O maratón volve no día do derbi

Saída dunha carreira popular CC-BY-SA Malojavio

Regresa o maratón a Galicia. E disputarase na Coruña, este domingo 15 de abril, coa saída marcada para unhas horas antes do outro grande acontecemento deportivo da fin de semana: o derbi galego de Balaídos. Logo de varios anos sen que o país acollese proba ningunha deste tipo, tras a desaparición do que se celebraba na Guarda, a cidade herculina será a sede dunha proba con milleiros de seguidores, unha urbe onde as carreiras populares son tradición desde hai tempo.

Malia a competencia do derbi, o éxito está máis que asegurado neste primeiro maratón homologado de Galicia. Xa  hai máis de 1.300 inscritos para completar os 42 quilómetros e 195 metros, a mesma distancia que segundo a lenda percorreu o soldado grego Filípides no ano 490 a. C. desde Maratón até Atenas para anunciar a vitoria sobre o exército persa. "É unha competición de primeira categoría. Trátase do único maratón homologado en Galicia, o que evidencia a importancia e a repercusión a nivel deportivo, económico e social que suporá para a cidade”, recoñece o concelleiro de deportes, Francisco Mourelo, que advirte que un cento de voluntarios colaborará co Goberno municipal na organización do evento.

Porque será un día especial na Coruña. Moitas das principais rúas da cidade cortaranse ao tráfico desde as 8 da mañá,  media hora antes de que dea comezo a proba. A saída da proba estará situada na Avenida de Montoto, na súa confluencia coa rúa Fama, e a meta na praza de María Pita. E xusto no día no que moitos coruñeses ateigarán os bares do centro para presenciar o encontro de rivalidade entre o Deportivo e o Celta. Aínda así, cando os últimos corredores estean chegando á meta, o partido xa terá comezado en Balaídos. Chegarán cansos, pero poderán ver o partido.

Actividades paralelas á carreira

Ademais da celebración do maratón, e con motivo deste, a cidade da Coruña gozará tamén o domingo dunha serie de actividades paralelas á carreira para que “aqueles que non corran poidan gozar do espectáculo e vivilo de xeito diferente”, segundo aclara o Concello. Así, a Casa da Auga acollerá Exporunning, unha feira para corredores onde se reunirán as mellores marcas deportivas, pero tamén haberá concerto da Sinfónica, outros recitais de bandas novas e música itinerante polas rúas. Ademais, tamén hai sitio para outros deportes, ao celebrarse un maratón de baloncesto, outro de voleibol, así como actividades de patinaxe en liña, entre outros eventos.

Saída dunha carreira popular CC-BY-SA Malojavio
Percorrido do maratón da Coruña © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.