O Deportivo da Coruña gaña a I Copa Deputación de Fútbol Feminino

Un momento do partido entre o Deportivo e O Val © Deputación da Coruña

As xogadoras do R.C. Deportivo da Coruña proclamáronse este xoves gañadoras da primeira edición da Copa Deputación de Fútbol Feminino, tras vencer por 7 goles a 0 á SD O Val de Narón na final deste campionato, celebrada no campo de fútbol de Sinde (Narón). As xogadoras recolleron o seu trofeo de mans do deputado de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares. O Dépor derrotara nas semifinais da competición ao Victoria por 7-1, mentres que O Val gañáralle ao Torre por 1-0

Por vez primeira, a Copa Deputación de fútbol, un dos torneos máis antigos e con maior participación de cantos se celebran en Galicia, tivo tamén este ano unha edición destinada aos equipos femininos da provincia, na que participaron un total de 19 clubs da 2ª División Nacional e 1ª e 2ª División da Liga Galega, que se repartiron preto de 30.000 euros en premios, segundo os seus resultados na clasificación.

As deportivistas dominaron con claridade o encontro, pero non puideron abrir o marcador ata o minuto 30, cando Estefi conectou unha cabezada aproveitando un centro medido de Lea para facer o primeiro. Antes do descanso, Patri anotaría o segundo tras unha gran acción individual. A partir de aí, o vendaval branquiazul foi xa imparable para as xogadoras de Narón, que xogaron o encontro como locais. Trala reanudación, o Dépor Feminino saíu en tromba e no minuto 60 xa gañaba 6-0. Patri aumentou a súa conta particular e un dobrete de Ariane, sumado a un tanto en propia porta, deixaron o partido visto para sentenza. O 7-0 púxoo Elvira no 85 aproveitando as dúbidas defensivas das locais á saída dun córner. 

A Copa Deputación convértese no terceiro título cultivado pola sección feminina do Deportivo, trala consecución do Teresa Herrera fronte ao Vilarreal o pasado 9 de agosto e o recente triunfo contra o Olímpico de Madrid no Memorial Manuel Fernández Faraldo. As xogadoras comandadas por Manu Sánchez arrincarán a liga de Segunda División este mesmo domingo (17:00h), nun encontro no que se verán as caras co Oviedo Moderno.

 

As xogadoras do Deportivo © Deputación da Coruña
As xogadoras do Val, finalistas da Copa © Deputación da Coruña
A capitá deportivista recolle o trofeo © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.