"Lola, podes soñar e facer o que queiras. Desfruta do fútbol"

A pequena Lola, coa SD Esclavitud © SDEsclavitud

"Mamá, hoxe un neno no cole díxome que non podía xogar ao fútbol porque as nenas non xogan ao fútbol". Así lle explicou Lola, unha pequena de cinco anos, á súa nai as palabras que recibira no colexio por parte dun compañeiro. O desafortunado comentaria á rapaza, que xoga na SD Esclavitud da Escravitude (Padrón), saltou ás redes sociais a través do club, que advertiu de "cousas de nenos" pero tamén de que "detrás desas palabras" estaban "as actitudes machistas da nosa sociedade". A resposta foi contundente e de altura. 

Un neno comentoulle a Lola, de cinco anos, "que non podía xogar ao fútbol porque as nenas non xogan ao fútbol"

"Aquí Vero Boquete, muller e futbolista profesional", presentouse a través dunha mensaxe pública ao club a santiaguesa, agora na liga chinesa e ex-xogadora de Bayern de Múnic ou PSG. "O deporte é de todos e para todos e ao fútbol xoga quen quere. Aínda que custe facérllelo entender a algúns e algunhas pola educación machista que frea o noso avance cara á igualdade, conseguirémolo", escribe unha das mellores futbolistas do mundo. 

"Nos últimos anos abrimos moitas portas e agora, Lola, podes soñar e facer o que queiras. Desfruta do fútbol, que para iso está! Apertas!", dille Vero Boquete á pequena Lola. 

A futbolista profesional Verónica Boquete lamenta a "educación machista" que aínda "frea" o avance cara á igualdade e lémbralle a Lola que pode "soñar e facer o que queira"

A resposta de Boquete non foi o único de apoio que a través das redes sociais recibiu a nena e o club, desde persoas anónimas pero tamén desde outros equipos. A SD Esclavitud declarouse "moi orgulloso" da rapaza e de toda a rapazada que xoga mesturada nos seus conxuntos de idades máis temperás. "Se tedes nenas que queiran xogar estamos abertos a todas elas, porque xa sabedes que sen as mulleres o mundo párase!", dicía a entidade, que pide á xente que acuda aos seus partidos que "anime a Lola e ao resto das nosas nenas e do resto dos equipos".

Mensaxe de Vero Boquete © SDEsclavitud

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.