Unha ducia de caixas galegas
Houbo un tempo no que non se falaba de primas de risco e no que era imposible atopar unha oficina dunha caixa galega en Murcia. Eran os anos nos que, practicamente, cada núcleo de poboación de relevancia tiña a súa propia caixa de aforros. Aínda que, probablemente, para a historia a frase "caixas galegas" fique ligada a Caixa Galicia e Caixanova o certo é que non foron as únicas e que, ademais, aínda existe unha.
-
01
Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña
Tivo o seu xermolo na contorna de 1842, nunha iniciativa do Concello da Coruña e da Sociedade Económica de Amigos do País que operaba na cidade. Quebrou en 1861 pero en 1876 fundouse unha nova, que en 1905 mercou na coruñesa Rúa Nova o edificio que acabaría sendo sede de Caixa Galicia. En 1944 fundouse coa Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Lugo.
-
02
Caja de Ahorros de Ferrol
Fundada en 1902, levou durante boa parte da súa historia o nome de Caja de Ahorros y Monte de Piedad de El Ferrol del Caudillo. Tivo á súa fronte ao falecido Antonio Lorenzo, encargado de negociar con José Luis Méndez para a integración en Caixa Galicia a finais dos anos 70.
-
03
Caja de Ahorros de Santiago
Fundada a finais do século XIX, foi das últimas en sucumbir ás fusións con Caixa Galicia. Así, en 1977 negouse á unión coas caixas de Ferrol e da Coruña e Lugo, aínda que finalmente accedeu a facelo en 1979, cando xa existía a Caixa de Aforros de Galicia, xa con José Luis Méndez á fronte. Da súa propiedade eran equipamentos sociais con nomes inimaxinables na actualidade, como o "Centro de Educación Especial de Subnormales".
-
04
Caja de Ahorros Provincial de Lugo
Foi a última das vellas caixas en nacer. Creouse en 1968 e foi a referencia na provincia luguesa durante case década e media. En 1982 pasou a formar parte de Caixa Galicia.
-
05
Caixa Galicia
A Caixa de Aforros de Galicia nace formalmente en 1978 como resultados da integración da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña y Lugo e da Caja de Ahorros de El Ferrol. Dende aquela apostou por ser a referencia no norte do país, absorvendo entidades como a compostelá e a luguesa. Nos anos 90 era xa a primeira entidade de Galicia e, sempre con José Luis Méndez como máximo responsable, expandiuse por todo o Estado e fóra del. A súa historia finaliza en 2010 cando, practicamente quebrada, desembocou na tamén desaparecida Novacaixagalicia.
-
06
As rurais da Coruña, Pontevedra e Ourense
A coruñesa, fundada en 1946, foi a máis feble das tres e chegou a ser intervida en 1984 polos seus problemas de liquidez. A de Ourense foi creada ao calor de Coren a comezos dos anos 60 e chegou a contar con medio cento de sucursais. A pontevedresa, pola súa banda, naceu en 1968 e tamén tivo que ser intervida nos 80 por problemas de solvencia. As tres desembocaron en Caixa Galicia antes de rematar esa década.
-
07
Caixa Ourense
Fundada en 1932, durante todo o franquismo o presidente da Caixa de Aforros Provincial de Ourense foino tamén da Deputación. Nos últimos anos da ditadura o Banco de España detectou unha fraude na concesión de créditos que lles custou o posto tanto ao presidente, Eduardo Olano, como ao alcalde e director xeral, Ricardo Martín. Seguiu intimamente ligada á Deputación ata 1999, cando acordou, tras duras negociacións, a fusión con Caixavigo.
-
08
Caixa de Pontevedra
O papel de Caixa de Pontevedra foi, ata certo punto, semellante ao da súa homóloga compostelá. A entidade, creada en 1930, foi a máis reticente á absorción por parte de Caixavigo a finais dos anos 90, se ben deu en ceder e propiou, xa no ano 2000, o nacemento de Caixanova.
-
09
Caixavigo
A inicialmente denominada Caja de Ahorros Municipal de Vigo botou a andar en 1880 e durante anos tivo a súa sede na actual Casa Galega da Cultura, no centro da cidade. A finais dos 60 xa tomou o bastón de mando Julio Fernández Gayoso, quen o conservaría tras o cambio de estatutos en 1980, que desligou as contas da entidade das do Concello e propiciou o nacemento da marca comercial Caixavigo. A gran caixa do sur foi a promotora da fusión de 1999 que deu lugar a Caixanova.
-
10
Caixanova
Con Manuel Fraga como padriño a caixa viguesa comandada por Julio Fernández Gayoso levou a batuta a finais dos 90 para a que quería ser a gran caixa do sur do país. Caixavigo logrou a fusión por absorción con Caixa Ourense e Caixa de Pontevedra, unha operación que chegou a ser investigada polo Goberno de José María Aznar ante o risgo de que vulnerase as normas de libre competencia, toda vez que superaba o 25% do mercado no seu territorio.
-
11
Novacaixagalicia
Resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova, impulsada decididamente dende a Xunta de Galicia e avalada polo Banco de España, que catro meses despois de autorizala xa considerou que non era viable. Novacaixagalicia foi a herdeira das alegrías financeiras e urbanísticas de quen administraron as entidades galegas como bancos privados de seu. O seu final estivo marcado pola intervención do Banco de España, o escándalo das preferentes e as indemnizacións millonarias dos ex directivos, aínda investigadas pola Xustiza.
-
12
Caixa Rural Galega
A resistente. A Caja Rural Provincial de Lugo naceu en 1966 cono herdeira da Caja Central de Ahorros y Préstamos, impulsada por sindicatos agrarios da contorna de Mondoñedo. Abriu a súa primeira oficina comercial en 1967 e dende 1988 é a única caixa rural do país, toda vez que as tres restantes foron absorbidas por Caixa Galicia. Galeguizou o nome en 1991 e en 2001 pasou a denominarse comercialmente Caixa Rural Galega. Dende 2003 esta cooperativa de crédito expandiuse fóra da provincia de Lugo e na actualidade non só sobrevive como única entidade financeira netamente galega, senón que o fai sen problemas de solvencia.