0 Gardados para despois

A cultura galega chora o falecemento de Xabier P. Docampo

Redacción | @prazapublica

Xabier P. Docampo finou esta noite aos 72 anos de idade. Mestre, pedagogo, escritor, naceu na Terra Cha (Rábade) en 1946 aínda que dende hai décadas residía na Coruña. Con ducias de libros publicados, converteuse nun dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, obtendo ademais numerosos galardóns e recoñecementos grazas a obras como A chave das noces, O pazo baleiro, Bolboretas, A casa da luz, O misterio das badaladas ou A illa de todas as illas... Por exemplo, en 1995 recibiu o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite, e tamén foi merecedor do White Ravens en 1997. Nos últimos anos entrara ademais no mundo da novela con O libro das viaxes imaxinarias ou A nena do abrigo de astracán.

Máis a aló da literatura (e previamente a ela), a súa vida estivo sempre ligada ao ensino e á renovación pedagóxica

Máis a aló da literatura (e previamente a ela), a súa vida estivo sempre ligada ao ensino e á renovación pedagóxica, a través de Nova Escola Galega. Traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Pertenceu ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación e participou activamente na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, de cuxa Xunta directiva formou parte durante cinco anos, dous deles como presidente. Deu cursos a profesores e relatorios en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica.

"Narrador de raza, porque pertence a ese tipo de monstros literarios que semellan saber contar coma se fose consubstancial ao propio feito de estaren no mundo"

Como el mesmo escribiu nunha nota autobiográfica publicada pola AELG, "Xabier P. Docampo fíxose escritor porque ten memoria de sí e dos seus. Porque habita a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano. E cando lle preguntan polas súas lembranzas bota a falar e non para...". Coruñés de adopción, Docampo nunca perdeu a súa relación coa Terra Cha. Nacido en Rábade, aos poucos meses foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea, onde residiu até a adolescencia. Hai catro anos recibiu alí unha homenaxe da AELG. Sobre eses primeiros anos chairegos escribiu: "Os meus primeiros recordos, aquelas lembranzas que se escribiron no meu corazón coma as gozosas cicatrices dun ferro quente, son dun pai muiñeiro, coa pucha enfariñada. Aquel muíño na beira do Lea que daba voltas mentres meu pai ía baleirando sacos de trigo subido ao alto".

Hai uns meses Berta Davila definiuno nesta reseña como "narrador de raza", ao fío da publicación do seu derradeiro libro, A nena do abrigo de astracán: "Narrador de raza porque pertence a ese tipo de monstros literarios que semellan saber contar coma se fose consubstancial ao propio feito de estaren no mundo". "Hai narradores (poucos) capaces de convencer ao lector de que cada historia contada non é o froito dunha vontade intelectual senón unha traducción á palabra escrita dunha especie de forma natural preexistente da propia historia", engadía. De igual xeito, nesta entrevista de 2012, publicada ao fío da reedición de O país adormentado Docampo afirmaba que: "Eu escribo como me gustaría que falasen os nenos. E o que quero é que os nenos teñan iniciativa, sexan curiosos, queiran saber, tocando, ulindo, e non esperando a que alguén lles conte como son as cousas".

Xabier Docampo: "Eu escribo como me gustaría que falasen os nenos. E o que quero é que os nenos teñan iniciativa, sexan curiosos, queiran saber, tocando, ulindo, e non esperando a que alguén lles conte como son as cousas"

Nos últimos anos seguiu moi vencellado a distintas iniciativas sociais, culturais e políticas, da que unha mostra son os varios artigos publicados en Praza, tralos incendios que arrasaron as Fragas do Eume ou tralo nacemento do fillo de Alberto Núñez Feijoo, en relación coa defensa da lingua galega. Unha das máis recentes foi a demanda da recuperación do estudo da Filosofía para todo o alumnado do Bacharelato. Sobre este tema escribiu un artigo o pasado mes de setembro, Filosofar é vivir. "A escola estaba aí para escorrentar a ignorancia e darlle poder ao saber, e por aí iamos ben. Onde descarrilou, logo, a máquina e o tren colleu un camiño desvariado? Moi doado, no momento no que se valorou máis a velocidade do tren que a seguranza de que chegase con ben ao destino", dicía nese texto, no que concluía:

"Se renunciamos a unha escola que forme no humanismo, na capacidade do individuo de interrogarse sobre si mesmo e sobre o mellor xeito de vivir en relación harmónica cos seus semellantes, daquela a alternativa que nos ofrecen non é só a dun camiño que nos levará á ignorancia, algo temíbel, pero remediábel, senón a dunha institución escolar que acabará por espertar o monstro que leva dentro, aquel que nos encamiña á barbarie, ese punto sen volta atrás que se enxendra no desprezo ao saber, que se alonga na desigualdade social e remata no cataclismo moral do desprezo por quen temos por inferior, por débil ou por incapaz".

Xabier P. Docampo en 'A Radio Conta'

© A Radio Conta

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha ducia de chíos para lembrar o mestre, o contacontos, o amigo

A morte de Xabier P. Docampo está a xerar unha morea de reaccións por parte de entidades sociais, culturais, lingüísticas de todo tipo. Tamén nos seus amigos e amigas, compañeiros e compañeiras dos moitos traballos e tarefas ás que o escritor e mestre dedicou a súa vida. Ao igual que sucedera no pasamento de Agustín Fernández Paz, do que van facer dous anos, as redes están cheas este martes de palabras de lembranza e de agarimo para Docampo. "Perdemos un home único", "Un home bo, xeneroso, e de conversa impagable", "O contacontos que nos emocionaba coa súa voz de trebón", "Estarás connosco sempre, na luz dos nosos ollos, nos brazos que nos impulsan" ou "O mundo vai ser peor sen Xabier P. Docampo. Quedan as súas historias. O mundo é mellor grazas a elas" son algunahas delas. Repasámolas neste fío.