#ElasTaménXogan: Galicia e Catalunya enfróntase en fútbol sala pola "visibilización do deporte feminino"

Presentación do encontro no Concello de Santiago © FGF

"O obxectivo do partido é a visibilización do deporte feminino". Así o aseguran tanto o Concello de Santiago, como a Federación Galega de Fútbol (FGF) e o Santiago Futsal, organizadores do encontro que o vindeiro martes 7 de marzo enfrontará as seleccións absolutas femininas de fútbol sala de Catalunya en Galicia en Santa Isabel. 

O partido entre Galicia e Catalunya inclúese nos actos polo 8 de marzo e procura "a visibilización do deporte feminino"

O partido, co gallo dos actos do Concello polo Día da Muller Traballadora, supón a reestrea do combinado galego absoluto, que non xogaba desde hai case vinte anos, e foi presentado este luns en Raxo por parte da concelleiro de Deporte, Noa Morales, xunto ao presidente da FGF, Rafael Louzán; o presidente do club organizador, Ramón García; e o xerente de Cenor, patrocinador principal, Javier González. 

Desde o Concello, ademais, propúxose o cancelo #ElasTaménXogan para promocionar e comentar un enfrontamento que, para Morales, chega "nunha ocasión inmellorable" e inserido na "campaña que organiza a Concellaría de Igualdade en colaboración con outros departamentos do Concello ao abeiro do 8 de marzo". A edil insistiu na "finalidade de visibilizar o deporte feminino e o fútbol sala en particular, un deporte no que Galicia conta cos mellores equipos na máxima categoría”.

O encontro supón a reestrea da selección absoluta feminina de fútbol sala, case vinte anos despois

Pola súa banda, Rafael Louzán, presidente da FGF, insistiu no importante pulo que "o fútbol sala feminino ten en Galicia con numerosos clubs na máxima categoría" e lembrou que dende a Federación xa conseguiron recuperar tamén as seleccións masculina e feminina de fútbol 11. Ademais, priorizou o feito de que nesa xornada "as xogadoras de ambas seleccións rendan homenaxe a todas aquelas mulleres que no Día Internacional da Muller Traballadora deben de estar moi presentes”.

As entradas para o encontro -que comezará ás 20.30 horas do 7 de marzo no polideportivo Santa Isabel- están á venda nas oficinas do Santiago Futsal (Multiusos Fontes do Sar) e na delegación de Santiago da Federación Galega de Fútbol (Estadio de San Lázaro, Porta 7), por un prezo de 2 euros para menores de 18 anos e 5 euros para adultos.

Os seleccionadores galegos serán o ex-xogador e técnico Manuel Castillo e María del Carmen Carro, Queru, que xa fixeron pública a convocatoria das doce xogadoras que disputarán o partido ante Catalunya. Entre elas, tres futbolistas do Poio Pescamar, do Cidade das Burgas e do Ourense Envialia, respectivamente, dúas do Alcorcón e unha do Valdetires. 

Selección galega feminina sub21 © FGF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.