Con algo máis de nove mil habitantes, unha pequena vila da Mariña lucense presume de fútbol sala e do seu equipo. O Burela Pescados Rubén vén de gañar nesta fin de semana a súa segunda Liga en categoría feminina tras vencer na Rioxa no último partido e logo dunha xeira de 18 vitorias consecutivas. O conxunto laranxa sumou un galardón máis a un palmarés que tamén conta con Copa e Supercopa e que engade brillo ao único club do Estado con equipos feminino e masculino na máxima categoría.
O Burela feminino suma dúas Ligas, unha Copa e unha Supercopa no seu palmarés
Tivo que ser, ademais, en plenas festas patronais en Burela cando as rapazas volvesen triunfar e repetisen o triunfo na Liga que xa acadaran na tempada 2012-13. Este domingo, día grande na localidade da Mariña, celebrarán coa súa afección un título que pode non ser o último. Na vindeira semana, loitarán tamén pola Copa.
Un de cada dez habitantes da vila da Mariña é socio do club de fútbol sala
O éxito xorde do traballo de anos dunha entidade que ten preto dun milleiro de abonados, o que supón que un de cada dez habitantes de Burela é socio do equipo de fútbol sala, masculino e feminino. Os seus partidos na cancha de Vista Alegre adoitan ser tan espectaculares na pista como nas bancadas. Iso, se só tivese afección da súa vila. "Temos socios e afeccionados en toda a Mariña e incluso hai seareiros que veñen cada fin de semana desde Asturias para animar o equipo", destacaba a directiva en Praza.