David Lombao

Unha ducia de ideas para celebrar o Samaín coa rapazada

Haberá quen saia co conto de que o Samaín é unha "tradición inventada". Efectivamente, é. Como todas as demais. O conto é que, antes de que existise a Coca-Cola e a festa dos defuntos chegase á outra beira do Atlántico e volvese, de rebote, convertida no Halloween, por esta e outras bandas europeas xa existían festas coma esta. Botando man das propostas lanzadas por Alí e algunhas outras, velaquí vai unha ducia de ideas.

  1. 01

    Baleirar e decorar as cabazas

    Cabazas e calacús foron protagonistas da noite do 31 de outubro ao 1 de outubro en Galicia moito, moito antes de que fosen asociadas ao marketing americano. Cun pouco de habilidade e paciencia, pódense facer figuras ben xeitosas que alumeen nas tebras do Samaín.

  2. 03

    O Samaín, en Pimpín por aquí non vin

    Dentro da colección Pimpín por aquí non vin (Galaxia), atopamos un libriño que é tamén un xogo de preguntas e respostas sobre a "festa das cabazas".

  3. 04

    Cos Bolechas

    A familia máis popular entre a rapazada galega tamén celebra o Samaín. Os personaxes de Pepe Carreiro protagonizan unha unidade didáctica coa historia da festa, xogos, receitas... Sen tempo para o aburrimento.

  4. 05

    O pesadelo no armario

    O Samaín pode ser un bo momento para atender o que conta Un pesadelo no meu armario (Kalandraka), un volume útil para espantar medos.

  5. 06

    Cocos e monstros

    Na web Galicia Encantada ofrecen unha amplísima listaxe de cocos e monstros cos que dar sustos na noite do Samaín. Así e todo, xa advirten que non teñen por que facer mal: "poñen medo, aínda que a maioría son inofensivos"

  6. 07

    A cabaciña que corría

    Este é un conto moi popular en Portugal e no Brasil, con títulos diversos: A velha e os lobos, O macaco e a cabaçaA cabacinha ou A vella que ia na calabaça e encontrou um lobo. OQO editouna como Corre corre, cabaciña e nel cóntase como unha velliña que vai á voda da súa neta atopa polo camiño un lobo, un oso e un león que a queren comer e, no canto de asustarse ou escapar, negocia con eles.

  7. 08

    Sinforoso, o can temeroso

    Unha boa noite para poñer o medo no seu sitio é a do Samaín. Podémolo facer con Sinforoso, o can temeroso, a historia dun canciño que "choromica polo día" e "pola noite agocha o rabo polo medio das patiñas". Está incluído na colección d'Os libros da merenda, de Urco Editora.

  8. 09

    Fiz, o coleccionista de medos

    Fiz é, nada máis e nada menos, que "o neno máis medorento do mundo". En libro e en vídeo (OQO Editora), Fina Casalderrey e Teresa Lima trasládannos a unha historia ben bonita na que se amosa que expresar os sentimentos non é, para nada, algo malo.

  9. 10

    Un Samaín dixital

    No CEIP de Pazos, en Ferrol, propoñen pasar un anaco do Samaín cos pasatempos interactivos que deseñaron no centro. 

  10. 11

    A banda sonora da noite, con Paco Nogueiras

    Dentro do seu disco Brinca vai! (Kalandraka) Paco Nogueiras cántalle ao Samaín e tamén lle pon imaxes.

  11. 12

    A miña amiga invisible

    Nesta noite do Samaín mortos e vivos andan mesturados. Pero o resto do ano, a morte tamén está presente. N'A miña amiga invisible (Baía Edicións) Ana explica como superou a morte da súa avoa.