0 Gardados para despois

O asasinato de Jimmy pode quedar impune malia a versión policial e da testemuña protexida

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un asasinato que pode quedar impune malia a "estupefacción" da policía, a súa detallada investigación e a pesar das declaracións claves dunha testemuña protexida que identifica con nomes e apelidos os presuntos asasinos e que corrobora a versión das forzas de seguridade. Así pode acabar o caso Jimmy, seareiro do Deportivo mallado a paus e tirado a un río hai agora once meses en Madrid. Foi logo dunha liorta entre ultras dos Riazor Blues e do Frente Atlético precedida, segundo a investigación, dunha emboscada levada a cabo polo grupo de extrema dereita contra os afeccionados galegos. 

O xuíz dá por pechada a investigación malia que policía e unha testemuña protexida coinciden na versión e en sinalar varios presuntos asasinos

O  maxistrado titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid considera rematada a instrución e parece que non vai levar a cabo máis citacións nin máis probas sobre o asasinato de Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy. Pretende, segundo asegura a SER, ditar o auto de transformación de dilixencias previas en procedemento abreviado logo de concluír a investigacións, o que significa que non chamará a declarar a novas testemuñas para a causa nin practicará novas dilixencias. Todo malia a declaración do pasado mes de xullo -e coñecida esta semana- dunha testemuña protexida que identificou con "nome, apelidos e alcumes" catro dos agresores do ultra deportivista.

Non obstante, o avogado que defende uns 70 afeccionados galegos e que se personou como acusación particular mantén a "cautela" e prefire agardar a que se resolva o recurso que presentou pola posta en liberdade de catro presuntos asasinos que foran imputados pola policía. "Estamos esperando o momento procesual oportuno, pero se vemos que non hai movementos por parte da Fiscalía ou outras partes, citaremos a declarar máis persoas", asegura Erlantz Ibarrondo, que lembra que a súa posición foi "comedida" agardando "a que se fixese xustiza". De non facerse, e ante os posibles intentos de pechar o caso, chamará máis testemuñas que poidan aclarar un caso no que, como recoñece, "si hai cousas que chaman a atención". Entre elas, di, "que non haxa máis movementos que os da acusación" ou "a présa coa que se fan certas cousas e a tardanza ou falta de dilixencia noutras". 

O avogado dos seareiros deportivistas advirte que chamará máis testemuñas a declarar no caso de que se intente pechar o caso

O caso é que a declaración desta testemuña protexida deu unha volta ao caso. Manifestou que estaba a uns catro metros da agresión e explicou como tres persoas -algunhas xa detidas como autoras materiais do homicidio- participaran na malleira e que unha delas dera "un golpe na cabeza a un afeccionado do Depor de complexión delgada", que caeu ao chan e que logo foi agredida con patadas e porras na zona abdominal por varios ultras atléticos. 

Tería recoñecido cando menos dous dos catro individuos que xa foran presos e logo postos en liberdade -José Luis Zarzoso e Francisco Jiménez Linares- como autores materiais da agresión a Jimmy, ademais dun menor e outra persoa, Diego Palomeque, que tamén fora detido e acusado de rifa tumultuaria. A súa versión coincide coa da policía, así como a descrición de dous destes ultras que foron postos en liberdade o pasado 21 de maio polo xuíz ao considerar que había "dúbidas máis que razoables sobre a súa participación directa nos feitos". 

A descrición dos feitos e de dous dos implicados na malleira por parte da testemuña coinciden coa versión das forzas de seguridade

Agora, este menor asegura que antes de tirar a Jimmy ao río, os ultras atléticos agredían outro seareiro do Deportivo "grande e de complexión forte" que tamén fora tirado ao Manzanares. Este dato contradí a versión dun axente municipal que, estando máis lonxe, asegurara que primeiro tiraran o falecido e logo o outro home, o que serviu o xuíz para poñer en dúbida a versión policial. 

 

A "estupefacción" da policía

Daquela, as forzas de seguridade advertiran da súa "estupefacción" pola decisión do maxistrado -o cuarto que dirixe o caso, algo que fontes xudiciais ven con estrañeza- e lembraban que os catro encarcerados foran incriminados polas imaxes das cámaras de seguridade da zona e por un vídeo gravado por un taxista que presencia o momento no que os ultras do Frente Atlético golpean e lanzan a Jimmy ao río. Pero varios meses despois, e tras a declaración deste taxista e do axente, o xuíz decidiu liberar os acusados. E fíxoo malia que esta posta en liberdade non foi solicitada por ningún dos avogados nin pola Fiscalía. Todo despois de que fosen filtradas a varios medios unhas dilixencias que incluían datos persoais e de contacto das testemuñas. 

O xuíz decidiu deixar libres catro dos acusados de homicidio malia que nin a Fisclía nin ningún dos avogados o solicitou

Os investigadores policiais botaron meses analizando vídeos, gravacións de cámaras de seguridade, debullando intervencións telefónicas e mesmo realizando xeolocalizacións. Acabaron por dar cos catro presuntos homicidas, todos eles coñecidos no mundo ultra de extrema dereita. Agora, a versión dunha testemuña protexida menor de idade corrobora a súa versión, pero o xuíz teima en non reabrir o caso. Foi o pasado 9 de xullo cando este mozo decidiu explicar como sucedera todo. A súa declaración foi remitida ao xulgado que investiga o caso para os imputados e detidos adultos pola Fiscalía de Menores, que tiña aberta unha investigación paralela ao haber entre os imlicados moitos que aínda non tiñan a maioría de idade. 

Agás sorpresas, ningunha das persoas que sentará no banco dos acusados será acusado pola morte do searero galego

Agás sorpresas, o maxistrado instrutor emitirá o auto no que transforme as dilixencias previas en procedemento abreviado, paso previo ao xuízo no que, a non ser que o rumbo cambie de vez, só haberá acusados por participar en rifa tumultuaria. Sentarían no banco dos acusados seareiros do Deportivo e do Atlético, pero ningún dos 101 detidos na operación Neptuno está acusado pola morte de Jimmy. Os seis que foran imputados por homicidio pola policía están todos en liberdade. Os catro sinalados pola testemuña protexida, tamén. O avogado dos afeccionados galegos, Erlantz Ibarrondo, recoñece "cousas chamativas" no proceso, pero prefire a que a instrución remate e se resolva o recurso presentado antes de "tomar decisións". Será o intento por evitar que unha morte quede impune. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.