0 Gardados para despois

O asasinato do seareiro en Madrid pon un punto e aparte no trato aos ultras

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O asasinato do seguidor do Deportivo o pasado domingo tras unha brutal liorta entre membros de Riazor Blues e Frente Atlético parece que será o impulso definitivo a un punto e a parte no tratamento destes grupos radicais por parte, cando menos, dalgúns clubs. A entidade branquiazul decidiu pechar de maneira "simbólica" e temporal a bancada onde se sitúan os ultras branquiazuis. Por dous partidos, o primeiro esta noite, e ambos os dous ante o Málaga. Será tan só unha das primeiras medidas da directiva, á espera de que remate a investigación policial, de que se aclaren os feitos e de poder dispor da listaxe de implicados, detidos e afeccionados con delitos ás súas costas.

O peche "provisional" da bancada dos Riazor Blues é unha medida temporal á que seguirán outras máis contundentes

A medida "provisional" tomada polo Deportivo, que se une á expulsión dos membros tamén implicados do Frente Atlético do fondo do Vicente Calderón e ao veto a esta peña como tal entre as organizacións rexistradas polo club madrileño, é xusto iso: provisional e destinada tamén a gañar tempo e evitar posibles altercados nestes dous vindeiros partidos en Riazor, tal e como recoñecen fontes do club. Saben que na cúpula dos Riazor Blues hai debate sobre a posibilidade de disolver definitivamente a peña, que non está rexistrada como tal nin é oficialmente organización ningunha, dato que impide ao club coruñés actuar nese sentido. Pero as opcións de que o grupo ultra desapareza como tal son moitas. Xa en 2003, tras a morte dun seareiro branquiazul en Compostela, tomaran esa decisión, que logo quedou en nada ao reaparecer no fondo de Maratón Inferior ao pouco tempo.

O grupo ultra coruñés medita a súa disolución definitiva tras os altercados do pasado domingo en Madrid

Pero algo se move agora. Non obstante, hai dificultades tamén. A retórica ultra apareceu desde a pasada noite na Coruña en forma de pancartas. Varias que lembran o falecido en diversas pontes da cidade ou mesmo á entrada da bancada onde adoitan colocarse os ultras. Jimmy con nós, Jimmy presente ou Jimmy vive son algunhas das mensaxes dun grupo que foi apoiado por outras peñas denominadas antifascistas en todo o Estado. O risco de converter o asasinado nun mártir e de que se clame vinganza por unha morte que atribúen a unha "emboscada" neonazi é evidente. E trátase de evitar que o grave suceso que fixo reflexionar a moitos nese mundo poida ser tamén un novo impulso para máis violencia ou reagrupación arredor dunha traxedia.

Os Riazor Blues seguen mantendo que non houbo quedada ningunha co Frente Atlético para a pelexa e, malia que fontes policiais advirten que si foi así, o único atestado oficial non achega probas sobre esa posibilidade. O que si cobra forza é a opción de que as incitacións, desafíos e mensaxes cruzadas en foros ou mesmo por teléfono acabase nunha liorta que, quizais, non todos sabían que se podía producir. Non obstante, ninguén pode negar que noutras ocasións estes pactos para o combate se producisen antes con outros grupos ultras, tal e como aconteceu non hai moito coa peña deportivista.

Ao tempo, a descoordinación das forzas de seguridade e a neglixencia entre as autoridades parece evidente. O Deportivo, a policía nacional na Coruña e a propia Delegación do Goberno en Galicia insisten en que advertiron sobre a posibilidade da viaxe de cando menos un grupo de Riazor Blues nun autocar a Madrid. Desde a capital do Estado, a Delegación do Goberno e as propias forzas de seguridade négano e o que está claro é que a Comisión Antiviolencia ou non tivo en conta ou non se enterou da advertencia. De ser así, o partido sería declarado de alto risco, o dispositivo policial sería moito máis amplo (dez veces máis aproximadamente) e os axentes antidisturbios estarían preparados moito antes do que o estiveron para intervir.

O propio Ministerio do Interior volveu negar este mércores que se coñecese a presenza de ultras do Depor, pero diversas fontes policiais aseguran que si se advertiu e mesmo que se sabía da quedada de radicais do Atlético ás sete da mañá. Ademais, o ministro anunciou para o futuro "listas negras" de ultras violentos para impedirlles a entrada aos estadios.

A pregunta na Coruña é como non había policía na zona se axentes sabían dun posible enfrontamento entre ultras

A pregunta que se fan moitos na Coruña é como, se a policía sabía da quedada dos ultras do Frente Atlético ás sete da mañá para almorzar ou mesmo da posible chegada dos Riazor Blues desde Galicia, non había nin un só axente preto do lugar nin controlando os ultras do equipo madrileño. De ser así, é moi probable que nada do acontecido sucedese e de que as ansias violentas destes colectivos fosen paralizadas a tempo.

Sexa como for, parece evidente que nada será igual desde esta pasada fin de semana. Habituais do fondo dos Riazor Blues, malia non ter afiliación ningunha, son conscientes de que o xoguete se lles foi das mans a moitos, algo que xa manifestara o propio grupo ultra naquel manifesto de disolución de 2003. A animación, colorido e cánticos que esta peña achega a Riazor non compensa en nada a situación que se creou nos últimos anos, con altercados variados con grupos violentos doutros equipos e liortas que non acabaron de milagre en desgraza anteriormente. Clubs e autoridades parecen decididos a vetar os violentos nas bancadas. De todas. Se o estadio do Deportivo será o pulo a iniciativas semellantes noutros campos do Estado, está aínda por ver.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.