"Noutros países os ciclistas son heroes. Aquí os profesionais son vilipendiados e os afeccionados, perseguidos nas estradas"

Cartaz da campaña 'Non máis bágoas' © ASCIGA

"Morre un ciclista atropelado por un turismo...", "Un ciclista falecido tras sufrir un accidente de tráfico entre un autobús e unha bicicleta...", "Morre un ciclista despois de caer en...". Cada semana os medios recollen novas de cicloturistas mortos e mortas, por atropelos, caídas e outras circunstancias, nas estradas españolas. A Asociación Ciclistas Galegos (ASCIGA) mantén actualizado un macabro contador que no 2014 chegou ata as 79 vítimas mortais, unha cifra que só recolle os accidentes publicados nos medios de comunicación e que -salientan- aínda se eleva máis na realidade. De feito, mentres que o contador ASCIGA chegou en 2013 a 59 falecidos, a cifra proporcionada pola DXT foi de 69.

Cómpre salientar, a este respecto, que mentres que o número total de persoas mortas nas estradas españolas se foi reducindo rapidamente nos últimos anos (á espera dos datos oficiais correspondentes a 2014, que mudarán a tendencia), non o fixo da mesma maneira a cifra de ciclistas falecidos e falecidas. Se en 2006 morreron un total de 4.491 persoas, entre elas 75 en bicicleta, en 2013 houbo 1.302 vítimas e 69 foron ciclistas. Máis reveladores aínda son os datos de ciclistas feridos e feridas, en constante ascenso.

  06 07 08 09 10 11 12 13
Totais 3.491 3.232 2.598 2.244 2.007 1.680 1.527 1.302
Ciclistas 75 89 54 56 67 49 72 69
% 2,15 2,75 2,08 2,5 3,39 2,92 4,72 5,3

Persoas falecidas nas estradas españolas. Fonte: Dirección Xeral de Tráfico

  06 07 08 09 10 11 12 13
Totais graves 18.923 16.983 14.426 11.970 10.036 9.431 8.528 8.033
Ciclistas graves 483 464 440 489 467 589 572 646
Totais leves 113.374 114.700 105.877 102.579 99.857 95.331 96.587 104.721
Ciclistas leves 1.883 2.104 2.362 2.773 2.962 3.712 4.362 4.779

Persoas feridas nas estradas españolas. Fonte: DXT

En paralelo, ASCIGA realiza campañas, coma a Non máis bágoas levada a cabo o pasado mes de novembro, que demandan da administración medidas lexislativas e actuacións para incrementar a seguridade dos milleiros de ciclistas que todos os días circulan polas estradas galegas. Tamén buscan unha maior concienciación dos condutores, para que circulen respectando os dereitos dos outros usuarios e usuarias das vías, comezando por cumprir a norma dos 1,5 metros de marxe para adiantar.

Outras normas que decote se esquecen son, por exemplo, que os automóbiles si poden traspasar a liña continua para adiantar un ciclista. Ou que os e as ciclistas poden circular en paralelo, en grupos de dous; só se recomenda que circulen un detrás de outro en treitos de escasa visibilidade. De igual xeito, o uso do caso é obrigatorio en vías interurbanas para todos e todas as ciclistas, e en vías urbanas para os e as menores de 16 anos. E, así mesmo, os e as ciclistas están obrigadas a empregar no carril-bici nos escasos lugares onde existe. Falamos cos responsables de ASCIGA.

Completado o voso contador correspondente a 2014, como foi o ano? A tendencia é positiva ou negativa?

A tendencia é catastrófica. Vense de superar un novo récord e, a falta de confirmación das cifras totais por parte da DXT os datos cos que contamos falan de 79 falecidos. Os nosos medios son limitados e non podemos chegar a todos os casos. Pero se temos en conta que o noso contador o ano 2013 rexistrou 59 falecidos e a cifra publicada finalmente pola DXT foi de 69 podemos imaxinar sobre que cifra nos estamos a mover. É inaceptable.

"A tendencia é catastrófica. Vense de superar un novo récord e, a falta de confirmación das cifras totais por parte da DXT os datos cos que contamos falan de 79 falecidos"

Criticades habitualmente as contabilizacións realizadas pola DGT. Por que?

Porque tratan claramente de manipular a opinión pública. Funcionan do seguinte xeito: a principios de xaneiro publican un resumo e unha nota de prensa na que unicamente resaltan os datos positivos. Nesta publicación a primeiros de ano só se recollen os falecidos en vías interurbanas, a pesar de que se fai con aparencia de seren cifras totais. Ademais, só se computan os falecidos nas primeiras 24 horas tras do accidente. Á altura do verán presentan un novo resumo no que aparecen todos os falecidos.

"A lexislación é mellorable, loxicamente, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías"

Onde está o problema? Na lexislación? Na aplicación desta lexislación? Na sensibilidade dos condutores? Na actitude ou erros dos ciclistas?

Problemas hai moitos, algúns nin sequera dependen da vontade humana. A lexislación é mellorable, loxicamente, pero onde atopamos maior problema é no cumprimento das normas e no respecto pola vida dos usuarios máis febles das vías. O comportamento dos ciclistas tampouco é irreprochable, partimos da base de que todos somos humanos cos mesmos vicios e defectos. Pero hai que deixar ben claro que o risco para terceiras persoas que xeran condutas irresponsable aos mandos dunha bici ou dun coche non son comparables.

Casco si ou casco non? Que opinades do novo regulamento de circulación?

