Unha ducia de retratos da loita do leite
Esta semana o sector lácteo galego volveu saír á rúa cos seus tractores. Arrodearon a Muralla lucense durante máis dun día e, con expresións diversas, manifestaron a loita desesperada pola supervivencia do sector.
-
01
Unha familia polo futuro
Esta familia desprazouse en pleno ata Lugo. Os máis novos da casa botaron man da súa arte e dun catálogo de xoguetes para amosar o que desexan para o seu sector.
-
02
Multitude
A lucense Ronda da Muralla ficou pequena ante a afluencia de tractores e manifestantes.
-
03
Co país por bandeira
Foron varios os tractores que luciron a bandeira galega durante a mobilización. Neste caso, as bandeiras das festas foron recicladas para a ocasión.
-
04
Os veterinarios
Non só as gandeiras e gandeiros dependen do leite. Son moitos os profesionais implicados, e así o fixeron saber en Lugo.
-
05
Saudando un futuro incerto
Estes nenos elaboraron na casa unha cartolina coas reivindicacións familiares. A casa depende do leite, viñan dicir dende o tractor da familia.
-
06
Veteranos e abandeirados
Ao chegar ao complexo administrativo da Xunta a tractorada estivo durante un anaco encabezada por estes senlleiros Massey Ferguson
-
07
Con Río polo chan
O propietario de Leite Río, Jesús Lence, foi un dos destinatarios de boa parte das consignas dos gandeiros que participaron na mobilización. Un deles quixo simbolizalo arrastrando envases de marcas de leite deste grupo empresarial.
-
08
Non chuchedes máis!
No inicio da manifestación os tractores seguían a chegar pola Avenida da Coruña. Un dos manifestantes expresou dun xeito moi gráfico como se sente o sector.
-
09
Castroverde, presente
Os gandeiros de Castroverde están a facerse notar en todas as mobilizacións. É unha das contornas que máis depende do leite.
-
10
Que leva quen muxe?
A terra para quen a traballa, e a vaca para quen a muxe.
-
11
Alcaldes e alcaldesas
A rexedora de Lugo e varios alcaldes, alcaldesas e edís da provincia esixiron solucións conxuntamente.
-
12
Locais pechados en solidariedade
Algúns dos locais comerciais do centro de Lugo, como este da rúa da Raíña, pecharon un anaco para solidarizárense cos gandeiros.