Galicia consolida o seu status mundial na meca do fútbol gaélico

Cerimonia inaugural en Croke Park © SGFG

As seleccións galegas de fútbol gaélico confirman na terra e meca deste deporte o seu status internacional. Logo de debutar o ano pasado como combinado oficial en Abu Dhabi nos Xogos Mundiais da GAA -o organismo que regula a práctica de todos os deportes gaélicos- e de acadar o subcampionato en categoría masculina, Galicia disputa xa desde este martes os encontros desta segunda edición mundialista en Dublín, capital de todas as disciplinas irlandesas. 

Galicia disputa o seu segundo mundial tras o subcampionato masculino do pasado ano en Abu Dhabi

Nunha delas, o fútbol gaélico, Galicia entrou na historia en 2015 ao ser o primeiro combinado nacional do país recoñecido nun campionato oficial. E debutou, ademais, acadando o subcampionato masculino logo de caer a última hora na final ante Arxentina. Desta vez, con maior participación e tamén maior nivel, os rapaces galegos quedaron encadrados no grupo C e empezaron o torneo cunha vitoria ante Bretaña (17-3), un empate ante Suráfrica (6-6) e unha vitoria mínima (2-6) ante o combinado de Nova York, o que lles permite seguir na loita polo título. Xogará este mércores ante Francia, Alemaña e Arxentina. 

A selección masculina continúa na loita polo título tras pasar a fase de grupos

En categoría feminina, o equipo galego debutou cunha contundente vitoria ante un dos combinados de Europa que disputa o torneo (22-0) para logo caer 3-10 ante a potente Canadá. A derrota contra Nova York, na última xornada da fase de grupos, afastouna da loita polo título. Agora loitarán por acadar o mellor posto no torneo.   

En Dublín, o formato e duración dos partidos para estes Xogos Mundiais é moi semellante ao do rugbi a 7 nos Xogos Olímpicos que se están a disputar en Rio. Os equipos representan federacións ou asociacións autorizadas pola GAA, o organismo internacional que dirixe os deportes de orixe irlandesa, e xogan nun campo de fútbol gaélico duns 100 x 60 metros e en combinados de 9 contra 9.

O acontecemento, histórico para todos os participantes, permitiulle aos xogadores galegos gozar da cerimonia de apertura no mítico estadio de Croke Park ante uns 45.000 espectadores que acudiron tamén a presenciar a semifinal irlandesa de hurling, outro deporte gaélico de máis de mil anos de historia e cun forte seguimento na Illa. 

O primeiro equipo de fútbol gaélico en Galicia naceu hai cinco anos; na actualidade, hai máis dunha ducia de clubs e uns 500 xogadores

A presenza de Galicia neste mundial confirma a importante e espectacular historia do fútbol gaélico en Galicia. Todo comezou hai pouco máis de cinco anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina no país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis dunha ducia de clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe o gaélico a nivel global.

O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 500 xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte.  

A selección galega, na cerimonia inaugural en Croke Park © SGFG
A selección galega, na cerimonia inaugural en Croke Park © SGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.