O mapa colaborativo do 'Proxecto Palcos' cataloga 200 destes espazos de festa e comunidade

Exemplo de "palco reapropiado" en Chacín (Riotorto) © Proxecto Palcos

O proxecto investiga "os palcos modestos de bloques, ladrillos ou formigón construídos entre a década de 1960 e os anos 2000 para acoller as novas formacións musicais e que hoxe, en moitos casos, se atopan en desuso"

Dende o pasado ano unha investigación do CSIC a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) está a estudar os palcos da música galegos construídos a partir de 1960, espazos de festa e comunidade que nalgúns casos seguen en uso, noutros foron abandonados ou desapareceron por completo e noutros reconvertéronse para outras funcións. O proxecto, titulado PALCOS. Cultura material e festa na paixagem rururbana galega e dirixido polo antropólogo e etnomusicólogo Iñigo Sánchez-Fuarros, destaca que "en Galicia, os palcos de música constituíronse como verdadeiros símbolos da vida en comunidade que se tece ao redor da festa en moitas parroquias e lugares", como subliñaba nesta entrevista en Praza.gal.

Captura de pantalla do mapa do Proxecto Palcos © Proxecto Palcos

O mapa cataloga 200 palcos en catro categorías: palcos vivos (que manteñen o seu uso), reapropiados (que adquiriron outra función), fósiles (abandonados e ás veces en degradación) ou lembrados (desaparecidos, pero dos que a comunidade garda recordo)

Nunha primeira fase, o proxecto busca "mapear, catalogar e documentar os palcos de música construídos entre 1970 e os 2000 por todo o territorio galego", nun proceso participativo que inclúe roteiros e encontros con entidades locais. Os primeiros resultados deste proceso colaborativo xa se poden ver na web do proxecto, nun mapa que cataloga máis de 200 palcos, distribuídos por todo o territorio galego e organizados en catro categorías: palcos vivos (que manteñen o seu uso), reapropiados (que adquiriron outra función), fósiles (abandonados e moitas veces en proceso de degradación) ou lembrados (completamente desaparecidos, pero dos que a comunidade garda o seu recordo).

Este mes de marzo supuxo a fin da primeira fase da investigación e o comezo da segunda, na que se afondará nunha selección de estudos de caso usando metodoloxías de traballo de campo etnográfico co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa

O proxecto persegue a catalogación e análise dos palcos, especialmente "dos palcos modestos de bloques, ladrillos ou formigón —rebocados ou sen rebocar, con ou sen ornamentación, en bo ou mal estado—construídos entre a década de 1970 e os anos 2000 para acoller ás novas formacións musicais e que hoxe, en moitos casos, se atopan en desuso". Pero, ademais, quere "recoller as historias, memorias e relatos que circulan ao seu redor".

Hai unhas semanas o proxecto presentou nun encontro en Vedra os primeiros resultados da investigación, froito dos primeiros meses de pescudas, colaboración e encontros. A xornada, aberta ao público, celebrouse no Centro de Emprendemento “A Estación” (Vedra) e ademais da presentación dos resultados, incluía dúas mesas redondas de debate: “Ás voltas coa festa: arquitectura, comunidade, activismo e cambio social” e “Festas no concello de Vedra”. A xornada pechouse cunha foliada na que actuaron Sheila Patricia e o Quinteto da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla.

Exemplo de "palco fósil" en Cacheiras (Teo) © Proxecto Palcos
Exemplo de "palco vivo" en A Reigada (Monforte) © Proxecto Palcos

Este mes de marzo supuxo a finalización da primeira fase da investigación e o comezo da segunda, na que se afondará nunha selección de estudos de caso usando metodoloxías de traballo de campo etnográfico co fin de analizar as dinámicas de cambio e permanencia nas condicións materiais que fan posible a festa. 

"Os palcos presentes na maioría das parroquias galegas son testemuñas privilexiadas dos cambios nos ecosistemas sociais, culturais e económicos nos que se sitúan"

"A investigación ten unha dimensión académica e quere reflexionar sobre algúns conceptos, que ademais se ligan con outros temas coma o despoboamento do rural, pero ten tamén unha dimensión emocional, porque inclúe elementos que son importantes a nivel íntimo para case todas as persoas", descataba Iñigo Sánchez-Fuarros nesta entrevista. "Os palcos presentes na maioría das parroquias galegas son testemuñas privilexiadas dos cambios nos ecosistemas sociais, culturais e económicos nos que se sitúan", engadía, nunha conversa na que se laiaba de que habitualmente "as verbenas quedan fóra das manifestacións de cultura popular que semellan dignas de ser recoñecidas e estudadas".

Exemplo de "palco fósil" en Santa Marta (Friol) © Proxecto Palcos

A terceira fase, que se iniciará en marzo de 2025, terá unha dimensión aplicada que se traducirá na produción dunha exposición final e a activación dalgún dos palcos en desuso

A terceira fase, que se iniciará en marzo de 2025, coincidindo coa fase final do proxecto, terá unha dimensión aplicada que se desenvolverá en estreita colaboración con XEITO | Laboratorio de creación etnográfica, unha infraestrutura científico-técnica do INCIPIT que funciona como un espazo de acción e reflexión sobre novas formas de creación etnográfica baseadas en metodoloxías artísticas, experimentais e multi-modais, e a súa aplicación á cadea de valor do patrimonio. Esta colaboración traducirase na produción dunha exposición final e a activación dalgún dos palcos en desuso.

Exemplo de "palco vivo" en Celeiro de Mariñaos (Barreiros) © Proxecto Palcos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.