Olga Novo, Cristina Morales e Christina Rosenvinge estarán na SELIC de Santiago, que regresa á Quintana

Actividade da SELIC 2022 na Praza do Toural © La Diapo/SELIC

O festival da lectura de Santiago celébrase do 9 ao 18 de xuño na praza da Quintana co propósito de "levar o protagonismo do papel ao directo", a presentación da SELIC Criminal e a participación de Cristina Morales, Diego Ameixeiras ou Bernardo Zannoni

A SELIC, o festival da lectura organizado polo Concello de Santiago, volverá celebrarse na praza da Quintana do 9 ao 18 de xuño. Fiel ao seu concepto: "levar o protagonismo do papel ao directo", a SELIC programa conversas con autoras recoñecidos como Cristina Morales, Premio Nacional de Narrativa por Lectura Fácil, ou Olga Novo, Premio Nacional de Poesía por Feliz Idade

O festival amplía o seu espazo nesta edición e acollerá 26 postos de librarías e editoras, cunha media de seis actividades por xornada, entre as que se inclúe un paseo diario pola cidade con diferentes temáticas. Ademais, estreará a SELIC Criminal, unha sección coordinada polo profesor e escritor Xaquín Núñez Sabarís, que chega coa vontade de converterse na cita de referencia do xénero en Galicia. 

Un paseo literario da pasada edición da SELIC © La Diapo/SELIC

A SELIC Criminal, dedicada ao xénero negro, será protagonista da fin de semana do 17 e 18 de xuño. Nela participarán autoras e autores como Diego Ameixeiras, Lorenzo Silva, Arantza Portabales, Pedro Feijoo ou Patricia A. Janeiro, así como dous dos principais autores portugueses do xénero, Francisco J. Viegas e Francisco Moita Flores. Neste apartado, que pretende ofrecer unha perspectiva heteroxénea do xénero, tamén haberá oco para o audiovisual con convidados como o guionista Pepe Coira.

O escritor millennial italiano Bernardo Zannoni acudirá a Compostela co seu superventas 'As miñas estúpidas ideas'

O escritor millennial italiano Bernardo Zannoni tamén acudirá a Compostela co seu libro As miñas estúpidas ideas, que publicará en galego a editora Rodolfo e Priscila. Trátase da súa primeira obra publicada, unha fábula contada en primeira persoa por unha garduña que se converteu nun superventas.

A programación conxuga a lectura con outras disciplinas con especial atención á música. Este ano salienta a participación da cantautora madrileña Christina Rosenvinge ou o mozambicano João Afonso. Ademais, a poeta Olga Novo e a cantautora Su Garrido Pombo xuntaranse para un concerto-recital a proposta da SELIC.

Xosé Barato participando da SELIC do ano pasado © La Diapo/SELIC

Xosé Barato realizará unha dramatización do cómic O lume, de David Rubín

Tamén terá presenza o teatro. A compañía Chévere achegarase á súa última obra publicada a través dunha performance que contará con Xesús Ron, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. E o actor Xosé Barato realizará unha dramatización do cómic O lume, de David Rubín.

A SELIC, baixo a dirección do xornalista e escritor Camilo Franco, presentará nos vindeiros días a súa programación completa, sumando as actividades das librarías e editoras participantes e as diferentes sinaturas de libros que terán lugar ao longo do festival, que nesta edición conta coa colaboración da Fundación Antonio Pereira, a Fundación Carlos Casares, o Festival Internacional de Narración Oral Atlántida, a Biblioteca Ánxel Casal e Agareso.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.