Sanxacobe, quisque, peluchismo: un dicionario complementario para entender mellor o galego de hoxe

Definición de 'sanxacobe' no Dicionario Complementario de Rinoceronte Editora © Rinoceronte

O novo dicionario de Rinoceronte Editora componse de termos que non se atopan noutros por seren considerados "localismos, castelanismos ou estranxeirismos", moi recentes ou minoritarios

Os Rinodicionarios, os dicionarios en liña de Rinoceronte Editora, teñen un novo e innovador irmán. A editorial vén de lanzar o seu dicionario complementario, unha ferramenta aínda en construción que quere ser "un complemento" aos xa existentes e que vén ser un guieiro para o galego dos nosos días.

Tolitates, quisque, peluchismo, dongalizo, sanxacobe, daiquiri... Son só algúns dos termos cos que nace este dicionario, que inclúe termos que xa constan noutros dicionarios -como "tolitates"- xunto con "formas léxicas non recollidas" no da RAG ou o Digalego "porque as consideran localismos, castelanismos ou estranxeirismos". Pero tamén por seren termos "moi recentes" ou "propios de ámbitos específicos ou minoritarios".

Definición de 'quisque' no Dicionario Complementario de Rinoceronte Editora © Dicionario

A publicación, que se pode consultar de balde, comeza con apenas un milleiros de entradas. A editorial prevé actualizalo "diariamente", tanto con novas entradas como con actualizacións das existentes. "Aínda que a nosa vocación é que algún día poida contar con decenas de miles de entradas -explican en Rinoceronte- a vontade máis inmediata é que vaia recollendo todo o léxico empregado nas obras publicadas por esta empresa editora e que non consta nos principais dicionarios dispoñibles para o público".

"O enfoque é eminentemente práctico" para unha ferramenta que procura "completar as lagoas" e "ofrecer alternativas a solucións dubidosas"

"O enfoque -agregan no espazo no que detallan as súas características- é eminentemente práctico". Así, non procuran lanzar un novo "instrumento académico", senón unha ferramenta "que facilite o uso do galego a quen deba traballar coa lingua, sexa de forma habitual ou esporádica".

Neste sentido, tampouco procuran "negar nin cuestionar as solucións dadas pola autoridade normativa". Só "completar as lagoas que esta ofrece e ofrecer alternativas a solucións dubidosas, xa que ninguén está libre de erros nin inspirado todo o tempo".

Definición de 'dongalizo' no Dicionario Complementario de Rinoceronte Editora © Rinoceronte

Como ferramenta en construción, o novo Rinodicionario está aberto a achegas. A través do correo electrónico ou do formulario web ábrense a suxestións e notificacións de erros. Tamén agradecen que "aquelas persoas que fagan un uso profesional e intensivo dos dicionarios de Rinoceronte contribúan periodicamente ao seu mantemento mediante unha doazón".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.