0 Gardados para despois

Xabier P. Docampo

Carta aberta a un pai galego

Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

Cando coñecín a noticia veume á cabeza unha campaña que fixera a Xunta de Galicia aló polo 1984 e na que unha nai mantiña no colo a súa crianza (aquela era unha nena, pero tanto ten) seguramente con tanto amor como agora o fai a nai do seu fillo. Como vostede ben sabe aquel cartaz tiña un lema moi bonito, dicía: «Fálalle galego». Entón pregúntome, o señor presidente da Xunta de Galicia, en quen reside na actualidade a máxima responsabilidade de que a lingua galega prevaleza, non se perda e lle sexa transmitida ás novas xeracións, haberá de lle falar en galego ao seu fillo? Haberá de se ocupar de que teña a galega pola súa lingua propia, como galego que é, e fará uso dela?

O señor presidente da Xunta de Galicia, en quen reside na actualidade a máxima responsabilidade de que a lingua galega prevaleza, non se perda e lle sexa transmitida ás novas xeracións, haberá de lle falar en galego ao seu fillo?

Eu non son quen para lle dicir ao cidadán Alberto Núñez Feijóo como ten que lle falar ao seu fillo. Nin son quen nin querería selo, porque coido que só a vostede corresponde a decisión. Mais si me considero con dereito a lle lembrar ao presidente da Xunta de Galicia que ten obrigas obxectivas coa lingua propia de Galicia. Se vostede non o fai, quen o terá que facer?

Pero ademais quero lembrarlle que, como vostede ben sabe, que lle fale galego ao seu fillo só ten vantaxes e se alguén lle ve algún inconveniente é porque non lle anda ben a cabeciña ou é parvo (que vén ser o mesmo). Se aprende galego, como é seguro que o castelán non lle ha faltar, a súa cabeza irase preparando mellor para a aprendizaxe doutras linguas, así que virá o inglés de camiño e haberá outras que aprenderá con facilidade, porque, como lle digo, o seu cerebro terá adquirida unha plasticidade que facilitará esa aprendizaxe.

E aínda hai outras razóns para que se aplique a lle falar galego ao seu Alberto, e non vou porfiar na súa responsabilidade cara á lingua galega que xa lla dixen máis arriba e vostede ben a sabe. Refírome a que vostede púxolle o seu nome porque quere marcalo cun certo orgullo de estirpe, que poida dicir: «Chámome Alberto coma meu pai», por iso lle digo o do galego, porque sería ben que dixese tamén «Falo galego porque son galego», unha marca de estirpe, de orixe que non o vai facer mellor ca ninguén, so o vai identificar como pertencente a un pobo. Así non se vería na situación de  ter que dicir, coma aquel presidente dun banco español, pero el de Chantada, que entendía o galego, pero que non o falaba, porque iso tamén o fai o meu can. Que iso non ocorra vai depender, sobre todo, de vostede, da súa vontade en materia de galeguidade, que non ten por que ser menor ca miña. E dígolle todo isto porque, ben o sabe vostede, o amor á lingua apréndese (e a xenreira tamén).

Non quero entretelo máis porque ha ter que facer algo máis que atender á miña carta, terá que mudarlle un cueiro ao rapaz ou preparar a auga para bañalo ou... Só dicirlle que o meu corazón só ten bos desexos para o seu Alberto, que teña unha longa, boa e feliz vida e, ademais, que fale galego.

Un saúdo

Xabier P. DoCampo

Acerca de Xabier P. Docampo