A Federación Galega de Fútbol, co apoio de investigadores da Universidade de Vigo, agarda recadar entre 2,4 e 10,2 millóns de euros a partir da temporada 2017-18
Menos dunha semana despois de que a Fiscalía pedise para el un ano de cárcere e dous anos e dous meses de suspensión de emprego público por suborno pasivo, o ex-presidente da Deputación de Pontevedra e agora presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, anunciou este mércores a posta en marcha dunha Quiniela Galega. O novo xogo de apostas, o primeiro que se crea en calquera comunidade autónoma, comezará a funcionar en probas na próxima temporada, a 2016-17, e os seus impulsores esperan que na 2017-18 xa reparta premios.
A Quiniela comezará en probas este outono con partidos da Terceira, 1ª Feminina e Preferente
A nova Quiniela Galega foi presentada este mércores en Santiago por Louzán e economistas do grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, que asesoraron á Federación no seu proxecto. Segundo as súas contas, o novo xogo podería obter entre 2,4 e 10,2 millóns de euros de beneficio para os clubes galegos, que segundo a Federación xa están sendo obxecto de apostas noutras plataformas de xogo sen que repercuta neles ningún beneficio. Con ese obxectivo, e o de crear imaxe de marca do fútbol galego, é co que nace agora a Quiniela Galega. Os seu boletos incluirán 13 partidos, dos que nove serán da Terceira División, dous da 1ª Feminina e outros dous da Preferente Autonómica. Tamén haberá un bote acumulable nun partido adicional, ao estilo do “pleno ao 15” da Quiniela estatal. Aínda que será ao longo desta primeira temporada de probas cando se establezan os importes das apostas e dos premios, a Federación baralla unha aposta mínima de 50 céntimos, repartir en premios a metade do recadado e que se poida xogar en papel e a través de internet.
Louzán chegou á Federación Galega de Fútbol en decembro de 2014, seis meses antes de que o PP perdese a Deputación de Pontevedra que el presidiu durante 12 anos, os últimos dos cales realizou fortes investimentos no mundo do balompé, fundamentalmente coa construción de campos de céspede artificial. O seu desembarco na Federación supuxo a recuperación da selección galega absoluta de fútbol, que a Xunta deixara de apoiar a partir de 2009, cando o partido de Louzán recuperou o seu goberno.