Dylan, moi presente na literatura galega

Actuación de Dylan en Nova York en 1963 Dominio Público Praza Pública

"Porque convertiu a música popular en vehículo para a literatura e viceversa. Porque escribiu Black Diamond Bay e 499 cancións máis. Porque lle dixo a Leonard Cohen que el tamén podía. Porque...". César Candelas (que durante anos escribiu o blog +dylan) enumera un e mil motivos que explican que Bob Dylan fose recoñecido este xoves co Nobel de literatura. Os seus textos, o seu impacto na cultura universal, a súa pegada na cultura popular e a súa influencia en varias xeracións de autores e autoras de todo o planeta así o avalan.

A súa presenza e influencia na literatura galega é incontestable. Ás veces máis explícita, evidente ou consciente e outras máis subterránea. Comezando por A Néboa Amarela (Biblos, 2010)unha obra teatral escrita por César Candelas e Rubén Ruibal a partir da canción Black Diamond Bay (Desire, 1976), escrita por Bob Dylan e polo poeta e dramaturgo Jacques Levy ("There’s another hard-luck story that you’re gonna hear/ And there’s really nothin’ anyone can say/ And I never did plan to go anyway/ To Black Diamond Bay"). Ou, claro, no Petando nas portas de Dylan (Galaxia, 2012) de Antonio García Teijeiro. Presente nas páxinas de Anxo Angueira, de Antón Lopo ou de Daniel Salgado. E máis que presente, de forma absoluta e atravesando a súa propia vida, en Vicente Araguas, que mesmo centrou a súa tese de doutoramento no mundo poético de Dylan. 

Músico ou poeta? Araguas, que andaba a preparar unha escolma de 62 cancións de Dylan traducidas ao galego, destacaba hai catro anos en conversa con Praza que "por riba de todo está o música, pero hai un excepcional letrista, que se non foi máis coñecido como poeta foi porque quedou sepultado polo Dylan músico, algo que non lle pasou a Brassens porque Brassens era un músico máis limitado". Araguas subliñaba ademais que nas súas cancións "Dylan finxe, como todo poeta, citando a Pessoa. Pero é que Dylan é en si mesmo un home de mil pezas".

Nas Xornadas Literarias que o Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da UDC lle dedicaron ao autor de Minnesota, Araguas concidiu con César Candelas, que salientaba que "Bob Dylan é un músico excepcional e nel a letra é a música e viceversa. Son inseparables. Se recitas en voz alta Once upon a time you dressed so fine, threw the bums a dime in your prime, didn't you?, entón estás cantando Like a Rolling Stone. Queras ou non". Nesas xornadas tamén participou o ex-conselleiro de Cultura, Roberto Varela, en calidade de dylaniano, e tamén Manuel Candelas, profesor de Literatura da Universidade de Vigo, que explicaba que "a influencia de Bob Dylan na poesía contemporánea, por obvia, parece fóra de toda discusión. Non se explicarían moitos fenómenos literarios sen o seu concurso". Literatura popular, no máis elevado e verdadeiro sentido do termo.

 

Actuación de Dylan en Nova York en 1963 Dominio Público Praza Pública
Dylan, con Allen Ginsberg CC-BY-SA Elsa Dorfman
A néboa amarela © Biblos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.