'Dhogs' segue a sumar premios en vésperas da súa chegada aos cines no Día das Letras

Fotograma de Dhogs © Dhogs

Mellor película no Filmfest de Split, distinción ao director emerxente no Festival de Sitges, mellor filme e mellor actor no Nocturna de Madrid, mellor película en Algeciras, premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, mellor longametrexae no Panorama Fantástico do Fant de Bilbao... E todo un récord de 13 premios Mestre Mateo. É só unha mostra do currículo de distincións coas que Dhogs, de Andrés Goteira, iniciará o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o seu percorrido polas salas comerciais de cinema.

A ópera prima do director nado en Meira, unha coprodución de Gaitafilmes e PixelFilms, achéganos a historia dun estraño personaxe que cruza as rúas dunha cidade conducindo un taxi. Mentres, no bar dun hotel de luxo unha muller goza dunha última copa, "inconsciente do alude de acontecementos que a arroiará nas próximas horas". Unha aventura cun executivo desta muller, Álex, "non é máis ca o preámbulo dunha espiral de violencia sen sentido aparente" que a obriga a "percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control".

Esta película, un "retrato dos malos nun mundo perverso de amos e escravos, na que os crimes se suceden ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite", ten entre o seu elenco algúns dos rostros máis coñecidos de varias xeracións da escena do país, como Antonio Durán 'Morris', Miguel de Lira, Melania Cruz, Iván Marcos ou María Costas. Por tras do seu éxito está o traballo creativo de Goteira e o apoio das dúas produtoras, pero tamén as achegas de máis de 300 persoas e o apoio da Agadic e mais da Deputación de Lugo, así como empresas galegas como Galipizza ou Cervexa Áncora.

Como explicou o director en entrevista con Praza.gal o pasado agosto, el mesmo escribiu a historia da súa ópera prima no tempo en que traballaba nun hostal de Escocia. Concibiuna tamén como "unha metáfora" na que pregunta "cara a onde imos; se imos quedar, como sociedade, aí sentados sen facer nada diante do que está a pasar".

Tras pasar pola Primavera do Cine de Vigo este 12 de maio, o Día das Letras comezará o seu despregamento comercial en salas. Nomeadamente, en seis cines galegos e outros dous de fóra do país aos que se engadirán catro salas galegas máis con proxeccións puntuais. Nesa xornada da estrea algúns integrantes do elenco participarán en pases como os programados no cinema compostelán Numax, ao que acudirán Carlos Blanco e Melania Cruz. Nesa mesma sala, dous días despois, Andrés Goteira protagonizará un encontro co público.

Cines aos que chegará Dhogs

Numax Santiago 17 de maio
Abella Lugo 18 de maio
Norte Vigo 17 de maio
Cantones A Coruña 18 de maio
Dúplex Ferrol 17 de maio
Viveiro Viveiro 17 de maio
Zumzeig Barcelona 18 de maio
Artistic Metropol Madrid 25 de maio
Proxeccións puntuais
Casa Dopeso As Pontes 19 e 20 de maio
Seixo Marín Do 17 ao 20 de maio
Teatro Lauro Olmo O Barco de Valdeorras 17 e 20 de maio
Novocinema Leiro 17 de maio (dous pases)

Consulta aquí os horarios das proxeccións

Melania Cruz e Carlos Blanco Dominio Público Dhogs
Morris, nunha escena do filme Dominio Público Dhogs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.