Praza Pública

Unha ducia de fitos da historia do movemento LGTBI

Este domingo é 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, en conmemoración da Rebelión de Stonewall, que marcou o inicio do movemento moderno a prol dos dereitos LGTBI en todo o mundo. Foi un proceso inzado de dificultades, no que a comunidade gai, lésbica, bisexual e transexual foi gañando espazos sociais e adquirindo dereitos anteriormente reservados ás persoas heterosexuais. Aínda hai moito camiño que percorrer de cara á completa eliminación da discriminación, aquí e sobre todo noutros países do planeta. Eis algúns momentos importantes do camiño xa percorrido.

  1. 01

    Stonewall

    A historia recente do movemento lgtbi nace un 28 de xuño de 1969 no Greenwich Village de Nova York. Aquel día a policía levou a cabo unha redada (unha máis) no pub Stonewall Inn. A resposta dos e das clientas do local e dunha comunidade ata aquel momento fragmentada, oculta e silenciosa foron varios días de protestas e o comezo da autoorganización en todo o barrio. Ás poucas semanas creáronse varias asociacións e medios de comunicación defensores dos seus dereitos e un ano máis tarde celebráronse as primeiras marchas do Orgullo Gai

  2. 02

    Antes de Stonewall

    Pero a loita de gais e lesbianas por acadar a igualdade ou, cando menos unha certa tolerancia comezou moito antes de 1969. Non é só que se tratase de comportamentos non aceptados socialmente, senón que en moitos países a homosexualidade constituía un delicto. Dende finais do século XIX naceron sociedade que promovían visións máis abertas, coma a Liga mundial pola reforma sexual, e no período de entreguerras chegou a vivirse unha certo avance, que aínda tardou décadas en concretarse. Atrás quedaran outras épocas históricas (por exemplo o Medievo, como ben retrata Carlos Callón en Amigos e Sodomitas) nas que a homofobia aínda non fora construída socialmnte. 

  3. 03

    Marcela e Elisa

    Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga constituíron o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo de España do que hai constancia. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina. A nova da súa voda difundiuse axiña por toda España e por varios países europeos. Aínda non se sabe o que aconteceu con elas trala súa fuxida, crese que á Arxentina.

  4. 04

    A persecución durante a ditadura franquista

    O franquismo perseguíu millóns de persoas polas súas ideas e condenou España a un atraso de décadas. No caso dos homosexuais foi implacable. Aplicóuselles con dureza a Ley de Vagos y Maleantes (e despois a Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social), máis de cinco mil persoas foron detidas e mesmo se crearon cárceres e campos de traballo específicos. A Igrexa tivo un papel determinante nesta persecución.

  5. 05

    Primeiros movementos no Estado Español

    A comezos dos anos setenta, aínda en vida de Franco, creáronse as primeiras organizacións (clandestinas), seguindo o ronsel aberto nos Estados Unidos e en varios países europeos. En 1975 nace o Front d'Alliberament Gai de Catalunya, que o 28 de xuño de 1977 convocou a primeira manifestación do Orgullo, á que asistiron 5.000 persoas, e que foi duramente reprimida. O exemplo estendeuse por outros territorios, tamén por Galicia, onde pouco despois se constituíron os primeiros colectivos organizados.

  6. 06

    Primeiros cambios lexislativos

    En 1979 a Ley de peligrosidad y rehabilitación social foi reconvertida na Ley de escándalo público que seguía xustificando redadas e detencións. Non foi ata 1988, dez anos despois da aprobación dunha Constitución que consagraba "a igualdade entre todos os españois", que desapareceu do Código Penal esta figura de escándalo público. E é que había moitos prexuízos e resistencias que vencer, mesmo entre os partidos e militantes de esqueda. En 1995, unha nova reforma do Código Penal introduciu artigos que protexen especialmente a orientación sexual, considerando agravante de delicto a homofobia.

  7. 07

    A SIDA

    A aparición e extensión da SIDA tivo un forte efecto entre a comunidade homosexual; milleiros foron directamente afectados, moitos morreron e, ademais, implicou nos primeiros momentos unha nova estigmatización do colectivo. Así mesmo, como destaca a FELGTB, "a sida fixo que nos decatasemos de que eramos cidadáns e cidadás de segunda (...) Vimos como familiares que non quixeran saber en vida nada do seu fillo homosexual botaban do piso a súa parella, como quedaban sen pensión ou dereito a herdanza". Outra loita acelerouse.

  8. 08

    Cara á aprobación do matrimonio homosexual

    En 2005, trala vitoria de José Luis Rodríguez Zapatero, o Congreso aprobaba por ampla maioría a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, que dez anos máis tarde apenas é criticado xa por unha moi pequena parte da poboación, identificado con ideoloxías de extrema dereita. España converteuse no terceiro país do mundo en aprobalo, tras Holanda e Bélxica.

  9. 09

    Extensión dos dereitos

    Nos anos seguintes seguiron dándose pasos adiante, por exemplo para as persoas transxénero. A Lei 3/2007 de 15 de marzo, reguladora da rectificación rexistral da mención relativa ao sexo das persoas, facilitoulles as cousas, ao igual que outras modificacións legais para facer normal sobre o papel o que na rúa tamén comeza a ser máis normal. Porén, o colectivo transexual está entre o que máis sufriu nos últimos anos os axustes sanitarios e, ademais, hai aínda moitos espazos sociais nos que a igualdade está aínda lonxe.

  10. 10

    Organizacións en Galicia

    En Galicia contituíronse nas últimas décadas moitos colectivos en defensa dos dereitos LGTBI. Destacou a Federación Aturuxo, formada en 2004 por Raras somos todas (Vigo), Legais (Vigo), Milhomes (A Coruña), CGC (Santiago), Boga - Lesbianas de Galiza e ALAS (Lugo). O seu nome lembraba o título da primeira publicación de reivindicación gai-lésbica que se editou en Galicia, en 1980. Maribolheras Precarias, Nomepisesofreghao, Oquenosaedacona, o Coletivo TransGaliza, 7 Cores, Galentendo, Aleas e a recentemente creada Ultreia son outras das moitas entidades que traballan ou traballaron neste campo

  11. 12

    Primeira lei contra a discriminación

    En maio de 2014 o Parlamento galego aprobou a primera lei promovida en España contra a discriminación dos colectivos LGTBI, unha norma que se ben non é perfecta (mereceu algunhas críticas nalgúns colectivos e a abstención de AGE) supuxo un gran avance en moitas cuestións e situou a Galicia á vangarda de modificacións lexislativas que despois realizaron outras comunidades.

  12. 13

    O presente e o futuro das reivindicacións do Orgullo

    Os avances legais e institucionais en España teñen mudado parte do espírito que nalgún momento adquiriu o Día do Orgullo LGTBI. Porén, o 28 de xuño segue sendo unha xornada de reafirmación da identidade de cada persoa e do seu dereito a ser como é e queira ser en calquera espazo e situación social. Hai, ademais, moitas cuestións nas que a igualdade de dereitos non é real: dende a xestación subrogada, o acceso das parellas lesbianas á reprodución asistida en Galicia, a situación das persoas maiores LGTBI, a situación das persoas transexuais ou a persistencia de fenómenos de homofobia, sobre todo en certos ámbitos e nas zonas rurais.