Gómez Noya engade outro galardón a unha carreira de lenda

Gómez Noya, nun adestramento © Guillermo González

Javier Gómez Noya foi galardoado este mércores co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016. O galego, pentacampión do mundo e subcampión olímpico de tríatlon, foi o elixido polo xurado de entre unha listaxe na que estaban tamén a esquiadora Lindwy Vonn, o equipo de rugbi de Nova Celandia e o piloto de ralis Sebastian Loeb. O galardón destaca o seu "incontestable e brillante palmarés", así como os "valores de esforzo e perserverancia ante a adversidade, demostrando unha enorme fortaleza e un encomiable espírito de superación". 

Gómez Noya foi galardoado co Princesa de Asturias polo seu "brillante palmarés" e polos "valores de esforzo" e o "espírito de superación"

O ferrolán -asentado en Pontevedra e que compite por un club de Lugo- engade así outro recoñecemento a un palmarés do que pode presumir por ser o único triatleta en acadar cinco veces o campionato do mundo, pero ao que se engaden moitas máis vitorias en diferentes especialidades ou torneos. O último, o campionato de Europa de tríatlon -o cuarto na súa carreira-, antes de que afronte o seu principal obxectivo da tempada e propósito marcado con vermello en calquera deportista e nel mesmo: a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Rio no verán.

A súa impresionante carreira en Londres, onde acadou a prata, ou o épico sprint cun dos irmáns Brownlee tamén na capital británica para gañar a carreira e un novo mundial en 2015 permanecen para sempre gravados no imaxinario deportivo de todos os afeccionados do mundo e moito máis dunha Galicia que presume dun deportista exemplar na competición pero tamén fóra dela. O libro A pulso, onde os xornalistas Paulo Alonso e Antón Bruquetas narran a súa historia de superación, é un perfecto retrato dun deportista único e pode que inimitable. 

A súa carreira nos Xogos de Londres ou o épico sprint para gañar as series mundiais en 2015 permanecen xa no imaxinario deportivo dos afeccionados

Gómez Noya enterouse deste novo galardón adestrando na capital lucense, acordouse de Galicia nas súas primeiras palabras e, para agradecer o premio e o apoio dos seareiros, colgou no seu perfil de Facebook unha foto suxeitando unha bandeira galega.

Nado na emigración, en Basilea en 1982, e criado en Ferrol, comezou a destacar na natación apañando títulos e marcas relevantes ata que un día lle deu por probar no tríatlon e deixou pampos a moitos aínda na adolescencia. Alí comezou a súa carreira na disciplina seguindo o ronsel doutro galego, Iván Raña, precursor, campión, mestre e impulsor de moitos triatletas que viron nel o ídolo e exemplo. Outro paisano cuxo recoñecemento é pouco. 

Malia os seus temperás éxitos, non foi finalmente seleccionado para os Xogos de Atenas de 2004, entre fortes polémicas que se incrementarían -e moito- cando o Consello Superior de Deportes (CSD) lle retirou a licenza para competir na elite ata en dúas ocasións. A orixe era unha discrepancia entre médicos sobre a gravidade dunha cardiopatía que o mantivo afastado das mellores competicións malia que seguía estando entre os mellores. Foi a súa peor época, entre frustración e bágoas, pero loitou ata que volveu e volveu gañar. Sempre co sacrificio como bandeira. 

O CSD retiroulle ata en dúas ocasións a licenza para competir; ao voltar, gañou a Copa de Europa e a Copa do Mundo

Nesa mesma tempada queda segundo na Copa do Mundo de Aqaba, gaña a Copa de Europa de Estoril e na proba da Copa do Mundo celebrada en Madrid, para acabar proclamándose campión da competición. De aí en diante: nove veces número un mundial segundo a Unión Internacional de Tríatlon, cinco veces campión do mundo, medalla de prata en Londres e catro veces campión de Europa. 

A súa carreira deportiva encheu a vitrina de trofeos pero tamén de recoñecementos como a medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo en 2013 ou o Premio Nacional do Deporte en 2012. Agora, chégalle o prestixioso galardón Princesa de Asturias, completando un palmarés que culminaría con ese ouro olímpico que persegue para Rio. Ou non. Porque seguiría acumulando éxitos. E de non gañalo, continuaría sendo, posiblemente, un dos mellores deportistas da historia. E un orgullo único para Galicia. 

Gómez Noya, nunha proba en Lausanne CC-BY-SA MartinPutz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.