Louzán tamén quere presidir a Federación Galega de Fútbol

Rafael Louzán visita un campo en Valga © www.pontecesures.net

Rafael Louzán, actual presidente da Deputación de Pontevedra, tamén quere presidir a Federación Galega de Fútbol (FGF). Presentar a súa candidatura é a intención actual do dirixente popular, que se convertería nun importante rival na carreira electoral para dirixir o deporte rei en Galicia para o actual máximo dirixente da FGF, José García Liñares, alcalde de Cerceda polo PSdeG e ex presidente do club de fútbol da mesma localidade.

"Está movendo fíos para unha terceira candidatura", din fontes coñecedoras do proceso na FGF, a cuxa presidencia tamén optará Juan Vázquez, ex vicepresidente da Federación con Liñares e que vén de presentar a súa dimisión polas súas diferenzas co mandatario actual e tras denunciar graves irregularidades. 

Louzán ten pensado optar á presidencia da FGF tras o apoio que lle mostraron varios clubs da provincia de Pontevedra

A carreira electoral xa comezou hai varias semanas, ao iniciarse o período para configurar no vindeiro mes de novembro a nova asemblea xeral, que será a que elixa o presidente da Federación para os próximos catro anos. A decisión, case definitiva, de Louzán chegaría logo do apoio que lle mostraron varios clubs da provincia de Pontevedra, que se unirían contra o presunto poder do norte no fútbol galego e que atribúen á actuación na directiva de Liñares, que accedeu ao cargo en marzo de 2011 cun apoio maioritario.

Louzán está xa a avaliar os apoios para obter os máis de 75 votos que precisaría para que saíse como presidente da asemblea xeral, onde os representantes de árbitros, xogadores, adestradores e clubs deben votar o 18 de setembro. Os delegados territoriais, nun comunicado feito público hai uns días, deixaron claro o seu apoio a García Liñares e a súa aposta "pola continuidade do proxecto impulsado polo máximo representante da Federación".

A Deputación de Pontevedra gastou uns 40 millóns de euros na construción de máis de 70 campos de herba artificial nos últimos anos

A vinculación de Louzán e a Deputación de Pontevedra vén de lonxe e non estivo exente de polémica. A entidade provincial foi patrocinador do Pontevedra durante ben tempo e construíu unha morea de campos de fútbol de herba sintética, cun gasto de case 40 millóns de euros en máis de 70 terreos de xogo. En Ribadumia, por exemplo, localidade natal do presidente provincial de 5.000 habitantes, dispoñen de catro instalacións.

O presidente da Deputación defendeu no Parlamento esta política que foi sinalada pola oposición, que vía nela unha nova forma de aumentar a súa rede clientelar e de amiguismo na provincia. "Mentres os rapaces están aí, ocupados, non están noutras circunstancias que nos preocupan aos que temos fillos", dixera Louzán, quen procura o apoio de homes fortes no fútbol galego e incluso de xente que con anterioridade apoiara a Julio Meana, anterior presidente que fora acusado de graves irregularidades. 

Á loita pola presidencia da Federación Galega de Fútbol trasladaríase así a pelexa partidaria entre dous homes semellantes en canto ao seu proceder nas relacións entre fútbol e política e que recibiron ben parecidas críticas pola excesiva vinculación entre este deporte e as súas decisións desde os seus ámbitos de xestión. Home forte do PP en Pontevedra, Louzán loitaría por acabar co poder que Liñares, alcalde de Cerceda desde hai case vinte anos, mantén agora no deporte rei no país. O seu cargo á fronte do fútbol galego non sería incompatible coa presidencia da Deputación, onde aspira a seguir gobernando.

Da nova directiva da FGF dependerá tamén o futuro da selección galega, cuxa volta prometeu o actual presidente Liñares

Quedaría por ver tamén en que afectaría a chegada dunha nova directiva á FGF ao futuro da selección galega de fútbol. García Liñares prometeu a volta da Irmandiña neste vindeiro mes de decembro e logo de que o partido amigable que se celebrou no Nadal durante anos fose suprimido pola Xunta de Galicia tras a chegada de Feijóo á presidencia.

Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.