De libros: Carlos Casares e o expreso da literatura

O expreso da literatura © Galaxia

A piques de que se peche o ciclo Casares e chegue o de María Victoria Moreno, poucas cousas quedan por dicir das novidades editoriais que, como adoita acontecer, rodearon ao autor ourensán homenaxeado neste 2017.  Máis alá das biografías habituais, acertadas ou non, e orientadas a un público case sempre escolar, e da emerxencia de estudos arredor da obra do autor, as publicacións que, ao meu ver, interesan máis ao lector habitual son as reedicións de obras esquecidas ou descatalogadas (que xa comezan a ver felizmente a luz no caso de María Victoria Moreno) e moi especialmente as recompilacións de obra esparexida ou pouco divulgada, como a xornalística e ensaística.

Este é o caso do libro que, baixo o título O expreso da literatura, vén a sumarse á Biblioteca Carlos Casares, que edita Galaxia. Atopamos aquí unha colección de ensaios breves de diferente procedencia coa temática central ou tanxencialmente literaria como núcleo condutor. Publicados orixinalmente entre 1975 e 2001, reúnense aquí algunhas das prendas de amor da experiencia literaria dun autor ao longo de toda a súa traxectoria.

Deste xeito, o libro dá conta dun xeito de vivir e relacionarse coa literatura e cos autores de literatura que pon de relevo a personalidade autorial de Casares, da que se ten falado extensamente ao longo de todo este ano, así como a pluralidade das súas relacións literarias e humanas.  A capacidade do autor de Vento ferido para contar, a súa escrita accesible, ben tecida, que amalgama a experiencia vivida coa intelectual, é un dos atractivos dun volume doadamente disfrutable por calquera que goste das anécdotas literarias ben contadas, independentemente do adeptos que sexamos á figura que constitúe o autor.

É doadamente disfrutable por calquera que goste das anécdotas literarias ben contadas, independentemente do adeptos que sexamos á figura do autor

O sentido do humor e a fondura dalgunhas das reflexións que se conteñen nos diferentes textos, así como a lectura áxil e prácida do texto, é especialmente destacable no conxunto, sobre todo cando o autor fala das tertulias literarias, da súa amizade con Torrente Ballester ou da viaxe en tren que emprende cunha vintena de novelistas de toda Europa. O relato dos seus comezos na escrita e os premios literarios e a vivencia que serve de xerme da súa novela Ilustrísima, entre outros textos, serven para trazar un bosquexo rápido de Casares que nos achegue, aínda que sexa un pouco, á experiencia de escoitalo falar de libros.

O expreso da literatura © Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.