Homenaxe a Xabier P. Docampo, na voz das súas amizades

Xabier P. Docampo © DNL

En xuño do pasado ano finou Xabier P. Docampo, unha morte que foi chorada por toda a cultura galega. Escritor, mestre, activista en prol da lingua ou da renovación pedagóxica, grande afeccionado ao cinema e cun talento notable para a narración oral, Xabier Docampo traballou en moitos ámbitos e en todos deixou infindas amizades. Todos eses amigos e amigas estarán presentes no acto de homenaxe, Na voz da amizade, que o vindeiro 29 de maio terá lugar no Teatro Rosalía da Coruña.

O acto será "unha primeira aproximación á súa persoa, o inicio dun camiño de homenaxes e dun tempo no que Xabier Docampo seguirá a estar presente na sociedade galega"

Organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), será presentado por Yolanda Castaño, e nel intervirán Paco Martín a  Xavier Senín, desde Fina Casalderrey a Suso de Toro, Alfonso García Sanmartín, Chus Fernández, Paula Carballeira, Manuel Bragado, Xosé Manuel Pereiro ou María Canosa. Entre eles e elas hai compañeiros e compañeiras de xeración literaria e tamén mestres e mestras que participaron no movemento de renovación pedagóxica e outras persoas que compartiron con el outros espazos, loitas e celebracións.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, sinala que será esta "unha primeira aproximación á súa persoa, o inicio dun camiño de homenaxes e dun tempo no que Xabier Docampo seguirá a estar presente na sociedade galega". "As súas obras e achegas serán aínda máis estudadas e o seu legado de loita a prol do país e das causas xustas será destacado".

"Botamos de menos o amigo e o compañeiro que traballaba en proxectos colectivos para este país e botamos de menos o seu falar esperanzado e ilusionante"

"Os que compartimos idade e biografía, botamos de menos a conversa cálida, chea de contidos literarios e sobre todo humanos. Cada vez que falabas con el atopabas algo novo, algo suxerente, algo enriquecedor", destaca Cesáreo Sánchez. "Botamos de menos o amigo e o compañeiro que traballaba en proxectos colectivos para este país e botamos de menos o seu falar esperanzado e ilusionante: por moi indignado que puidese estar por moitas cousas, sempre había unha compoñente de ilusión esperanzada no futuro do país e no futuro da propia literatura e das xeracións que ían ler as súas obras", engade

Cartaz da homenaxe © A.C.Alexandre Bóveda

Ciclo de palestras

A homenaxe será só un dos varios actos que están programados para os vindeiros meses, e que tamén incluirán a colocación por parte da AELG dunha placa na casa onde este chairego de nación residiu na Coruña. Antes, a partir desta mesma semana, a sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º, A Coruña) acollerán tres sesións nas que amigos e amigas de Docampo afondarán en varios aspectos da súa traxectoria.

"Por moi indignado que puidese estar por moitas cousas, sempre había unha compoñente de ilusión esperanzada no futuro "

Este mesmo mércores será a quenda de Xosé Cobas, amigo persoal e ilustrador da meirande parte da obra de Docampo, tanto que eran alcumados cariñosamente "parella de feito". É así como se titula a charla que Cobas ofrecerá a partir das 20 horas, que xirará ao redor do traballo que durante anos compartiron.

O mércores 3 de abril ás 20 horas Mª Jesús Fernández ofrecerá unha segunda charla titulada Xabier P. DoCampo, tradición e modernidade. Mestra e gran coñecedora da evolución da obra literaria de Docampo, Mª Jesús Fernandez analizará a súa importancia, destacando que "a el, xunto con outros escritores e escritoras da súa xeración, correspondeulle crear unha nova literatura máis acorde cos tempos e cun concepto de infancia, que xa non era considerada unha etapa imperfecta de transición, senón un importante momento da vida, con características propias e necesidades específicas".

A AELG colocará unha placa na casa na que residía, na Coruña

Finalmente, o mércores 10 de abril Martin Pawley tratará a cinefilia de Docampo na charla O cinema de Xabier: Do Ladrón de Bicicletas ao Fío Invisíbel. "Foi un grande cinéfilo, e ademais un cinéfilo consciente, alguén que coñeceu e reivindicou a especial natureza da linguaxe fílmica. Unha vida son miles de películas; entre todas elas, paga a pena recordar algunhas imaxes, algúns recordos, algunhas experiencias compartidas", salienta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.