María Yáñez

Unha ducia de vídeos electorais para o 24-M

Volven as eleccións e con elas a nosa cita audiovisual favorita: os spots das campañas nos que os candidatos e cantidatas despregan os seus engados. Antes facíanse para os espazos electorais gratuítos en televisión, agora fanse para Youtube cando non para o Facebook directamente. Uns gastan máis cartos en usar efectos xa moi vistos como os timelapse ou as imaxes aéreas, outros apostan polo low-cost sen reparos e tiran do móbil ou do powerpoint, ou reutilizan imaxes da cultura popular, e en xeral, de novo, a chispa e a creatividade maniféstase máis cantos menos orzamento hai. 

  1. 01

    A animada vida de Paco Reyes

    A estética dos vídeos 'cuquis' este ano levouna ao máximo expoñente o equipo de Paco Reyes, o candidato do PSdeG á alcaldía de Santiago: música de ukelele e xilofón e un debuxo animado de trazo infantil que conta "a vida de Paco" cunha narrativa un tanto surrealista na que non se sabe moi ben onde acaba o relato biográfico e onde comeza o programa electoral, nin que é o que nos queren contar exactamente. O esforzo polo riquiñismo queda claro, aínda que o xogo coas iniciais PR (RecuPeraR Santiago) recorda demasiado a ZP. 

  2. 02

    Barcón en branco e negro

    A outra cara da moeda socialista preséntaa Mar Barcón, a candidata a alcaldesa da Coruña, que para esta campaña e precampaña adoptou a fotografía branco e negro como estética para os seus vídeos, quizais tratando de poñerlle seriedade á súa candidatura. O resultado é bonito pero o efecto faina distante, estetiza o seu modelo de cidade elevándoa un palmo por riba da realidade, e iso non a achega ao electorado por máis que nos vídeos se vexa a candidata abrazando, acompañando e camiñando coa xente. Se xa eses xestos nun político poden parecer impostados, co branco e negro e a música de piano paréceno máis. 

  3. 03

    Que falen os feitos (e o 'time-lapse')

    Cando os candidatos xa levan tempo de alcaldes o discurso adoita sacar peito dos logros acadados e da fachenda de cidade, polo que os vídeos electorais tampouco requiren de grandes ideas: abonda con retratar a parte máis luminosa da cidade, as obras novas, o feliz que é a xente pola rúa... e se os vecños teñen un mínimo de orgullo cidadán saberán a quen votar sen darlle máis voltas. A Abel Caballero nótaselle que as enquisas non lle preocupan e a súa campaña non é moi visible no que a vídeos ou redes se refire. A encarga á produtora debeu seri: poñedeme aí Vigo bonita, que se vexa bo tempo, solpores, os equipamentos municipais e e rotonda de Coia, claro. Para non se aburrir moito, os da produtora aínda xogaron algo coa cámara lenta o time-lapse. Nin voz en off fai falta. Así de sobrado vai Abel.

  4. 04

    O Obama galego

    Perante o Vigo de postal que nos ofrece Caballero, chega a revolución audiovisual por parte de Sinaí Giménez, o candidato de Iniciativa Independiente de Vigo autoproclamado "El Obama gallego", que non ten reparos en apropiarse da cultura pop (e Obama para o caso é máis parte dela que da política) para facerse viral cunha montaxe na que se combina a linguaxe épica dos trailers das películas con fotografías dos candidatos e dos problemas de Vigo que se queren resolver: o emprego, os desafuizamentos, os recursos naturais. Non é a primeira referencia a Obama que se fai na política galega, pero é das máis descaradas e por iso é de moito molar.

  5. 05

    Adolfo Suárez que estás no ceo

    Pero quen quere apropiarse dunha figura política internacional, habendo figuras exemplares da Transición española como foi o defunto Adolfo Suárez?  O nome do partido (Ciudadanos de Centro Democrático) xa é todo un homenaxe ao CDS cunha chiscadela á formación de Albert Rivera, pero o vídeo que fixo unha das persoas da candidatura, Ángeles Durán, combina a perfección a exaltación visual da figura do homenaxeado (que nos recorda ao sol dos Teletubbies asomándose polo ceo) coa prosaica presentación da candidata, que en primeira persoa conta que se atopa traballando en Italia, polo que a súa achega á campaña ten que ser este particular video-remix no que a imaxe non ten moito que ver co son e nin falta que fai. 

