A selección galega de fútbol regresará no vindeiro ano. Segundo adiantou a TVG, a Irmandiña regresará máis de sete anos despois do seu último partido e farao durante 2016, presumiblemente antes da Eurocopa de Francia que se celebrará entre o próximo mes de xuño e xullo no país galo.
A FGF pretende que o regreso da selección se produza antes da Eurocopa do vindeiro mes de xuño
"Imos intentar que puidera ser antes da Eurocopa e, senón, durante o transcurso de 2016", confirmou Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF) aos micrófonos da televisión pública. Mesmo anunciou que a FGF xa está "traballando" en posibles rivais e das súas palabras dedúcese que Portugal ou países latinoamericanos con forte presenza da emigración galega poderían ser os contrincantes.
"Temos países que están relativamente preto e estamos traballando varias posibilidades; tamén hai países con moita vinculación con Galicia en América", dixo Louzán, que recolleu a luva lanzada nos últimos meses por varios xogadores galegos, especialmente por parte das dúas estrelas de Deportivo e Celta, Lucas Pérez e Iago Aspas. Ambos os dous, tanto antes como despois do último derbi, reclamaron o regreso da selección e amosáronse totalmente dispostos a vestir a súa camiseta.
Portugal ou algún país latinoamericano con forte presenza da emigración galega serían os rivais con maiores opcións
Non foron os únicos. Hai agora un ano, pouco despois de que Louzán accedese á presidencia da FGF, Fernando Vázquez, ex seleccionador galego e un dos seus principais valedores e apoio da Irmandiña, lanzara un órdago ao novo dirixente do deporte rei no país. "Que non se esqueza da selección", manifestara.
Problemas con xogadores tampouco debería haber. A dificultade para atopar futbolistas de primeiro nivel naquela última etapa da selección contrapóñense agora coa importante cantidade de futbolistas de elite que reúne Galicia tanto en Primeira División como na Segunda, pero tamén en importantes ligas estranxeiras. Xuntando tan só os xogadores galegos de Celta, Deportivo e Lugo daría para unha convocatoria. Sergio, Jonny, Mallo ou Aspas, polo Celta, e Bergantiños, Juan Domínguez, Mosquera ou Lucas, polo Deportivo, son só algúns dos candidatos. Tamén Denís Suárez (Villarreal), Diego López (Milan), Iago Falque (Roma), Lucas Vázquez (Real Madrid), Angeliño (Manchester City), Trashorras (Rayo), Roberto Lago (Getafe) son outras opcións. Mesmo Thiago (Bayern Múnic) ou Rodrigo (Valencia) serían seleccionables, ao terse criado na canteira viguesa. Tamén importantes xogadores de ligas internacionais con ascendencia galega, como Nico Lodeiro (Boca Juniors), Jay Rodríguez (Southampton), Lamela (Tottenham) ou Ricardo Rodríguez (Wolfsburgo).
Foi o 27 de decembro de 2008 en Riazor cando rematara o soño dunha selección galega que disputou catro partidos amigables por cada Nadal dos que o goberno bipartito permaneceu na Xunta. Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán foran os rivais dun conxunto que permanecía imbatido pero que xa non existe.
"Temos que elixir e a verdade é que aquel equipo da selección galega custou un millón de euros, e eu non estou para gastar un millón de euros niso; estou para intentar investir no deporte base e non para inventar outras cuestións", xustificaba Núñez Feijóo -obviando moitas veces o patrocinio empresarial co que contaba o acontecemento- cada vez que se lle preguntaba pola ausencia da Irmandiña, á que outros membros do seu Goberno acusaron de ser utilizada politicamente polo nacionalismo pasando por alto, entre outros aspectos, a presenza de dirixentes populares animando a selección no palco de autoridades.