0 Gardados para despois

Competencia multa a ACB, pon fin ao canon e facilita o camiño á elite de Breogán, COB e Básquet Coruña

Redacción | @prazapublica

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMV) vén de multar a Asociación Clubs de Baloncesto (ACB) con 400.000 euros ao considerar que o canon que esixe aos equipos que ascenden deportivamente á máxima categoría é "discriminatorio e desproporcionado". A resolución anticipa a fin deste mecanismo e facilita o camiño á elite do básquet aos equipos galegos da LEB Ouro.

Competencia considera "discriminatorio e desproporcionado" o canon e anticipa a súa fin, o que facilita o camiño á elite dos clubs galegos 

Precisamente, no pasado verán, o COB Ourense quedou sen o ascenso que lograra na pista un ano antes ante o Breogán. A imposibilidade de xuntar os cartos necesarios para asumir o canon e a devolución do fondo de descenso impediu o seu regreso á elite, nin tan sequera en diferido como pactara coa Liga. A negativa do pleno do Concello a conceder unha subvención de 1,5 millóns ao club impediu a súa inscrición na ACB, malia contar co apoio económico da Deputación, e logo dunha discusión política que reabriu a polémica sobre a achega de subvencións públicas a equipos profesionais. Precisaba 3 millóns de euros

Agora, o camiño ábrese para os equipos galegos: para o Breogán -que busca o ascenso directo a pouco de que remate a LEB Ouro-, pero tamén para COB Ourense e Básquet Coruña, que afrontarán o play-off con maiores expectativas e non coa case total seguridade de que lograr o ascenso deportivo non supón xogar na elite. Así lle pasara antes ao Burgos. Ata en tres ocasións perdeu por imposibilidade económica o que acadara na pista. A CNMC deulle a razón ao equipo castelán no seu ditame e advírtelle á ACB de que evite levar a cabo "condutas semellantes á tipificada e sancionada". 

A CNMC considera acreditado que a ACB, mediante varios acordos adoptados a partir de 1991, impuxo unhas condicións económico-administrativas "desproporcionadas, inequitativas e discriminatorias respecto aos clubs de baloncesto que teñen dereito a ascender da Liga LEB Ouro á Liga ACB por méritos deportivos, pero que non foron previamente membros da asociación". 

A CNMC cre que hai indicios racionais de que a ACB puido ter cometido varias infraccións de competencia que "poden supoñer a exclusión inxustificada de terceiros clubs das competicións deportivas organizadas pola ACB e dos ingresos económicos asociados ás mesmas". Ademais, advirte que os acordos instauradas na Asociación impediron ascensos e "tamén distorsionaron a capacidade de competir doutros equipos ascendidos, que tiveron que facer esforzos financeiros moi importantes", ademais de "partir con desvantaxe á hora de afrontar as fichaxes de xogadores e outros gastos e investimentos". 

Competencia considera o canon un "mecanismo de expropiación" que "só beneficia aos clubs da ACB" e que "non supón un mellor funcionamento da competición"

Dura na súa resolución, a CNMC considera o canon un "mecanismo de expropiación de parte dos ingresos futuros dos equipos, xa que se reparte
entre os membros da ACB, só lles beneficia a eles, e non supón un mellor funcionamento da competición". E insiste en que é "desproporcionado" por "ser moi superior aos ingresos anuais medios de calquera club antes de pertencer á ACB e superar os benficios medios anuais que tñen os seus membros, especialmente os que acaban de ascender". 

Así, o canon pasou desde os 600.000 euros de comezos dos anos 90 ata os 2,4 millóns de agora, "sen xustificación ningunha nin vantaxes adicionais para os novos membros da ACB". Na actualidade, hai oito clubs na elite que nunca pagaron esa cota e que, no caso de descender e volver á elite, só terían que pagar unha actualización dunha contía moito menor. 

O caso é que, para o COB e o Breogán, o pagamento esixido era menor que o dos que nunca pisaran a ACB porque tiñan que facer fronte á actualización do canon. Aínda sí, en total eran arredor de 3 millóns para cada club, ao ter que devolver o Fondo de Ascensos e Descensos (FRAD) (1,7 millóns) máis IVE, ademais da parte proporcional que lles correspondería por ese canon actualizado. 

Respecto dese FRAD imposto ao club que ascende para facer fronte á perda económica que supón o descenso doutro equipo, a CNMC tamén o considera "discriminatorio". 

Foi en outubro de 2015 cando a Comisión iniciou o expediente sancionador contra a ACB, logo de estudar a denuncia presentada polo Club Baloncesto Tizona de Burgos. En abril de 2016, a CNMC enviou á Asociación un prego de concreción de feitos no que lle comunicaba á competición que os seus estatutos incumpren a lexislación sobre libre competencia. A Liga defendeu a legalidade do seu canon e presentou alegacións que, finalmente, non foron aceptadas. Ábrese outro escenario no baloncesto e para os equipos galegos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.