  6. 06

    O rap de Lores

    Como Caballero, Miguel Anxo Fernández Lores volve estar bastente tranquilo nestas eleccións. Só que, en vez de parar quieto como o alcalde vigués, ao de Pontevedra vaille a marcha e este ano apostou por unha campaña chamativa que o visibiliza como o Astérix das cidades galegas, o fortín do BNG que resiste á invasión do Partido Popular ou das mareas cidadás. E non lle teme a ningún formato mediático para chamar a atención, sexa o cómic "Lórix 2015" feito por Kiko da Silva ou este rap. Pensabamos que os cómics e os raps electorais estaban pasados de moda, pero non, aí temos o valente e irredento Lores2015 manténdose alleo ás tendencias e sen medo ningún a perder ou facer ou bordear o ridículo. 

  7. 07

    O círculo do BNG

    Quitada a excepción do esforzo propagandístico da campaña de Lores, o BNG este ano opta por aforrar e presentar varios dos seus candidatos e figuras do municipalismo nun mesmo vídeo, potenciando a marca da formación por riba das marcas individuais. Esa marca da candidatura á que se lle engadiu o apelido "Asembleas abertas" aprópiase da posta en escena asemblearia posterior ao 15-M, mesmo da idea do círculo que pode lembrar a Podemos, e leva ao seu terreo, que se semella máis a unha terapia de grupo ou a repregarse sobre si mesmos. A mensaxe xoga co estereotipo galego do "depende" para enunciar as súas propostas políticas en forma de dilemas binarios. Hase ver se panorama que se albisca despois do día 24 permite poñer as cousas simples ata ese punto. 

  8. 08

    A nai de Jaime Castiñeira

    Se o que se busca é a cercanía dos políticos, podemos dicir que Jaime Castiñeira, candidato do PP na cidade de Lugo, é o que máis e mellor aproveita este recurso nos seus vídeos electorais, nos que o seu equipo puxo a unhas cantas persoas do seu círculo familiar e amistoso a falar del. Ben, por suposto, aínda que súa nai non é a que o deixa en mellor lugar. Este vídeo é entrañable, case tanto como o de Aurita do bar "Os Tres Pés" que fala do bo cliente que ten sido Castiñeira, capaz de coller el mesmo as cañas da barra ou de recoller os vasos da mesa (pola súa experiencia traballando de camareiro), algo que o fai, segundo ela, un candidato ideal á alcaldía de Lugo.

  9. Video Presentación para os veciños. Un abrazo, espero que vos guste. O Montañes.

    Posted by Bodegón Montañes on Saturday, May 9, 2015
    09

    "O Montañés" de Cee

    Falando de bares e de camareiros, a revelación deste ano canda Sinaí Giménez é Álvaro Fernández Durán, "Ó Montañés", hostaleiro de Cee que se presenta por Converxencia Galega ás municipais da súa vila e que, sen saír da barra do bar, é quen de explicar ideas da chamada nova política á súa peculiar maneira, como a idea de facer referendos, os orzamentos participativos ou o código ético de «non faser lucro nincún». O seu vídeo, coma quen non quere a cousa e subido só a Facebook, acadou máis de 8000 visitas, cousa que "Ó Montañés" agradeceu noutro vídeo xa un pouco máis formal no sofá da súa casa, póndolle o hashtag #ídolodemasas

  10. 10

    Jacobo Moreira, o madrugador

    Jacobo Moreiras é un tipo que pon a alarma do iPhone ás 7 da mañá, almorza torradas e zumo, baixa ao garaxe comunitario, que está cheo de Audis, e sae zumbando para conducir polas rúas molladas de Pontevedra mentres contesta as preguntas que os pontevedreses lle fan polo Facebook. É a súa maneira de "darle la vuelta" á cidade de Pontevedra sendo o candidato do Partido Popular.  Pero non só vai en coche: tamén lle gusta camiñar polas rúas molladas e esquivar fochancas, como fai nestoutro inquietante vídeo no que tampouco se lle ve a cara ata o final. 

  11. 11

    O Braveheart de Lalín

    Na era do remix, dos memes e da viralidade non podían faltar as dobraxes e parodias de secuencias míticas de filmes como "O afundimento" con Hitler enfurecido (temos versión Compostela Aberta e versión Compromiso por Lalín), ou esta de "Braveheart" na que o libertador se chama William Cuiña e é un digno herdeiro de aquel Anxo Quintana que se facía pasar por Espartaco

  12. 12

    A ascensión ao Monte Viso

    O videoclip de Compostela Aberta, realizado polo cineasta Alfonso Zarauza, reune varios simbolismos: colle unha canción tradicional picheleira e pon a cantala a varios músicos da cidade, especialmente castigados polas políticas municipais que impiden a música ao vivo nos locais. En paralelo, homes e mulleres da candidatura cidadá soben ao monte do que fala a canción, o Monte Viso, para albiscar Compostela coa intención de tomala por asalto, como dicía o outro. O vídeo foi ademais estreado o día da patroa da cidade, a Ascensión.