O resultado apenas importou. Foi un 3-2 pero puido ser calquera outro. As persoas que se xuntaron este sábado no campo pontevedrés da Xunqueira ían reivindicar o seu desexo de ver unha selección galega oficial sobre os terreos de xogo, xa sexa gañando ou perdendo. Quen logrou un ano máis que esa reivindicación se convertese nun partido de fútbol foi o colectivo Siareiros Galegos, desta volta coa selección de Curdistán como convidada.
Unha manifestación previa polas rúas da cidade serviu de anticipo ao que despois se ía reivindicar no campo, tanto dende o terreo de xogo como dende a bancada. "Unha nación, unha selección" foi un dos berros máis coreados na Xunqueira, que celebrou os goles de ambos equipos. GZ Vídeos recolleu graficamente o acontecido, velaquí unha escolma desas imaxes.