Unha ducia de festivais de verán
O verán é tempo de música e de festivais. De Foz a Nigrán, de Carballo a Pardiñas, de Viveiro a Compostela, Galicia énchese estas semanas de concertos, que abranguen todos os estilos. Repasamos algúns deles nesta ducia sonora.
-
01
Sereas e Piratas (11 de xullo)
Neste verán xa tivemos un feixe de festivais de todo tipo (Cultura Quente, Festival do Norte, Derrame...). O seguinte no calendario é o Sereas e Piratas de Carballo, celebrado coma todos os anos nun escenario inmellorable: a praia de Razo. O festival celebra o seu décimo aniversario cun cartaz moi interesante: Aerolíneas Federales, Los Punsetes, Jupiter Lion, Bigott, Puma Pumku, Álex Casanova..., actividades para nenos e tamén relacionadas co surf. Música e praia!
-
02
Vrao (10-11 de xullo)
O Festival Vrao, de Foz, celebra esta fin de semana a súa segunda edición, de novo organizado pola asociación Ó! Cultural, e cunha gran presenza de novas bandas galegas, como Cazador, Músculo!, Bala ou Cuchillo de Fuego.
-
03
Festival de Ortigueira (16-19 de xullo)
Un ano máis o Festival do Mundo Celta levará ao Ortegal algúns dos mellores artistas do folk galegos e de todo o mundo. Son xa 31 edicións e nesta algúns dos protagonistas serán Cristina Pato (Galicia), Sharon Shannon (Irlanda), Xabi Aburruzaga (País Vasco), Budiño (Galicia), Finnegan - McSherry Project (Irlanda) ou Capercaillie (Escocia)
-
04
Resurrection Fest (16-18 de xullo)
O Resurrection Fest de Viveiro leva anos consolidándose coma o máis importante festival de heavy e hardcore da Península. O pasado ano máis de 40 mil persoas pasaron por el, e este ano de seguro repetirá o seu éxito, cos atractivos de Motörhead, KoRn ou Refused.
-
05
Portamérica (16-18 de xullo)
Volve o Portamérica. Do 16 ao 18 de xullo pasará polo Porto de Molle (Nigrán) unha variada programación, na que destacan Molotov, Calle13, Vetusta Morla, Buzzcocks, The Divine Comedy, Xoel López, Arizona Baby, Supersubmarina ou Is Tropical
-
06
Sinsal San Simón
A Illa de San Simón acolle un ano máis o Sinsal. Un festival diferente por moitas cousas: polo espazo escollido -ao que só se pode acceder en barco-, polo seu cartaz -que permanece oculto ata o seu mesmo comezo- e polo coidado co que se escollen os grupos e artistas participantes.
-
07
Festival Intercéltico do Morrazo
O XXXI Festival Intercéltico do Morrazo celebrarase en Moaña o 24 e 25 de xullo, presentando este ano unha imaxe gráfica e web renovadas e cun cartaz encabezado por Roi Casal, Uxía e Narf.
-
08
Festival de Pardiñas (1-2 de agosto)
O Festival de Pardiñas, en Guitiriz, celebra a súa XXXVI edición, coa participación de Nao, Sés ou O Sonoro Maxín.
-
09
Noroeste Pop Rock (3-7 de agosto)
O Concello da Coruña anunciou recentemente que mudará o formato do Noroeste Pop Rock, estendendo os seus concertos por toda a cidade e incrementando a súa duración. Haberá 30 concertos de bandas de ámbito galego, español e foráneo.
-
10
Felipop (6-8 de agosto). V de Valarés (14-16 de agosto)
O Felipop de Limodre (Fene) chega á maioría de idade coa súa 18ª edición. Do 6 ao 8 de agosto actuarán Puma Pumku, The Pretty Things, Camarada Nimoy ou Tachenko. Unha semana máis tarde, do 14 ao 16 de agosto, a praia de Valarés, en Ponteceso, vivirá unha nova edición do seu festival Con V de Valarés, que finalmente recibiu o necesario permiso da Xunta para a súa celebración, en dúbida por estar este espazo incluído na Rede Natura 2000.
-
11
Revenidas 2015
O Revenidas 2015, que se celebra a finais de agosto en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), aínda non ten cartaz, que se anunciará nas vindeiras semanas, pero o que é seguro é que o festival seguirá apostando pola música e as bandas galegas, coma na masiva edición do pasado verán.
-
12
Osa do Mar (4-5 de setembro)
En setembro aínda hai tempo para achegarse a algún festival, por exemplo a Burela, onde o Osa do Mar celebra a súa segunda edición. Jupiter Lion, Novidades Carminha, Disco Las Palmeras!, Toundra..., nun cartel aínda aberto.
-
13
WosInc (11-13 de setembro)
O WosInc de Compostela servirá un ano máis para despedir o verán, buscando repetir a fantástica experiencia do pasado verán. E, coma o pasado ano, haberá moito máis que (boa) música: debate, performances, artes escénicas..., distribuídas por espazos singulares de toda a cidade. Incubando ideas! E sen esquecer que ao longo de todo o verán (do 2 de xullo ao 29 de agosto) a Cidade da Cultura acollerá a completa programación musical dos Atardeceres no Gaiás