O fútbol gaélico dálle a Galicia a súa primeira selección oficial e internacional

Selección galega de fútbol gaélico © AGFG

Hai xa catro anos, un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo de fútbol gaélico do país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, esta disciplina conta cunha liga galega con 15 equipos (oito masculinos e sete femininos) afiliados a unha Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe este deporte a nivel global.

As seleccións galegas masculina e feminina disputarán o Mundial de fútbol gaélico no mes de marzo xunto a Arxentina ou Suráfrica

En menos de cinco anos, esa selección galega non só é oficial, senón que competirá nos primeiros Campionatos do Mundo de Fútbol Gaélico que se disputarán entre o 5 e o 8 de marzo do vindeiro ano en Abu Dhabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos. Será o primeiro combinado galego -masculino e feminino- que xogue de maneira oficial un torneo, neste caso xunto a países como Arxentina ou Suráfrica, entre outros moitos.

"A  presenza da nosa selección neste Mundial é de por si un éxito incrible, pola importancia do mesmo e polo recoñecemento que supón do traballo realizado desde a nosa Asociación e cada un dos nosos clubes", aseguran deste o fútbol gaélico galego. "Foi unha sorpresa e é un enorme orgullo para os que comezamos con isto hai catro anos; é moito máis grande que un recoñecemento", engade Wenceslao García, un dos impulsores do deporte no país, delegado da confederación europea e comisionado para a selección galega.

O éxito e crecemento deste deporte en Galicia é algo único a nivel mundial: conta cunha liga con 15 equipos e asociación propia

O éxito deste deporte en Galicia é único a nivel mundial. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura "segue medrando". "Somos unha cousa estraña en toda Europa e isto é un éxito dos que empezaron, pero sobre todo dos que manteñen a liga e permiten que a súa relevancia siga a crecer", insiste García, que cre que a participación de Galicia nun campionato mundial "é un reflexo do ben que se están a facer as cousas". Tan ben que, nun deporte completamente amateur, ata 250 xogadores e xogadoras se mobilizan cada fin de semana.

Xogan na competición o Estrela Vermelha (Compostela), Fill@s de Breogán (A Coruña), Irmandinh@s da Estrada, Mec@s FG (O Grove), Pontevedra FG, Braithreachas A Estrada, Ártabros de Oleiros, Auriense FG (Ourense) e UVigo FG. E para o ano incorporaranse Teo, Sanxenxo e Vilagarcía nunha liga galega que con xogadores autóctonos tan só existe na Bretaña.

Precisamente, Bretaña e Galicia son as dúas primeiras seleccións con xogadores non irlandeses que se formaron en Europa. E nin tan sequera España ten selección, porque nin tan sequera ten federación propia. Galicia foi pioneira en todo e por iso gañou o dereito a ter equipo oficial e a participar nun Mundial tras o convite da Confederación Europea, a European County Board. Pero non foi todo doado.

"Non é política; os xogadores decidiron xogar por Galicia e a decisión mantívose no tempo"

"O fútbol gaélico é un deporte irlandés do que non se intentou case nunca facer algo global. A nosa idea inicial era que houbese máis equipos en Galicia para poder disputar partidos e, no seu momento, os xogadores decidiron xogar con Galicia e foi unha decisión que se mantivo no tempo", explica Wenceslao García, que insiste en que "non foi unha decisión política, senón tomada polos practicantes deste deporte, sen máis". "Fundamos a Asociación Galega, recoñecéronnos na federación que rexe esta disciplina e intentamos artellar o equipo galego disputando cando menos un partido da selección ao ano". E así o fixeron, na última das ocasións poñendo en serios apuros un combinado irlandés. O que é algo así coma se un descoñecido lugar a onde hai pouco acaba de chegar o fútbol planta cara á selección brasileira.

Os principais atrancos, non obstante, si eran políticos. "Para os irlandeses, Galicia non é moi coñecida; foi complicado explicarlles porque queríamos ter selección propia e porque non queríamos xogar como España", explica García. Non hai moito, dez delegados dos clubs galegos desprazáronse a unha convención europea en Bélxica onde tiveron que defender a oficialidade da selección galega. A súa reivindicación foi entendida e a selección galega, posteriormente, convidada a un Mundial.

Galicia buscará en tres meses patrocinios e axuda para financiar o viaxe aos Emiratos Árabes dos 26 deportistas

"No fútbol gaélico non había seleccións, pero non queremos entrar na polémica política porque o que facemos é deporte; estariamos encantados de que houbese selección española e, no caso de que algún día a haxa, os xogadores poderán optar por unha ou por outra pero teriamos que establecer un mecanismo claro", insiste o comisionado da selección galega, que aclara que a verdadeira "preocupación" agora é conseguir o financiamento para que as 26 persoas que formarán a expedición oficial galega poidan desprazarse a Abu Dhabi.

Forman parte dun deporte amateur e non teñen axuda oficial ningunha. Agora, comezarán cunha campaña de crowdfunding e intentarán conseguir patrocinios. Ese é o reto. "Estamos a menos de tres meses e o que non queremos é que un xogador válido deportivamente non poida competir por causa económicas". Chamarán á porta de empresas e administracións. Poucas oportunidades históricas coma estas para dar a coñecer Galicia polo mundo.

Galicia contra Bretaña nun partido de fútbol gaélico © AGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.