Marcos Pérez Pena

Unha ducia de de momentos de Cans

Aínda faltan uns cantos meses para que esta parroquia porriñesa acolla unha nova edición (a duodécima) do festival. Porén, estes días (e ata o 30 de xaneiro) pódese visitar na Coruña Ducia de Cansunha exposición na que durante 12 semanas se destacarán algúns dos momentos máis salientables das 12 edicións do evento. Proxeccións, coloquios, actuacións musicais... todo na sede de Normal, o espazo expositivo da UDC.

  1. 01

    O ano que saímos na CNN

    En novembro de 2011 Cans acolleu o cumio do G20. Ou cando menos iso dicían os mapas da CNN, que algo disto saberán. En todo o planeta puideron ver que a cimeira, que se estaba a celebrar na localidade francesa famosa por organizar un festival de cine, era situada no noroeste da Península ibérica. Pero claro, quen coñece Cannes? A anécdota mesmo lle deu nome ao documental "O ano que saímos na CNN", un making of da edición 2011 do festival.

  2. 02

    O jaliñeiro

    Non é raro que o lugar quede pequeno. A idea que meter os e as artistas nun galiñeiro para que ofrezan dende alí os seus concertos atrae centos de persoas, das que só un número moi selecto por ocupar bos lugares. E máis se alí se citan, coma sucedeu este anos, Pazos de Merexo e Kepa Junkera para ofrecer unha actuación irrepetible, que foi completada por un concerto sorpresa de Diplomáticos de Monte Alto.

  3. 03

    O chimpín

    O chimpín é o gran símbolo de Cans, tanto que ningún dos convidados e convidadas que nestes case doce anos pasaron polo festival quere perder a oportunidade de chegar montado nun. Pode que Cannes teña o glamour, pero non ten chimpíns.

  4. 04

    "Xeración Cans"

    Alejandro Marzoa, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Hugo Amoedo, Rafa de los Arcos, Isabel Ayguavives, Dani de la Torre, Fernando Cortizo, Alberto  Vázquez, Javier Veiga, Ángel Manzano..., todos eles e elas moi novos en idade, e todos pasaron por Cans, onde foron premiados e/ou presentaron os seus primeiros traballos. A súa traxectoria no mundo audiovisual está xa inevitablemente ligada a Cans.

  5. 05

    'Canastro Experience'

    Outro lugar que sempre queda pequeno é o hórreo no que artistas como Víctor Coyote ofreceron un concerto moi especial. Aquela experiencia chamouse "Ruído Baixiño" e en Normal buscaron estes días repetila da man do propio Víctor Coyote, cunha actuación pensada para tan só 12 espectadores, como máximo. Case coma o primeiro concerto dos Sex Pistols.

  6. 06

    As orixes

    Moitas cousas cambiaron no festival dende a primeira edición, necesariamente modesta, que só durou unha tarde de sábado e á que asistiron unhas 600 persoas. Un número para nada pequeno e que en parte se debía ao tirón, de Luís Tosar, premiado nesa ocasión. Por certo que por aí pasou "porque si" Javier Krahe. No 2005 o certame xa tivo un eco nos medios de comunicación de toda España. E en 2006 o número de asistentes, xa con tres xornadas de festival, superou as catro mil persoas. Isto xa se lles fora das mans :)

  7. 07

    O 'pedigree'

    Moitas cousas cambiaron, pero algunhas non. Entre elas o símbolo do festival, a silueta dese can que aínda hoxe enche as camisolas e carteis e é reproducido, en distintos materiais e tamaños, nas leiras e nas portas dos jalpóns. Cans ten pedigree

  8. 08

    'Agroglamour' e bravú

    O agroglamour é un dos conceptos que mellor identifican a Cans, un lugar no que a ninguén lle estraña a combinación de chimpibuses e alfombras vermellas. Todo moi bravú, ademais. "De non existir o Bravú, posiblemente non existiría Cans. Como mínimo somos curmáns", dicía Alfonso Pato, director do festival, en entrevista con Praza. A homenaxe, este ano, a este movemento era obrigada. Unha relación Cans-bravú na que tamén se afondará estas semanas en Normal. De feito, o luns 17 de novembro celebrarase o Día Bravú, coa participación de Rómulo Sanjurjo.

  9. 09

    Os concertos

    Cans non só é cine. O torreiro da festa (e outros espazos, coma os xa comentados jaliñeiro e canastro) acollen ducias de concertos, con nomes tan destacados coma os de Kiko Veneno, Ilegales, Siniestro total, Aerolíneas Federales ou Josele Santiago. Ou o moi celebrado (e difícil de esquecer) de Tony Lomba. Entre novembro e xaneiro Normal acollerá un bo número de actuacións que buscan recoller parte dese espírito: Transportes Hernández y Sanjurjo, Miguel Costas, Uxía, Xurxo Souto ou Grampoder.

  10. 10

    Pensando no futuro

    Unha das grandes preocupacións do equipo organizador do festival é que o certame deixe un "pouso" na parroquia, que constrúa cousas, asegurar o seu sostemento económico e, ademais, que xere e renove a afección polo cinema. De aí iniciativas coma Cans do futuro, grazas á que 500 rapaces e rapazas pasaron pola parroquia nos primeiros días do festival ou os proxectos Can Campus e Cans Proxecta, en colaboración coas universidades

  11. 11

    Máis estrelas que no torreiro

    Luis Tosar, Isabel Coixet, Juanma Bajo Ulloa, Fernando León, Tristán Ulloa, Mabel Rivera, María Pujalte, José Sacristán, El Gran Wyoming, Antonio Durán "Morris", Manuel Manquiña, Emma Suárez... Por Cans pasaron ducias de estrelas do cinema galego e español. E todas con, cando menos dúas cousas en común: todos pasárono teta, e todos queren volver.

  12. 12

    Os veciños e veciñas

    Cans non sería nada sen a parroquia que acolle todas as proxeccións e actividades, e sen a veciñanza que ano tras ano se implica para que todo funcione ben e para que os milleiros de visitantes pasen leven de alí unha imaxe inmellorable. Todos os anos o primeiro día do festival, o mércores, é o Día dos Veciños e son eles e elas as que compoñen o xurado encargado de decidir os traballos gañadores.