0 Gardados para despois

Galicia golea a Catalunya na reestrea da selección feminina ante mil persoas

Redacción | @prazapublica

Case vinte anos despois do seu último encontro, a selección galega feminina de fútbol sala asinou unha goleada na súa reestrea. Ante Catalunya, as xogadoras dirixidas por Castillo e Queru acadaron unha contundente e merecida vitoria ante máis dun milleiro de persoas no polideportivo compostelán de Santa Isabel. Máis de mil espectadoras e espectadores para un partido que serviu para reclamar a igualdade co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora e para fomentar un deporte feminino que goza cada vez de mellor saúde no país. 

Máis de mil persoas presenciaron o encontro amigable enmarcado nos actos do Día da Muller Traballadora

6-2 venceu Galicia nun encontro amigable que tivo unha protagonista: a xogadora do Poio Pescamar Cecilia, que comezou axiña marcando dous goles logo de dous contraataques que encarreiraron a vitoria galega. Malia o gol que acurtaba distancias das catalás, as branquiazuis dominaron e amosaron unha superioridade que confirmarían no segundo tempo. 

Cecilia, autora de catro goles, foi a protagonista dun partido no que Galicia amosou a súa superioridade

No regreso, Marta puxo a tranquilidade no marcador ao pouco de iniciar o último acto para que logo Cecilita volvese anotar dous tantos, sumar catro e confirmar o triunfo. Outro tanto catalán e un máis de Marta deixaron en 6-2 o taboleiro final e o trofeo na casa. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, fixeron entrego dos galardóns a un conxunto que volveu pola porta grande.

FICHA TÉCNICA

Galicia: Silvia Aguete, Beatriz Seijas, Iria Saeta, Marta, Cecilia –cinco inicial- Lara, Charo, Sonia Pacios, Andrea, Lucía, Yenni e Ana.
Cataluña: Noe, Burgui, Carri, Berta, Estefa -cinco inicial- Bet, Roig, Riera, Cris, Celia, Villa e Utri.
Goles: 1-0 Cecilia (3’); 2-0 Cecilia (9’); 2-1 Villa (8’); 3-1 Marta (22’); 4-1 Cecilia (31’); 5-1 Cecilia (34’); 5-2 Marta (37’); 6-2 Marta (39`).
Árbitros: Raquel Manteiga Rodríguez e Álvaro Cid Bragado, con Carreira Romero de terceiro árbitro e Patricia Doval na mesa.
Pavillón: Santa Isabel. Algo máis de mil espectadores.

Himno galego no Galicia-Catalunya

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.