O deporte galego culmina a súa tempada fantástica

O Lugo celebra un gol Dominio Público Praza Pública

Galicia regresa á elite. O ascenso do Lugo o pasado sábado pon o broche de ouro a unha tempada histórica no fútbol e no deporte galego en xeral. Logo da desfeita da anterior campaña, o país recupera o sitio que nunca debeu perder.

O último penalti de Manu foi o resumo perfecto dun ano glorioso para o deporte rei. Non sen sufrimento, o equipo lucense acadou por fin o merecido ascenso que a fortuna lle quitara contra o Alcoyano hai agora un ano. Os de Quique Setién cobraron a recompensa do bo facer dun club louvado pola súa xestión desde a directiva até o último traballador. O Lugo representará a Galicia nunha Segunda División da que escaparon os dous grandes do balompé da terra.

Deportivo e Celta regresan á elite mentres o Lugo ocupa o lugar dos galegos na categoría de prata

Deportivo e Celta acadaron os seus obxectivos nunha categoría difícil como poucas. Regresan á Primeira logo de demostrar que a división de prata lles quedaba pequena. Os branquiazuis volven logo dun breve paso por un inferno do que os celestes saíron logo de cinco anos e tras unha reconversión que encheu o equipo de canteiráns e galegos, os mesmos que agroman tamén á beira de Riazor.

E como o ano estaba para os galegos, o histórico Ourense ocupou o lugar do Lugo na Segunda B para regresar á categoría do bronce do fútbol español, esa que non conseguiron recuperar Racing de Ferrol ou Pontevedra, conxuntos que tamén, por tradición e traxectoria, deberían asentarse, como mínimo, ao carón dos vermellos. Porque non todo foron noticias. O equipo feminino do Olivo deixou a máxima categoría, mentres que Celta B e Montañeros tampouco lograron o obxectivo da permanencia. Ambos os dous deberían saír en Terceira no vindeiro mes de agosto.

O Montañeros renunciou tras o descenso, pero o Celta B aposta por comprar unha praza na Segunda B

Pero non o farán. Polo menos o equipo coruñés, ao que as dificultades económicas e a falta de apoio obrigouno a disolver o equipo afeccionado para centrarse na canteira, unha área onde sempre destacou. O Celta B, pola súa banda, medita seriamente comprar unha praza das que quedará baleiras para recuperar o sitio perdido na competición e aproveitar así a crise económica que afecta a unha morea de equipos.

O Obradoiro segue na ACB e o COB Ourense regresa á LEB Ouro para acompañar o Breogán

Tamén no baloncesto, onde o histórico Celta feminino tivo que renunciar á máxima categoría afogado polos problemas económicos, eses que non deberían impedir que o Obradoiro seguise onde merece tras a súa excelente campaña na ACB. Á espera de conseguir o capital suficiente para a conversión en sociedade anónima, os afeccionados composteláns confían en ver os seus de novo ante Madrid e Barcelona no Sar e na máxima categoría que volverán buscar o Breogán e o COB Ourense, este último tras conseguir outro merecido ascenso.

Pero se no fútbol e no baloncesto as cousas foron ben, o mesmo podemos dicir de deportes menos maioritarios pero se cadra máis meritorios. No balonmán, o Cangas regresa anos despois á elite, onde os do Morrazo revivirán derbis co Academia Octavio de Vigo, que sufriu de máis para acadar unha salvación que semellaba feita tras un primeiro tramo de tempada excepcional.

O Cangas regresa á Asobal, o Vigo Rugby segue na elite e o Liceo proclamouse campión de Europa

Tamén contará Vigo -agás desfeita económica- cun equipo na elite do rugby, logo dunha meritoria permanencia que se une ao ascenso do CRAT da Coruña, que engade ao seu éxito o do seu equipo feminino, subcampión de Liga e con numerosas internacionais entre o seu plantel.

Internacionais ten tamén outro equipo coruñés, o Liceo, que segue a engrandecer unha historia que o sitúa como o equipo máis laureado do deporte galego. O equipo de hockey sobre patíns proclamouse campión de Europa -e xa suma seis- contra o todopoderoso Barcelona, o mesmo equipo que ano tras ano lle rouba os seus mellores xogadores. O último, o catalán Sergi Miras.

Porque Galicia situouse no podio de novo, tamén a nivel individual. E é nos Xogos Olímpicos de Londres onde pode aumentar o seu ano fantástico. O padexeiro David Cal aspira a se converter no deportista español máis laureado nunha cita olímpica, mentres que o triatleta Javier Gómez Noya confía en culminar cunha medalla olímpica os seus continuos éxitos en campionatos europeos e mundiais. Serán as principais bazas galegas na capital británica, pero haberá moitas máis, como a do ciclista José Antonio Hermida, que xa sabe o que é saborear o metal máis prezado.

Galicia conta con dúas bazas seguras nos Xogos Olímpicos de Londres: David Cal e Javier Gómez Noya

Será Londres a última proba de lume dunha tempada histórica para o deporte galego, ese que choraba hai algo máis dun ano polos fracasos dos seus dous equipos máis seguidos e que agora se ilusiona cunha campaña que promete ser vibrante. Que continúe a festa.

Bergantiños e Domínguez celebran un gol en Riazor © Roberto Berdini
Seareiros celestes en Balaídos © Atlántico
Partido do Iveco Vigo Rugby Dominio Público Jorge González Marqués
© Roberto Gómez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.