"Non deixes que a falta de fondos deixe na casa a selección galega"

Selección galega de fútbol gaélico © AGFG

A selección galega competirá nos primeiros Campionatos do Mundo de Fútbol Gaélico que se disputarán entre o 5 e o 8 de marzo do vindeiro ano en Abu Dhabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos. Será o primeiro combinado galego -masculino e feminino- que xogue de maneira oficial un torneo, neste caso xunto a países como Arxentina ou Suráfrica, entre outros moitos.

A selección de fútbol gaélico será o primeiro combinado galego que xogue de maneira oficial un torneo

Pero para lograr o obxectivo e estar presente no Mundial, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) precisa conseguir os cartos que lles permitan viaxar aos Emiratos nunha viaxe que non é nada barata. Andan á procura de patrocinios e chamarán á porta das administracións. E tamén acaban de abrir unha campaña de crowdfunding na que calquera pode achegar o seu gran nun obxectivo ilusionante e histórico. O seu obxectivo son 5.500 euros.

As achegas van desde os dez euros ata os 250 e cada unha delas será respondida cun agasallo por parte da AGFG, desde cursos de fútbol gaélico, camisetas e material oficial da selección ou billetes para o primeiro partido do combinado en Galicia neste ano 2015. "Se cres que un proxecto así paga a pena, non deixes que a falta de fondos deixe na casa a túa selección", di a Asociación no vídeo no que anima a colaborar co combinado galego.

A Asociación Galega vén de abrir unha campaña de 'crowdfunding' para conseguir os cartos necesarios para poder viaxar ao Mundial

"Non queremos que un xogador válido deportivamente non poida competir por causa económicas", contaba a Praza Pública Wenceslao García, un dos impulsores do deporte no país, delegado da confederación europea e comisionado para a selección galega. O obxectivo agora é conseguir o financiamento para que as 26 persoas que formarán a expedición oficial galega das dúas seleccións poidan desprazarse a Abu Dhabi.

O Mundial contará coa participación de equipos e seleccións dos cinco continentes, no masculino divididos en dous grupos, un deles onde figurarán os equipos campións das distintas confederacións mundiais e un segundo con seleccións nacionais. O equipo galego masculino queda encadrado neste último coas seleccións de Arxentina, Sudáfrica e o Golfo Pérsico, e ao que se engadirían, no caso de confirmarse a súa presenza, as seleccións de Italia, Francia e a India. No caso da feminina, haberá un só grupo englobando os equipos campións e seleccións.

A participación de Galicia no Mundial chega tan só catro anos despois da fundación do primeiro club no país

A presenza de Galicia neste Mundial é histórica, non só para o fútbol gaélico, senón para o deporte galego en xeral, ao ser o primeiro combinado nacional recoñecido oficialmente. Todo comezou hai xa catro anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.

Galicia contra Bretaña nun partido de fútbol gaélico © AGFG
Selección galega de fútbol gaélico © AGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.