A UD Ourense, a rebelión do fútbol popular

Bancada no primeiro partido oficial da UD Ourense © uniondeportivaourense2014.blogspot.com.es

O pasado domingo, 700 persoas xuntáronse no campo dos Remedios de Ourense. Asistían a un partido da Terceira Autonómica, a última categoría do fútbol galego e provincial, onde é difícil ver entradas que superen a ducia de persoas. Había bombos, cánticos e ambiente festivo. Todo pola Unión Deportiva Ourense, club de accionariado popular que recolle "o sentimento" do desaparecido Club Deportivo Ourense, liquidado polos seus graves problemas económicos derivados dunha nefasta xestión durante os últimos anos.

"O noso proxecto parte do sentimento", explica a directiva dun club de accionariado popular, asembleario e de democracia directa

"Acoller 700 persoas na estrea oficial dun club que botou a andar hai sesenta días e que compite na última categoría é algo que non esperabamos", explica Rubén Conde, un dos membros da directiva da Unión Deportiva, formada por socios que son afeccionados e peñistas do antigo (e do novo) Ourense e por xente da Plataforma SOS Ourense, que loitou durante meses por evitar a desaparición do histórico club vermello. "O noso proxecto parte do sentimento", explica.

Crearon, para manter vivo o ourensanismo, un novo club que recollese o espírito de toda esa afección que quedou orfa de camiseta. E optaron, fartos dun deporte mercantilizado e de capitalismo extremo, polo accionariado popular, sociedades deportivas na que os seareiros son os donos e onde as decisións parten da democracia directa, asemblearia e horizontal.

A UD Ourense aspira a alcanzar os mil socios antes de fin de ano e as cotas dos actuais xa permiten a viabilidade do club

"Un socio, un voto", aclara Rubén Conde sobre un sistema onde, polo de agora, participan uns 180 socios. Pero a lista aumentará. E moito. As peñas do antigo CD Ourense prometeron fidelidade a esta nova entidade e aterran aos poucos nonovo proxecto, ao igual que centos de afeccionados vermellos máis. "O obxectivo é chegar ao milleiro antes de que remate o ano", explica a directiva, que aclara que cada un dos socios "é un voto" e que a única diferenza entre apuntarse antes do fin de setembro ou despois é que os primeiros serán considerados "socios fundadores" do novo club.

A UD Ourense segue o ronsel que comezaron a marcar en Inglaterra a AFC Wimbledon ou o FC United of Manchester ou que no Estado representan clubs como o Ciudad de Murcia ou a UC Ceares asturiana. Todos eles froitos da rebelión popular ante o "fútbol moderno", ese ao que en varios campos -desde Primeira ata rexional- se lle promete "odio eterno" a través de cánticos. Foi a obrigada conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas e a lei Bosman a que fixeron medrar a burbulla futbolística desde os anos noventa. Os prezos das fichaxes multiplicáronse e as débedas tamén. A mercantilización rematou con moitos equipos e as bancadas rebeláronse a prol dun fútbol popular.

Ex xogadores do antigo CD Ourense prestáronse a xogar sen cobrar "movidos polo cariño ao club"

 

Ex xogadores que se prestan a xogar gratis

"Os que estamos na directiva fomos elixidos en asemblea, pero somos afeccionados, somos parte dunha bancada que foi a maior prexudicada coa desaparición do Club Deportivo Ourense", explica Rubén Conde, que sabe que cometerán "erros", pero que advirten que todo o fan "movidos polo cariño ao club". Así o fixeron tamén numerosos afeccionados ou a asociación de ex xogadores do histórico equipo vermello. "Eles fixeron posible que agora teñamos un equipo para competir".

"Agora o club é dos socios e dos afeccionados e non dependerá dunha empresa nin de quen queira vir facer negocio"

Antonio Dacosta, ex futbolista vermello, é o adestrador. Diego Souto ou Xurxo -"que podían xogar perfectamente tres ou catro categorías por riba", aclara Conde- aceptaron xogar sen cobrar e colaboraron á hora de xuntar futbolistas. No seu primeiro partido gañaron 8-0 e o ascenso de categoría parece seguro. Pero o camiño é longo ata recuperar o sitio que merece o ourensanismo. "Agora o club é dos socios, dos afeccionados, e chegará ata onde queiramos; non dependerá dunha empresa nin dun grupo de persoas que veña facer negocio", explica.

O orzamento da UD Ourense é reducido "pero moito maior que o dos equipos da mesma categoría". O obxectivo é "aforrar todo o posible" para poder ter "un pequeno colchón" cando o club acceda a categoría nacional de novo. As cotas que pagan os socios xa permiten a viabilidade do club, pero seguen a negociar acordos publicitarios e agardando a subvención mínima que lles corresponde como entidade deportiva. "Non podemos vivir destas axudas públicas, pero accederemos ás que nos toquen polo fomento da base". Porque a nova entidade tamén salvou a canteira.

A UD Ourense tamén salvou a base do antigo club e mantén 120 nenos nas súas escolas deportivas

Dos 300 rapaces que formaban parte da canteira do antigo Club Deportivo, 120 nenos mantéñense nas escolas creadas pola Unión Deportiva. "Foi moi meritorio tendo en conta que hai dous meses que existimos", explica Rubén Conde, que cre que os clubs de accionariado popular "son unha tendencia" porque "os sentimentos dos afeccionados deben ser a clave". "Cremos que debe ser así, pero a Liga de Fútbol Profesional obriga os equipos a se converter en sociedades anónimas en canto chegan a Segunda División; é o que hai, pero hai que loitar por cambiar esa norma", insiste.

A Segunda División queda lonxe, pero a ilusión reborda de novo entre o ourensanismo. E entre unha afección ao fútbol que conta con outro club na cidade. O histórico Ponte Ourense, que chegou a militar na Terceira, eliminou o nome do barrio para se converter no Ourense CF e incluso se puido ver como se empregou o escudo dos históricos vermellos nalgún cartel. Unión Deportiva e Ponte mantiveron contactos para conformar un único equipo na cidade. "Pero non quixeron abrilo aos socios, así que nós optamos por seguir co noso modelo", di Rubén Conde, quen como pontino di sentir "unha dobre traición". "Quen mellor representa un club é a afección e nós somos moitos máis", reivindica tras unha historia que lembra ao que as institucións intentaron en Oviedo ou Logroño, onde os clubs que recolleron o espírito da historia acabáronse impoñendo a outros. Onde gañou, por unha vez, o romanticismo. A Unión Deportiva aspira ao mesmo.

Escudo da UD Ourense Dominio Público Praza Pública
Bancada no primeiro partido oficial da UD Ourense © uniondeportivaourense2014.blogspot.com.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.