Regresou a selección galega feminina logo de oito anos de ausencia. Fíxoo contra o mesmo rival que daquela, a selección de Catalunya, unha potencia que xunta no seu equipo varias mundialistas e na que todas as futbolistas xogan na elite. Notouse sobre o campo a superioridade e a veteranía das catalás fronte a unha Irmandiña con algunha figura mundial -como Vero Boquete- pero tamén con rapazas de apenas 16 anos e moitas baixas entre lesións e o veto dalgún conxunto á convocatoria de Galicia. Un 0-5 tan claro como pouco importante nun amigable no que o importante era a festa do fútbol das mulleres.
A selección catalá impuxo a lóxica e impuxo a súa calidade ante unha Galicia con futbolistas novas e sen tanta experiencia
Recoñecía o seleccionador galego, Quin Valbuena, o "nerviosismo" dalgunha das súas futbolistas, uns nervios que se notaron sobre todo nos primeiros minutos. Neses inicios foi onde Cataluya aproveitou o seu dominio e a súa superioridade para sentenciar o partido. Carol Férez e Alèxia Putellas, unha das xogadoras de máis calidade, marcaron os dous primeiros goles en tan só oito minutos.
Máis de 4.000 persoas presenciaron o partido no campo da Lomba de Vilagarcía
Nun estadio da Lomba cunha excelente entrada e unhas 4.500 persoas, Galicia fixo o que puido ante unha selección moi superior e case profesionalizada, que se aproveitou tamén das importantes ausencias do rival, entre elas a de última hora da goleadora Mari Paz Vilas, que sentou non banco pero non puido saír ao campo da súa localidade natal ao estar mancada. Tan só as irrupcións de Vero Boquete e Carol causaron algunha xogada de perigo nesa primeira parte claramente inclinada do lado de Catalunya, que por medio de Olga Garcia anotou o terceiro e o cuarto antes do descanso. O xogo combinativo e preciso das catalás foi demasiado.
Na segunda parte, na que Catalunya introduciu varios cambios xa de inicio, o partido baixou en intensidade. Tamén en Galicia se produciron os cambios e a substitución de Vero Boquete foi seguida dunha enorme ovación. Aínda así, as visitantes aumentaron a conta co tanto de Eva Llamas. Foi, finalmente, un 0-5 na terceira aparición da selección galega feminina absoluta na historia.
"O importante é reivindicar que as mulleres estamos aquí e sabemos xogar, fomentar o deporte feminino", asegurou a porteira galega Ana González, que lembrou na TVG que todas as xogadoras catalás "disputan a Primeira División" e que para as rapazas da Irmandiña "xa é un pracer xogar partidos con esta xente". Pola súa banda, Vero Boquete lembrou que cando ela comezou a xogar na Lomba "apenas había pais e nais". "O máis importante é que agora hai milleiros de persoas; iso é o importante", rematou a líder da selección galega feminina
FICHA TÉCNICA:
- Galicia: Ana González, Teresa Abelliera, Miriam Ríos, Nerea Carballo, Desiree Gardón, Carolina González, Verónica Boquete, Natalia de Francisco, Belén Fernández, Eva Luz e Lara Martínez. Tamén xogaron: Sheila Fernández, Carla Otero, Laura Souto, Sandra González, Patricia Carballo, María Arufe.
- Catalunya: Laura Ráfols, Elba Vergés, María Estella, Eva Llamas, Olga García, Vicky Losada, Alexia Putellas, Carol Férez, Leila Ouahabi, Débora García, Paola Soldevila. Tamén xogaron: Brenda Pérez, Nuria Mendoza, Cristina Baude Esther Sullastres, Aitana Bonmatí, Alba Aznar.
- Árbitro: Elena Casal, con Tania Fente e Alicia Andrés de asistentes, e Vanesa Abadín de cuarta árbitra.
- Goles: 0-1 Carol Férez (min. 5); 0-2 Aléxia Putellas (min. 9); 0-3 Olga García (min. 26); 4-0 Olga García (min. 37); 0-5 Eva Llamas (min. 68).
- Incidencias: Partido amigable celebrado no campo municipal da Lomba ante uns 4.500 espectadores.