Un acto de amor "público e íntimo" homenaxeou o mestre, o activista, o contacontos Xabier P. DoCampo

Homenaxe a Xabier P. DoCampo © @EstherG_S - Moito Conto

No escenario do Rosalía léronse fragmentos da súa obra, proxectáronse vídeos e un gran número de persoas dedicáronlle palabras

"Sen dúbida, o acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia", adoitaba dicir Xabier P. DoCampo, finado hai case un ano. DoCampo, contador perenne de historias, deitou amor durante décadas a todos os que o escoitaron. Os seus amigos e amigas devolvéronlle parte dese amor nun acto de homenaxe que este mércores pola noite encheu o Teatro Rosalía da Coruña.

Presentado por Yolanda Castaño, no escenario do Rosalía léronse fragmentos da súa obra, proxectáronse vídeos, un gran número de persoas dedicáronlle palabras a DoCampo e Miro Casabella puxo a música, cantando "O meu país". Como escribiu Esther Gómez, libreira en Moito Conto, foi "un acto de amor público e íntimo a un tempo".

Antes do acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), colocouse unha placa na casa na que DoCampo viviu durante anos na Coruña, na Praza González Dopeso, a carón da libraría Azeta, que con tanta frecuencia visitaba.

Colocouse unha placa na casa na que DoCampo viviu durante anos na Coruña

No acto de homenaxe interviron Paco Martín a  Xavier Senín, desde Fina Casalderrey a Suso de Toro, Alfonso García Sanmartín, Chus Fernández, Paula Carballeira, Manuel Bragado, Xosé Manuel Pereiro ou María Canosa, entre outros e outras. Entre eles e elas había compañeiros e compañeiras de xeración literaria e tamén mestres e mestras que participaron no movemento de renovación pedagóxica e outras persoas que compartiron con el outros espazos, loitas e celebracións.

Placa colocada na porta da casa na que vivía Xabier P. DoCampo na Coruña © AELG

"Botamos de menos o amigo e o compañeiro que traballaba en proxectos colectivos para este país e botamos de menos o seu falar esperanzado e ilusionante", sinalaba nesta entrevista Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, que destacaba que "por moi indignado que puidese estar por moitas cousas, sempre había unha compoñente de ilusión esperanzada no futuro".

As homenaxes a Xabier P. DoCampo continuarán. O martes 4 de xuño a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela acollerá un acto de lectura de textos do autor, que será seguido por unha charla da crítica e máxima coñecedora da súa obra María Jesús Fernández.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.