Tanxugueiras lánzanse en galego ao certame no que TVE escollerá representantes para Eurovisión

Tanxugueiras, no videoclip do seu single 'Figa' © Rocío Cibes

A Xil Ríos quixéronlle impoñer o castelán no Xirarei que lle compuxera Juan Pardo e Giraré caeu da preselección eurovisiva. O Que me quiten lo bailao de Lucía Pérez case soaba galego en Eurovisión 2011, pero era un tema 100% castelán. Nesta terceira década do século XXI, Tanxugueiras cantan ao mundo en galego e quéreno facer tamén no espectáculo televisivo-musical máis emblemático do continente.

As pandeireteiras levan tempo tombando marcos sen abandonaren o terreo da música tradicional. As súas incursións nas músicas urbanas con Midas e Figa viraron nun dos fenómenos musicais máis potentes da escena galega dos anos vinte. O pasado setembro, Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío ascenderon con Figa ao máis alto da votación organizada pola pola web 'eurovision-spain.com' para coñecer as preferencias dos eurofans a respecto do tema que debería representar a Televisión Española na edición 2022 do certame.

Foi neste punto no que a posibilidade de concorreren comezou a tomar forma. Non o poden facer con Figa nin Midas, toda vez que a Eurovisión só poden concorrer cancións inéditas. Pero xa hai un novo tema e confirman que o van tentar. "Confirmamos, si! Presentámonos, en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade, abofé que si!", sinalou o grupo o pasado martes a través das súas redes sociais.

A primeira peneira que as Tanxugueiras terán que pasar para optaren a representar a Televisión Española en Eurovisión é a preselección da corporación pública para o reformulado Festival de Benidorm, do que sairá o tema gañador

A primeira peneira que as Tanxugueiras terán que pasar para optaren a ser as representantes de TVE en Eurovisión 2022 é a da preselección que a corporación pública realizará entre todas as cancións recibidas e mais entre as bandas e artistas convidadas pola propia canle estatal para participaren na reformulada versión do Festival de Benidorm, agora Benidorm Fest. "En total -explica TVE- seleccionaranse 12 candidaturas" para o evento, que se celebrará o vindeiro xaneiro con "dúas semifinais e unha final". 

A decisión dependerá ao 50% dun xurado e da votación do público, que á súa vez dependerá á metade "dunha mostra de poboación seleccionada mediante regras estatísticas e demoscópicas". Quen gañe ese concurso viaxará a Turín a vindeira primavera para participar en Eurovisión no nome de Televisión Española.

Figa, de Tanxugueiras © Tanxugueiras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.