A editorial Rinoceronte lanzou o seu dicionario online castelán-galego, no que comezou a traballar durante o confinamento. A ferramenta, de balde, inclúe 27.000 entradas, procedentes en boa medida do Superdicionario Castelán-Galego que a editorial publicou en papel hai uns anos, e recolle outras achegas incorporadas posteriormente. O dicionario mantense en proceso de incorporación de novas entradas e termos, destacando a editora que "igual ca a lingua, queremos que este dicionario sexa unha ferramenta viva, que tentaremos mellorar e ampliar na medida do posible".
O dicionario inclúe 27.000 entradas, así como fraseoloxía asociada a elas, e topónimos
Os seus responsables explican que "o contido deste dicionario parte do uso intensivo que durante anos se fixo en Rinoceronte Editora do Dicionario Castelán-Galego da Real Academia Galega, publicado no ano 2004". "Como moitas consultas non obtiveron unha resposta satisfactoria", o equipo de Rinoceronte comezou a elaborar "un novo dicionario castelán-galego que, partindo desa base, solucionase estes problemas", sinalan.
Así, ao longo destes anos foron creando unha base de datos de formas, contrastadas con distintas fontes lexicográficas, co Volga, CORGA e Termigal, e que hoxe compoñen esta ferramenta. O resultado, despois de incorporar fraseoloxía asociada a cada entrada e tamén entradas de topónimos do mundo, recolle todas as entradas do DCG-RAG e engádelle un 10% máis de artigos, 17.000 locucións e 2.500 topónimos, destaca Rinoceronte.
"Igual ca a lingua, queremos que este dicionario sexa unha ferramenta viva, que tentaremos mellorar e ampliar na medida do posible", sinala a editorial
No dicionario, as equivalencias que figuran en verde son aquelas que recolle o Dicionario Castelán-Galego da RAG. De igual xeito, as formas marcadas con asterisco (*) son incorrectas e débense evitar. Os topónimos incluídos no dicionario proceden do uso de materiais didácticos de Secundaria. Nos casos dubidosos, ademais da forma recomendada, inclúese unha breve xustificación da escolla e documéntanse outras alternativas.
A editorial pon a disposición dos usuarios e usuarias un enderezo electrónico de contacto para informar de erros ou realizar achegas relevantes: info@rinoceronte.gal.