven o seu primeiro concerto contigo.
Nunha entrevista que subiron á rede dicías que para ti o rock deixa de ser interesante cando perde o risco. Que risco é ese?
No último disco o feito de telo gravado en tres partes e co teu selo propio, hoxe por hoxe é case coma unha boutade, unha provocación. Máis nestes tempos onde prima o single e cando todo vai tan axiña. Pois iso, facer un disco triplo e que haxa xente que só o escoitará unha vez na súa vida, xa é abondo provocación e é cuestión de risco tamén. Hai risco estilístico, neste último traballo a parte que elaboramos con Ricky Falkner rompe co que viña sendo Berri Txarrak ata o de agora. Non tiñamos por que arriscarnos pero ese desexo de experimentar é positivo e finalmente os fans de Berri saben aprecialo. Somos unha banda que quere tentar con cousas novas e por iso arriscamos, non queremos vivir de rendas repetindo fórmulas.
"Hai risco estilístico, neste último traballo a parte que elaboramos con Ricky Falkner rompe co que viña sendo Berri Txarrak ata o de agora"
Falabas tamén de Sarrionandia como primeira grande influencia nas túas creacións. Supoño que haberá a día de hoxe máis autores e autoras. Pero cal é o ingrediente dun texto que te move para escribir unha letra?
Sarri foi quen me abriu á poesía. Nas letras de Berri hai unha intención poética, non digo que sexa poesía porque para iso fan falta outro tipo de actitudes e ao mellor eu non as teño e a mesma música pode marcarche outro ritmo diferente. A poesía sempre é máis libre que a música.
A min interésanme as letras que deixan marxe para a interpretación, figuras que ti tés que completar. Douche os puntos, completa a liña e así cada quen tira a súa conclusión. Tampouco uso só a poesía, senón que busco máis no día a día, na política, nas cuestións sociais, ideas universais e tamén máis persoais, soidade, amor ou medo. Pero ás veces acontece que les un poema ou un texto e de súpeto ves unha canción detrás.
Pensas aínda que a poesía e a música son a vinganza dos tímidos, como dicías na entrevista que che mencionaba antes?
Home, no meu caso pois haiche un pouco diso. Eu son tímido e ás veces un ten a sensación de dicir o que calas nas cancións. Tamén está o efecto terapéutico de crear. Se non compuxera música estouraría por dentro. O rock como actitude sempre debería ter esa conciencia crítica e esa postura de “vós tedes a vosa versión pero eu teño esta outra”.
"A min interésanme as letras que deixan marxe para a interpretación, figuras que ti tés que completar. Douche os puntos, completa a liña e así cada quen tira a súa conclusión"
Coinciden os gustos e as influencias de cada un na creación dun disco? Pregúntocho porque unha vez dicías que gustos e influencias non son sempre o mesmo.
Temos a sorte tanto Galder (batería), David (baixo) e eu de sermos grandes consumidores de música e iso fai que teñamos a mente aberta e tamén que tiremos polo mesmo camiño. Non hai semana que algún traia un disco e así descubrir cousas novas e grupos interesantes. Tamén é unha cuestión de actitude, porque cando o artista dá por sentado sabelo todo, é cando esmorece. O noso segundo disco chamábase Ikasten que significa “aprendendo”, é algo significativo para nós ir aprendendo e que leves vinte ou vinte e un anos tocando e vexas que melloras e comprendes a mecánica dunha canción. Aínda así, é un misterio a creatividade ou atopar a clave da creación.
Con todo o tempo que levades traballando, pensastes algunha vez en “paramos un ha tempada a ver que é o que pasa”?
Moitas veces temos tido esa tentación. Imos a toda velocidade, desfrutando moito pero tamén vas cambiando de visión moi rapidamente e vés que acontecen cousas moi bonitas. Eu que sei, estivemos de xira por Europa e aos dous días xa estabamos en México, non tivemos tempo de estar na casa. Estás seguido na estrada. Tamén quero reivindicar iso, botar tempo na estrada. Na música hoxe por hoxe, prímanse outras cousas e actitudes como o éxito rápido. Para min o rock é iso, subir a unha camioneta e tocar. No sofá da túa casa podes estar moi cómodo pero non van pasar moitas cousas.
"Para min o rock é iso: subir a unha camioneta e tocar. No sofá da túa casa podes estar moi cómodo pero non van pasar moitas cousas"
Que vos asusta e que vos agrada da música actual?
Home, sorprende ver a maneira de consumir música, o tema dos formatos pero tamén sorprende de maneira grata ver que todo iso non pode substituír unha boa canción ou bo directo. Aínda non houbo quen ou que substitúa iso. Preservar o misterio na creación musical xa me parece sorprendente nun tempo no que cambian as cousas de maneira tan rápida.
