0 Gardados para despois

Un ano do asasinato de Jimmy: cen detidos, só un menor acusado e ninguén preso

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Un ano despois do asasinato de Jimmy hai dúas causas abertas, 101 detidos, un xuízo aprazado e un menor de idade como único acusado de homicidio. Pasaron xa catro maxistrados. E hai o risco, tamén, de que a morte do seareiro deportivista quede impune malia a "estupefacción" da polícia, que insiste en culpar da autoría os cinco ultras do Frente Atlético que foron imputados, dos cales catro foron liberados pola xustiza malia unha completa investigación e a versión coincidente dunha testemuña protexida que participou na malleira e que sinala tamén estas persoas.  

Un ano despois do asasinato, hai dúas causas abertas, 101 detidos pero só un menor de idade acusado de homicidio

Hai hoxe un ano, aquel domingo 30 de novembro, o afeccionado do Deportivo Francisco José Romero Taboada, Jimmy, foi mallado a paus e tirado ao río Manzanares logo dunha liorta entre ultras dos Riazor Blues e do Frente Atlético precedida, segundo a investigación, dunha emboscada levada a cabo polo grupo de extrema dereita contra os seareiros galegos.

Moreas de imaxes, conversas e mensaxes telefónicas, arquivos de voz e testemuños levaron a policía a culpar do asasinato a cinco coñecidos ultras neonazis. Foron os mesmos datos e indicios que fan pensar nunha emboscada e non na quedada da que se falara ao principio. A testemuña protexida -un participante na liorta arrepentido- coincide coa policía e sinala eses cinco homes -catro que foron liberados polo xuíz tras pasar cinco meses na cadea e logo de que se filtrasen as dilixencias e un menor que segue imputado-, ademais de corroborar a violencia coa que actuaran. 

A testemuña protexida coincide coa versión da policía e culpa os mesmos cinco ultras, pero o xuíz non o chama a declarar

O menor asegurou que antes de tirar a Jimmy ao río, os ultras atléticos agredían outro seareiro do Deportivo "grande e de complexión forte" que tamén fora ciscado ao Manzanares. Este dato contradí a versión dun axente municipal que, estando máis lonxe, asegurara que primeiro tiraran o falecido e logo o outro home, o que serviu o xuíz para poñer en dúbida a versión policial, liberar os acusados maiores de idade e retirarlles os cargos de homicidio ante a "estupefacción" da policía, que mantén a súa versión. 

O asasinato de Jimmy investígase en dous xulgados: nun de Menores, con tres mozos imputados, un deles por homicidio; e no Xulgado de Instrución número 20 de Madrid, coa causa principal e con 98 imputados por rifa tumultuaria. En definitiva, todos acusados de participar nunha pelexa sen máis, agás un rapaz. Non obstante, son varias as fontes que en diversos  medios contan con que se acepte o recurso da defensa deste mozo e se lle retire tamén o cargo de homicidio, polo que ningún dos 101 detidos sería acusado da morte do afeccionado galego. 

O único menor acusado de homicidio podería ser desimputado e ningún dos detidos sería acusado da morte de Jimmy

Ademais, o mesmo xuíz que excarcerou os catro ultras que a Policía acusara de homicidio pretende, agás sorpresa maiúscula, pechar a investigación. E as declaracións da testemuña protexida pode que non cambien nada. Por que? Está imputado na causa principal por rifa tumultuaria, polo que ten dereito a exculparse  mesmo mentindo, menres que unha testemuña está obrigada a dicir a verdade. 

Sexa como for, a declaración desta testemuña non foi incorporada á causa principal e o xuíz non o chamou a declarar aínda. A Fiscalía e a LFP solicitarion a súa declaración e o avogado que defende uns 70 afeccionados galegos e que se personou como acusación particular, Erlantz Ibarrondo, busca tamén evitar que o caso se peche en falso. Todos se preguntan por que nin tan sequera se escoita a súa versión e moitos chaman a atención, tamén, sobre o feito de que ducias de deportivistas teñan recibido xa elevadas sancións por participar na pelexa -algúns nin tan sequera estaban no lugar dos feitos- mentres que ningunha destas multas chegou aínda a ultras do Frente Atlético. 

O maxistrado vén de negar a petición para que declara o policía que elaborou un atestado complementario tras o testemuño do rapaz

Ademais, o maxistrado vén de negarse á petición da Fiscalía e da LFP para que declara o policía responsable do grupo que elaborou un atestado complementario logo do testemuño da testemuña protexida, unha decisión que xa recorreron as partes segundo asegura a axencia Efe. 

Ao tempo, o Concello da Coruña en pleno ou a Deputación, entre outras moitas institucións e formacións políticas, únense á petición de xustiza para Jimmy. O caso que chegou a causar división na afección branquiazul e apresuradas e polémicas decisións dunha e doutra parte semella agora unir o deportivismo nunha reclamación unánime: "que o asasinato non quede impune". Este mesmo luns, unha nova concentración percorrerá as rúas achegadas a Riazor reclamando xustiza e o sábado celebrarase un concerto ao pé da Torre de Hércules. Todos eles reclamando cunha etiqueta que segue a espallarase: #xustizaparaJimmy.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.