"No Mundial quedaron sorprendidos co nivel que ten Galicia no fútbol gaélico"

Mancusi, mellor xogador do Mundial de fútbol gaélico CC-BY-SA Praza Pública

Con experiencia no fútbol -xogou nas categorías inferiores do Deportivo-, José Antonio Barbeito Mancusi foi un día ver un partido de fútbol gaélico que disputaban uns amigos. Quedou prendado daquel novidoso deporte e aos poucos días decidiu probar. A pasada fin de semana, proclamouse coa selección galega subcampión do mundo en Abu Dhabi, onde Mancu -así o chaman todos- foi elixido mellor xogador do torneo. El é un exemplo perfecto da incrible e rápida evolución de Galicia nesta disciplina irlandesa na que o país xa é potencia e cuxo nivel sorprende mesmo aos propios organizadores dos Xogos Mundiais. 

Xa de volta de Abu Dhabi, que reflexión fai do vivido alí?

Foi unha cousa moi bonita. Xogar con Galicia un Mundial, nun lugar tan afastado como Abu Dhabi, contra todas esas seleccións e no máis alto dun deporte como o fútbol gaélico... A experiencia foi moi boa para todos. 

Esperabades na selección facer tan bo papel?

Sabiamos que levabamos un bo equipo, pero non agardabamos chegar tan lonxe. Sabiamos que Suráfrica era un equipo complicado e que Arxentina levaba moito tempo preparando a súa participación no torneo. Ademais, Oriente Medio xuntaba moitos países nun mesmo equipo. Iamos a ver o que pasaba, ata onde podiamos chegar e ao final as cousas saíron moi ben. 

"Nin se me pasaba pola cabeza ser declarado mellor xogador, menos aínda sendo porteiro"

E vostede declarado mellor xogador do Mundial...

Iso si que non se me pasaba pola cabeza, claro que non. Menos aínda sendo porteiro. 

Como lle deu por empezar a xogar ao fútbol gaélico?

Tiña uns amigos que empezaron a xogar e un día fun ver un dos partidos dun torneo ibérico que se diputaba na Coruña. Todo o que sexa deporte gústame e fun ver un encontro pero ao final quedei catro horas vendo o campionato. Á semana seguinte xa quixen probar e alí empezou todo. Ata agora. 

"Fun ver un partido de gaélico duns amigos e quedei catro horas vendo o torneo enteiro; á semana seguinte empecei... E ata agora"

Foi porteiro de fútbol, axudoulle esa experiencia para este novidoso deporte en Galicia?

Algo axuda. Xoguei nas categorías inferiores do Deportivo de porteiro. A miña función no fútbol gaélico é parecida ao dun gardameta de fútbol, pero coa vantaxe de que tamén podes xogar coa man forá da área.

Hai quen di que foi un Mundial un pouco descafeinado por contar con poucos equipos...

Temos que ter en conta que este foi o primeiro Mundial na historia do fútbol gaélico, un deporte puramente irlandés. Lembremos que no primeiro Mundial de fútbol que se xogou a maioría das seleccións eran americanas porque de Europa case non participou ningún equipo. En Irlanda xógase por condados e eles non participan como selección. Ademais, nós tivemos que custearnos todo para poder participar. 

"Fomos a única selección dos Xogos Mundiais que tivemos que sufragarnos os gastos, por iso o éxito ten aínda máis mérito"

Todo?

Tiñamos a axuda da Deputación de Pontevedra e dos cartos que conseguimos a través do crowdfunding, pero a maioría dos gastos sufragámolos nós mesmos coa axuda de familiares, amigos e algunha empresiña que nos achegou algo de fondos. Eramos a única selección en Abu Dhabi, incluíndo tamén os equipos das outras disciplinas dos Xogos Gaélicos, que tivemos que custear os gastos. A cousa aínda ten máis mérito. 

Agardan que o éxito das seleccións masculina e feminina anime ás administracións ou empresas a implicarse no fútbol gaélico?

Xa non é iso, pero con estes resultados agardamos que se coñeza máis o deporte, que teña máis repercusión e que cada vez se anime máis xente a xogar. Iso tería unha indubidable repercusión económica para o fútbol gaélico en Galicia.

"A repercusión do fútbol gaélico en localidades como O Grove ou A Estrada é impresionante"

Moven unhas 250 persoas cada fin de semana xa...

Hoxe en día móvense máis. Temos liga masculina e feminina e para o ano que vén vai haber dous ou tres equipos máis en cada categoría. Cada vez máis xente se interesa polo deporte e pregunta como facer para iniciarse nel. Hai localidades onde a repercusión é incrible, como no Grove ou na Estrada, onde a mobilización é impresionante. Non ocorre o mesmo nas cidades, pero a evolución foi moi importante nos últimos anos. Temos en mente promover o gaélico entre os máis pequenos e xa estamos intentando facer algunha escola ou campus pequenos para lograr que os máis novos se vaian metendo no deporte.

A repercusión é importante tendo en conta que é unha disciplina con apenas cinco anos no país, a que cre que se debe o éxito do deporte en Galicia?

Irlanda e Galicia sempre tiveron lazos moi fortes e iso inflúe, pero é moi importante o feito de que sexa un deporte con emoción, con alternativas e no que sempre tes que estar en tensión porque tes posibilidade de gañar ou perder calquera partido. No fútbol pode haber partidos aburridos e de empate a cero pero aquí non, aquí todo pode cambiar no último segundo, como nos pasou a nós na final. 

"Galicia sorprendeu polo seu nivel individual e colectivo en Abu Dhabi"

Na entrega de medallas véselle afectado pola derrota, foi así?

Estaba desfeito, a verdade. Tivémolo tan, tan perto... Que che empaten a falta dun segundo é duro porque, ademais, iamos gañado 3-0 ao descanso e algunha decisión discutida tamén nos afectou. Arxentina fixo o último punto e o árbitro asubiou o final. Fomos á prórroga e perdemos.

Sorprendeu en Abu Dhabi o nivel da selección galega?

Sorprendeu moito, tanto o nivel colectivo como o nivel individual. Preguntábanche se eras a selección española e tíñaslle que explicar a realidade e, claro, quedaban sorprendidos porque alí había eqiupos doutras disciplinas de Bélxica, Canadá... Estamos falando dun pequeno territorio que, ao principio, non tiña moito público. A medida que ía avanzando o campionato, cada vez había máis xente e preguntaban por xogadores para interesarse onde e como xogaban. Fomos unha sorpresa para eles. 

"Galicia está recoñecida internacionalmente e non cremos que haxa problema ningún para seguir xogado como selección"

Xa teñen en mente o vindeiro Mundial?

Si. Esperemos que nos conviden. Ao parecer, será xa o próximo ano en Irlanda e confiamos en estar alí outra vez. 

Temen algún problema no caso de que a selección española chegase a ter selección oficial algún día?

Non creo. Estamos recoñecidos a nivel internacional pola GAA, que sería como a FIFA se falásemos de fútbol. Non cremos que haxa problema ningún porque cumprimos con todos os requisitos. Se España participase algún día e houbese problemas, habería que loitar para seguir xogando como selección galega. 

José Antonio Barbeito Mancusi, co premio a mellor xogador do Mundial © SGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.