A primeira pregunta ímola dividir en dúas. Se nos preguntas se recomendamos o uso do casco: por suposto. Cremos que cumpre coa finalidade coa que foi creado, tendo tamén en conta estudos serios que falan de efectos contraproducentes como aforcamentos de cativos e agravamento de certas lesións medulares. Dicimos que cumpre coa finalidade coa que foi creado, pero dita finalidade non ten nada que ver con que un vehículo dunha tonelada nos pase por enriba, e aquí chegamos á segunda parte da pregunta. Se nos falas da obrigatoriedade do casco teríamonos que remitir á DXT. O primeiro que deberían facer á hora de promover unha medida como esta sería presentar un estudo no que se reflectisen cantos dos ciclistas falecidos nos últimos anos morreron por non levar casco. Pero non existe tal estudo. É máis, cos datos que nós manexamos, a práctica totalidade dos casos estudados levaban posto este elemento de seguridade.

"Lamentablemente o único capaz de mudar os nosos comportamentos ao volante é o tradicional agora multan

Que medidas concretas poderían mellorar inmediatamente a seguridade dos ciclistas?

Chegounos a ilusionar o rumor de que a DXT ía estudar a proposta da Asociación de Ciclistas Profesionais de crear unha unidade da Garda Civil de Tráfico que circulase en bicicleta, camuflados. Pero o desmentido foi inmediato. Lamentablemente o único capaz de mudar os nosos comportamentos ao volante é o tradicional “agora multan”. Así aconteceu cos límites de velocidade, coa alcoholemia e agora (segundo a DXT) cos límites específicos de furgóns e furgonetas. Nesta mesma liña naceu a nosa campaña que trata de promover a denuncia voluntaria como método disuasorio e concienciador. Pero é unha mágoa que sexan os propios ciclistas os que asuman un labor que lle correspondería á Garda Civil de Tráfico, que a realizaría con maiores garantías.

Que medidas se poderían poñer en marcha para fomentar o uso da bicicleta?

Unha das cousas que reivindicamos, e que non suporían un custo elevado, é o mantemento e limpeza das beiravías. Na nosa Comunidade non son moitas as estradas que contan con beiravía suficiente, pero atopámonos moitas veces con que non están en condicións de circular por elas en bicicleta (grava, cristais, pezas de vehículos, etc.), o que obriga o ciclista a usar parte do carril dereito e causa no automovilista unha evidente molestia, tomando esta actitude como unha invasión ilexítima e que se traduce en certos casos en reproches mediante condutas perigosas.

"Agora hai máis xente que sabe que ten que deixar unha marxe de seguridade, pero tamén máis xente que se sente molesta cun usuario da vía distinto, que xera desconfianza, incluso nos propios axentes de Tráfico"

Notades que nos últimos anos se incrementou a sensibilidade dos condutores? Respéctanse máis as distancias de seguridade? Haberá que ir sempre gravando en vídeo os percorridos para facer respectar os dereitos dos ciclistas?

Depende do marco temporal no que nos movamos. De hai vinte anos cara a aquí está claro que si. Daquela os vehículos pasaban rozando e non tiña maior importancia. Agora hai máis xente que sabe que ten que deixar unha marxe de seguridade, pero tamén máis xente que se sente molesta cun usuario da vía distinto, que xera desconfianza, incluso nos propios axentes de Tráfico. O tema das cámaras tivo o seu efecto no Reino Unido hai xa tempo e agora semella que se podería extrapolar a Galicia. De feito, hai unhas semanas acudimos convidados pola Fundación Moure á presentación dunha campaña que pretende fomentar o seu uso para darlles apoio ás denuncia voluntarias, un pouco na liña da nosa, un paso máis…

Cal é a situación concreta de Galicia? En termos relativos hai máis mortes e accidentes? É máis seguro ou inseguro circular para os ciclistas galegos?

En termos absolutos as comunidades que destacan polo seu número de vítimas mortais son Valencia, Murcia ou Baleares. Por orografía e climatoloxía circular en Galicia é máis perigoso (non só en bici), pero o ciclista galego non é parvo, sabe como debe circular e as circunstancias especiais nos se ven reflectidas directamente no número de falecidos.

"Noutros países os ciclistas son heroes nacionais, e ao que ven subido nunha bicicleta respéctano e admírano. Aquí os profesionais son vilipendiados e os afeccionados perseguidos nas estradas"

En comparación con outros países de Europa, por que parece que en España custa tanto fomentar a cultura ciclista e o uso da bicicleta como medio de transporte?

Aquí imos comezar por botarvos un pequeno sermón aos xornalistas. Se colles unha persoa tomando o café na taberna co Marca diante e pregúntaslle por ciclismo, tes altas probabilidades de que use a palabra dopaxe.  Este ano estivemos loitando á beira de Álex Marque, unha honra para nós, que finalmente demostrou que non había absolutamente nada sospeitoso nas súas analíticas na 75º Volta a Portugal que gañou. Pero unha publicación malintencionada serviu para frear de golpe a súa carreira.

A ASCIGA non naceu para defender a ciclistas profesionais, que teñen outros medios, pero como lle fixemos saber ao propio Álex: “se non che respectan a ti como profesional, como raio imos pretender que nos respecten a nós despois”. Noutros países os ciclistas son heroes nacionais, e ao que ven subido nunha bicicleta respéctano e admírano. Aquí os profesionais son vilipendiados e os afeccionados perseguidos nas estradas.

Cartaz da campaña 'Non máis bágoas' © ASCIGA
Os coches deben gardar unha distancia de 1,5 metros cando adiantan un/unha ciclista © ASCIGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.