No 2010 gañades o premio á mellor canción punk nos International Music Awards, despois leo nalgunhas webs que vos meten no xénero metal. Serve de algo encaixar a unha banda nun xénero moi concreto?
Para min non. Sempre caemos no tópico de que ao artista non lle gusta que o enmarquen. En Berri Txarrak é complicado etiquetar cun só nome toda a gama de sons que temos na banda. Somos unha banda heteroxénea, de dicir as cousas directamente e podes caer nas túas contradicións e que tampouco chegues a cambiar o mundo. Polo menos a nivel de estilo, e tampouco é unha cousa que me interese para nada. Onte eu vía que nos confirmaron para o Resurrection Fest de Viveiro e xa había comentarios da xente poñéndonos como punk-rock. Pero iso a min tanto me ten. É certo que ás veces a xente tamén precisa dunhas directrices para teren unha idea.
O novo disco que presentades, “Denbora da poligrafo bakarra” (O tempo é o único polígrafo), dividístelo en tres partes diferentes con tres produtores distintos. Foi a maneira de reflectir diversos estilos internos que non couberon nun só disco?
Isto foi un xogo que nos permitimos por ser o vinte aniversario da banda e por facer unha cousa distinta a un disco normal. Xuntas a vontade de facer un tipo de música e facer outro e logo experimentar. A nosa mensaxe era celebrar o vinte aniversario facendo vinte cancións. Pero tamén está crear algo para os tempos nos que vives. Tamén era unha maneira de repartir as vinte cancións en tres discos dándolle a cada un a súa propia enerxía. Tamén está o tema dos produtores, o de confiar nun oído alleo que te pode levar a outras atmosferas. Hai mil maneiras de soar pero para min o son non é un fin, é un medio. Creo que o importante é cando estás gravando con alguén que fixo discos importantes e todo o que aprendes.
Colaborastes con bandas como Rise Against, KOP ou Boikot, que vos aportaron estas colaboracións?
Son feitos musicais que marcan para sempre, sobre todo con Rise, que foi unha historia incrible. Como un grupo de punk-rock de Chicago co que acabas colaborando e facendo as letras do punk-rock máis boas que oín. Logo segues mantendo esa amizade e iso leva a facer xiras con eles por toda Europa. Logo de vinte anos estas cousas son as que quedan.
"O problema está en ser cativo, como o éuscaro, que moita xente querería metelo nunha caixa dentro dun museo e só sacalo para o folclore. Como algo morto, está aí pero non serve para facer algo contemporáneo. Para iso está Berri Txarrak e outras bandas"
Agora toca a pregunta do millón: Cantar en éuscaro marca?
É un selo de identidade. Moita xente pregúntanos que sería de nós se cantásemos en inglés ou español. Ninguén ten a resposta. Todo apunta que sería máis doado saír ao mundo cantando noutra lingua, pero non é cousa que nos quite o sono. Para min o importante é o feito cultural de sermos un grupo polisón. Porque a lingua do rock é o inglés e, se non, as linguas-estado coma o español ou o francés. O feito de ser unha banda que cante nunha lingua distinta é positivo, como sería positivo se houbese máis bandas que saísen deses parámetros e estivesen máis activas. O problema está en ser cativo, como o éuscaro, que moita xente querería metelo nunha caixa dentro dun museo e só sacalo para o folclore. Como algo morto, está aí pero non serve para facer algo contemporáneo. Para iso está Berri Txarrak e outras bandas. Sempre dixen que nós non tomamos a decisión de cantar en éuscaro, senón que xa había unha escena antes nesta lingua, como Negu Gorriak ou Su Ta Gar. Hai que valorar á xente que rompeu os moldes ao comezo. Logo vimos xente como os Berri que levamos a bandeira máis alá ou somos o referente a día de hoxe con todo o que iso trae canda si. Tamén é certo que cando comezas a cantar en éuscaro case que entras nunca caste de resistencia. Nós vimos desde Lekunberri en Nafarroa, onde os dereitos lingüísticos non están garantidos se es euskaldún. Se queres estudar en éuscaro tes que pagar. Mesmo institucionalmente foi unha lingua perseguida. Pero nós tiñamos claros cales eran os nosos desexos con respecto a este tema.
"Cando comezas a cantar en éuscaro case que entras nunca caste de resistencia. Nós vimos desde Nafarroa, onde os dereitos lingüísticos non están garantidos se es euskaldún"
Tedes xa marcados novas metas para cando acabe a xira e presentación do disco?
Non, aínda non. Estivemos co piloto automático no 2014 gravando. Foi un ano de moito local. Pero agora polo menos estamos desfrutando moito dos directos. Despois xa pensaremos no seguinte paso. As xiras están indo moi ben e vense os froitos mesmo no estranxeiro.