O MAC apaga esta semana as súas luces e apela á "boa vontade" de Naturgy para manter a súa actividade

Fotocomposición en protesta contra Naturgy polo peche do MAC CC-BY-SA Ricardo GNF & Pixabay

Este domingo 30 de decembro será o último día de actividade do Museo de Arte Contemporánea (MAC) da Coruña, despois de que en outubro Naturgy (a antiga Gas Natural-Fenosa) anunciase o seu peche. Seguen abertas, iso si, as negociacións abertas por Concello, Deputación e Xunta para manter a actividade deste espazo cultural e, ademais, para asegurar a continuidade en Galicia da valiosa colección de arte propiedade orixinalmente de Unión Fenosa, unhas 700 obras produto das bienais de arte contemporánea que a compañía eléctrica galega organizaba dende o ano 1989 e doutras adquisicións.

Este venres colectivos culturais e veciñais convocan unha concentración ante a sede do museo baixo o lema "que non se apague a luz da arte"

De momento, a multinacional amosou unha boa disposición a que o seu catálogo sexa trasladado a outros espazos da rede museística galega, de forma prioritaria na cidade da Coruña. Porén, non abrandou a súa postura de cara a permitir que o centro artístico siga aberto no mesmo edificio baixo o impulso dalgunha administración pública, posiblemente a través dunha fundación impulsada polo Concello. O MAC pechará as súas portas esta semana e as solucións, de habelas, chegarán xa nos primeiros meses de 2019.

Continúan, iso si, as mobilizacións da comunidade artística e da sociedade coruñesa para lembrar a importancia do MAC para a vida cultural da cidade. Dende hai días poden verse en moitas rúas coruñesas carteis que subliñan que "El arte es morirte de frío", botando man do coñecido chiste para lembrar a responsabilidade de Naturgy no peche do museo e, ao tempo, na situación de pobreza enerxética que sofren millóns de persoas en España.

Esta fin de semana pecha as súas portas a 15ª Mostra de Arte Naturgy, última exposición programada no MAC © TATATA

Dende hai días poden verse carteis que subliñan que "El arte es morirte de frío", lembrando a responsabilidade de Naturgy no peche do museo e na pobreza enerxética

De igual xeito, este venres ás 20 horas varios colectivos culturais e veciñais convocan unha concentración ante a sede do museo (Avenida de Arteixo, 171) baixo o lema "que non se apague a luz da arte". Subliñan que o MAC foi "un dos piares fundamentais do tecido cultural contemporáneo galego" e que "grazas a labor deste museo, colexios, asociacións, artistas e moitas veciñas e veciños do barrio puideron descubrir, aprender e gozar da arte contemporánea de varias xeracións de autores e autoras galegas e de grandes figuras internacionais ás que non teriamos acceso sen a súa existencia". 

Ademais, a Asociación profesional de artistas de Galicia A Colectiva apoia a convocatoria, denunciando o "desmantelamento do tecido cultural dun país". A entidade levará a cabo no lugar un Speakers' Corner, é dicir, un espazo de micrófono aberto para que todas as persoas que o desexen poidan expoñer a súa opinión sobre o peche do MAC. Falamos con Enrique Lista, integrante da directiva de A Colectiva.

"O rescate está condicionado á posibilidade de seguir vinculando o museo ao edificio que na actualidade o acolle e isto depende en gran medida da boa vontade da empresa"

Credes que é posible aínda evitar a desaparición do MAC e o cese da súa actividade?

Dados os prazos nos que estamos, posiblemente non se poida evitar un período de peche técnico, porque non hai tempo para armar un proxecto antes de final de ano, evidentemente. Porén, hai unha vontade política unánime para o rescate do museo e niso confiamos. No pleno municipal da Coruña aprobouse unha moción por parte dos catro grupos con representación para demandar o rescate do Museo e sei que todas as administracións implicadas -Concello, Deputación e Xunta- están en negociacións e traballando neste obxectivo.

Agora estase pendente da resposta que dea a empresa. O rescate do MAC está condicionado á posibilidade de seguir vinculando o proxecto ao edificio que na actualidade acolle o museo e isto depende en gran medida da boa vontade da empresa e de que ceda o inmoble nunhas condicións que sexan viables. Cómpre sinalar que o edificio é unha das infraestruturas mellor deseñadas e equipadas para funcionar como museo de arte contemporánea en Galicia.

Que supón o MAC para a arte e a cultura da Coruña e de toda Galicia? Que implicaría o seu peche?

Nos últimos meses estamos vendo como se superpuxeron varias reivindicacións. Por un lado, o mantemento da actividade do MAC: bolsas, residencias, exposicións..., e unido a isto o mantemento dos actuais postos de traballo. Reclámase, ademais, o mantemento da colección de arte.

"O MAC serviu para apoiar e dar visibilidade aos e ás artistas galegas, e tamén permitiu ver en Galicia mostras moi valiosas de artistas potentes de fóra"

A importancia do museo é moi grande, abrangue moitos aspectos e suma unha traxectoria de varias décadas. Antes de existir o MAC ou o MACUF, Unión Fenosa tiña unha mostra competitiva de arte contemporánea e, igualmente, contaba cunhas bolsas para artistas galegos, das que se beneficiaron Berta Cáccamo, Manolo Paz, Xoán Anleo ou Mónica Alonso, entre outros moitos artistas que despois tiveron traxectorias moi exitosas. O MAC serviu para apoiar e dar visibilidade aos e ás artistas galegas, e tamén permitiu ver en Galicia mostras moi valiosas de artistas potentes de fóra, como Rosenblum, Kiefer, Genovés..., por citar só algúns.

Fóronse sumando outros programas de apoio aos artistas, como as residencias, e neste senso o MAC ofrecía o único programa regular de residencias en Galicia, con dous turnos anuais. Había ademais axudas á mobilidade para artistas galegos, para poder realizar actividades fóra. Organizáronse tamén obradoiros impartidos por artistas en centros de ensino da zona rural. Música en directo e tamén concertos didácticos, que se enchían todas as semanas con nenos e nenas e as súas familias. Unha enorme actividade que agora está en risco.

Exterior do MAC © Fundación Naturgy

Como valorades a resposta xerada na comunidade artística e no conxunto da cidadanía nestes dous últimos meses, unha vez coñecido o anuncio do peche?

Persoalmente, debátome entre a esperanza e a melancolía. Recollemos máis de 19 mil sinaturas en change.org moitísimas tamén de forma presencial. Mesmo, sen pedilas, de xente que se achegaba a nós porque quería facer algo para evitar o peche do centro. Houbo tamén unha gran participación na inauguración da última exposición, que nin sequera foi publicitada pola empresa.

"Esta é a parte da esperanza: que hai unanimidade entre a cidadanía e o colectivo artístico. Porén, son consciente que non todo está na nosa man"

Esta é a parte da esperanza: que hai unanimidade entre a cidadanía e o colectivo artístico para salvar o MAC. Porén, son consciente que non todo está na nosa man: o edificio é propiedade da empresa e legalmente non se lle pode obrigar a que se manteña alí o MAC e a súa actividade, dependemos da boa vontade de Naturgy.

Eu teño confianza en que haberá un acordo, que seguramente pode levar tempo, porque as negociacións non deben ser doadas. Pero habendo vontade e consenso para acadar este obxectivo, máis cedo ou máis tarde conseguirémolo, estou seguro.

"El arte es morirte de frío", nunha rúa da Coruña ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.