8 vídeos para lembrar a Xabier P. Docampo

Xabier P. Docampo nunha mesa redonda sobre cinema CC-BY-SA Bibliotecas municipais da Coruña

 Na madrugada do luns ao martes finou Xabier P. Docampo. Déixanos as súas palabras e os seus libros, o seu sorriso e a súa "voz de trebón", a súa habelencia para a conversa e para o relato. Escritor, mestre e contacontos, son moitos os vídeos que hoxe podemos repasar para lembralo. Non só vídeos nos que o escoitamos falar a el, senón tamén vídeos nos que nenos e nenas de centros de ensino -un dos seus públicos máis numeroso e agradecido- o homenaxean. Ou tamén curtametraxes e booktrailers sobre algunha das súas obras.

 

  • A finais de maio deste ano Xabier P. Docampo realizou o seu derradeiro discurso público. Viña de recibir o premio de Narrativa na Gala do Libro Galego. Nós TV recolleu as súas verbas nestes vídeo: "Queremos que o libro galego continúe vivindo", dicía.

  • Nestoutro, gravado pola AELG no Culturgal de 2008, segunda edición da feira cultural, Docampo comeza con humor e continúa anunciando os seus proxectos máis inmediatos.

  • No terceiro, Docampo acompaña coa súa voz a lectura de O país adormentado

  • O cuarto é unha vídeo-homenaxe dos nenos e nenas de 2º de Primaria do colexion Miraflores de Ourense. A rapazada cóntanos quen é Xabier P. Docampo e vai repasando a súa biografía: "Moitas grazas, Xabier!"

  • O quinto é o inicio dunha conversa con Docampo sobre a súa novela A nena do abrigo de astracán, publicada por Edicións Xerais. Un vídeo publicado o pasado mes de novembro.

  • Xabier Docampo nunca deixou de ser mestre e foron moitos os centros de ensino de todo o país que percorreu, facendo presentacións e conversando con rapaces e rapazas. Neste, no IES de Fene, cóntalles que "a literatura é tan boa que todo canto che da sabe poñelo en dúbida no seguinte libro"

  • Neste vídeo, Docampo le un pequeno extracto de O libro das viaxes imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas

  • Finalmente, unha curtametraxe baseada no libro Bolboretas, realizada polos participantes nun obradoiro de stop-motion organizado na biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.